Sobre o autor
Luis Sánchez Rodríguez, Luis Rebor de Laves, naceu na Piroga, San Amedio de Bamiro, Vimianzo (A Coruña) a finais do ano 1955. A súa familia cruzou o río Grande (río do Porto) e instalouse en Baio Pequeno, Santa María de Baio, Zas (A Coruña), cando el tiña tres anos. É licenciado en Dereito.
Dende os 22 anos e ata os 66 traballou na Administración Pública, primeiro na estatal e, desde 1997, na autonómica da Xunta de Galicia. Desenvolveu, entre outros postos de traballo, a Xefatura da Sección de Intervención de Mercados do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e, desde o mes de abril do ano 2014, encargouse da Xefatura do Gabinete de Normalización Lingüística da Coruña da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xubilouse neste último destino en decembro de 2021.
O documento “Mulleres, homes e homiños” comezou a súa andaina no mesmo abril do ano 2014. O autor tiña dúas pretensións prioritarias: a fusión de datos, dispersos en distintas fontes, sobre das persoas represaliadas polo franquismo en Galicia e a posta en valor para as galegas e galegos de hoxe en día dos feitos e penalidades que sufriron aquelas e aqueles demócratas, veciños nosos, sobre dos que a historia fixo mutis e que, polo tanto, tan pouco coñecemos e recoñecemos.
Este traballo, ao que tanto lle queda por engadir, alongouse por once anos e rematou, dalgún xeito, nos primeiros días de xuño de 2025. Queda moito camiño por percorrer e agardo que este estudo serva de fonte para moitas outras iniciativas que afonden na recuperación da nosa memoria histórica.