← Volver atrás

López da Torre, Tomás

Alcume: o Galo
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

Betanzos
(A Coruña)
- 01/01/1899 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 01/10/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado e político, 37 anos. Casou aos 20 anos con María-Luisa Loureda Espiñeira, de 15 anos; tiñan un fillo de 13 anos: Tomás. Veciños da rúa Valdoncel, 29, en Betanzos. O seu pai tivo a concesión do Estanco de mistos. Estudou a carreira de Dereito en Madrid.

Colaborou desde 1922 coas Irmandades da Fala, que o achegaron ao nacionalismo.

En 1926 presidiu a Comisión de Festas de Betanzos.

Colaborador de La Voz de Galicia e de El Obrero de Ferrol.

Coa Revolución de outubro de 1934, prendérono, procesárono e encarcerárono; ao saír do cárcere pasou un tempo no Principado de Asturias e encargouse da defensa dos mineiros e dirixentes sindicais procesados en consellos de guerra despois da folga xeral revolucionaria.

No ano 1931 ingresou como militante do PSOE, na facción de Francisco Largo Caballero, e na UXT. Segundo Luis Lamela, era socio do Centro de Estudos Sociais Germinal. Concelleiro de Betanzos en varias ocasións na ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja. Xa nas filas da Fronte Popular (FP) foi alcalde de Betanzos, entre abril e xullo de 1936 e deputado provincial, apenas tres meses.

Tiña, entre outras persoas, como compañeiros na Corporación de Betanzos de 1936 a: José-María Novo Rodríguez (alcalde en 1932), executado; Ramón Beade Méndez, encarcerado; Ricardo Bonome Seoane, fuxido; Bernardo Miño Abelenda, executado.

Executado.

Cando se produce o alzamento sedicioso estaba en Madrid na presentación do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG). Volveu a Betanzos coas hostilidades xa iniciadas.

O día 22 de xullo de 1936, despois do golpe de Estado, columnas de blindados dos sublevados achegáronse a Betanzos e enfrontáronse aos veciños leais e a Garda Civil. Rematada a resistencia os milicianos e as autoridades fuxiron de Betanzos. Despois da ocupación da cidade polos sublevados, tres paisanos de Ferrol, aos que animaron os golpistas, incendiaron a igrexa e o convento de San Francisco, a biblioteca e parte do concello.

Os ditos asaltos e incendios atribuíronllos aos republicanos e, como consecuencia, produciuse unha dura represión contra deles. O día 22 de xullo, a Tomás e a José-María Novo Rodríguez, que tamén fora alcalde de Betanzos, detivéronos os sublevados á altura de Guitiriz (Lugo) e ingresáronos na Prisión Provincial de Lugo; trasladáronos a cadea en Betanzos o día 29; o día 3 a Tomás enviárono á Coruña.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña o día 26/09/1936, na causa 177/36, polo delito de rebelión militar, por resistirse aos sublevados e por ser un dos responsables dos incendios e saqueos de Betanzos, feitos estes últimos que negou argumentando que xa se atopaba detido cando se produciran tales delitos. Condenárono á pena de morte e executárono no Campo da Rata, na Coruña. Soterrado en Betanzos.

Neste xuízo procesaron a: David Arias López, Alejandro Castro Castro, Daniel Castro López, Marcial Cedrón González, Jesús Fernández López, Eduardo González Díaz, Tomás López da Torre, Manuel López López, Pedro-Juan López López, José-Ramón López Méndez, Julio López Rodríguez, Manuel Méndez Vázquez, José Ojea Méndez, Jesús Pérez Fernández, José-María Pérez Méndez, Domingo-Antonio Rodríguez González, Ramón Vázquez Fernández, Avelino Vázquez López e José Vázquez López.

Na instrución do seu proceso acusárono, con Ramón Beade e José-María Novo, de ter un importante papel na oposición aos golpistas en Betanzos, tentando atraer á Garda Civil e aos carabineiros e desarmando ás xentes das dereitas, de armar aos veciños e de enviar reforzos á Coruña. Realmente en Betanzos empregouse intensamente en frear aos exaltados, que querían liquidar a persoeiros das dereitas. Asaltouse o Casino, asediouse o domicilio do comerciante José Babío Teijeiro, a multitude entrou no convento de San Francisco e a dous curas cercáronos na súa casa. Estes incidentes puxéronse de manifesto no seu xuízo para certificar a súa “maldade” e “salvaxismo”.

Na súa defensa manifestouse que evitou moitos altercados e mantivo a orde dentro das limitacións de tan tensa situación. Salvou o cuartel da Garda Civil diante das milicias chegadas de Viveiro (Lugo). Actuou como intermediario entre milicianos da CNT e o empresario José Babío Teijeiro, resolvendo o conflito coa entrega de 500 kg de fariña. Evitou a destrución do convento de San Francisco, que invadiran os da CNT na procura de armas. Presentouse diante da casa dos curas asediados e que esgrimían armas, personándose coa Garda Civil e convencendo aos asediantes da liberación dos curas. Tamén protexeu a destacados dereitistas como Manuel Becaría, Carmen Pita Caramés (de Acción Católica), Carlos Peña Rodríguez e José Calviño Salazar, entre outras persoas. As testemuñas, xente das dereitas, declararon que aínda sendo socialista, evitara moitos altercados e linchamentos. As testemuñas totais achegadas entre defensa e acusación chegaron case que a 70.

Na súa derradeira carta, preso e pouco antes de morrer, sinalou: “...Después de dos meses preso durante los cuales se instruyeron dos expedientes que fueron sucesivamente examinados para ver si había materia en que fundar mi muerte, se me sigue un juicio “sumarísimo” que dura dos días entre el procesamiento y la condena, donde se me prohibe defenderme, viéndome obligado a confiar esta misión a un amigo, teniente de Artillería, que se comportó caballerosamente, ayudándome a bien morir. Tuve que contestar en unos minutos, de noche, a un sin fin de cargos, todos absolutamente falsos, fundados en supuestos dichos de gentes que no comparecían, ni se relacionaban o habían muerto sin guardar constancia de su declaración. Pero por encima de todo esto, carente de base, existía el motivo cierto: se castigaba en mi al abogado que en Asturias luchó en favor de los procesados por Octubre de 1934. La misma persona que entonces me corrigió disciplinariamente, ahora firma mi sentencia. Es la lógica consecuencia de haberlo conservado en el puesto...”.

Nesta última carta tamén pedía axuda aos compañeiros de partido socialista para o seu fillo e o seu irmán, pois os seus pais quedaban na ruína. Esta carta asinouna o día 27/09/1936. Na P.D. Pide que axuden aos das dereitas que declararon ao seu favor; tiña plena confianza naqueles primeiros momentos de que a República sairía triunfante.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.