← Volver atrás

González Vallés, Florentino

Perfil histórico: Represor

Datos persoais

Situación: Golpista

Nacemento:

Santiago de Cuba
(Cuba)
- 05/10/1884 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 26/11/1938 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Militar e político, 51 anos. Casou en 1910 con María Sánchez Abelenda; tiveron cinco fillos. En 1903 ingresou na Academia de Infantería e despois na Garda Civil, servindo como tenente en 1911 en Vilalba (Lugo). No ano 1930 era comandante e chegou a acadar o grao de tenente coronel da Benemérita.

Estivo implicado no intento de asasinato do gobernador civil da Coruña Francisco Pérez Carballo, en abril de 1936, por medio dun garda civil que obedecía as súas ordes.

En abril de 1936 cesárono no seu destino e declarárono dispoñible forzoso por asistir, sen autorización, ao enterro do alférez da Garda Civil Anastasio García de los Reyes en Madrid o día 16/04/1936. Anastasio resultara morto nun tumulto na capital, cando se celebraba a festa da proclamación da II República; estaba ás ordes do tenente coronel Vallés. Á comitiva fúnebre, que non tiña autorización, disolveuna a Garda de Seguridade e Asalto, que dirixía o tenente José del Castillo Sáenz de Tejada. José del Castillo sería asasinado por un grupo de falanxistas, o que á súa vez motivou o asasinato de José Calvo Sotelo; todos estes actos acabaron por ser unha das causas da Guerra Civil Española.

Nos meses anteriores ao alzamento dos rebeldes a Garda Civil fixo un seguimento de políticos, sindicalistas e masóns da Coruña. González Vallés entregou estes informes á Falanxe coruñesa nunha etapa na que o arredaran, de xeito disciplinario, do servizo e cando era xefe do Parque Móbil da Garda Civil en Madrid, nos arredores de maio de 1936. Estes datos traerían tráxicas e amargas consecuencias para moitos coruñeses.

Golpista.

Chegou á cidade da Coruña uns días antes de producirse o golpe dos rebeldes e tivo unha actuación decidida no seu desenvolvemento.

O día 09/08/1936 nomeárono gobernador civil da Coruña, posto no que o relevou, en outubro de 1936, Francisco de la Rocha Riedel e substituíno como delegado de Orde Pública Leoncio de la Peña.

Decidido represor cando ocupou o cargo de delegado de Orde Pública. Máis tarde foi xefe da comandancia da Garda Civil de León, de Lugo (abril 1937), da Coruña (febreiro 1938), de Santander (Cantabria) e de Pontevedra.

Sendo delegado de Orde Pública na Coruña tratou de incautar os fondos que se obtiveran para a promoción do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) e o plebiscito do 28/06/1936. Non o conseguiu.

A represión física para castigar os delitos chamados políticos exerceuse desde o primeiro momento. “Las atrocidades cometidas no pueden compensarse con las del campo opuesto” (Manuel Azaña Díaz). Todos os supostos delitos de rebelión, sedición, resistencia, espionaxe, etc, pasaron á xurisdición militar. A Falanxe e as Xuventudes de Acción Popular (XAP) convertéronse na policía política, co apoio da Garda Civil e a Policía Armada e baixo o mando de Florentino González Vallés. Cos paseos e os encarceramentos executaron o que se deu en chamar a “higiene social”.

Cando a situación na Coruña se normalizou en canto á resistencia, os militares sublevados e a forza pública, apoiados por Falanxe e os “Caballeros de La Coruña”, iniciaron a clausura das sedes e locais dos distintos grupos políticos, sociais e culturais de signo republicano, incautando os bens, o que se fixo “con detenimiento y escrupulosidad” segundo o delegado de Orde Pública Florentino González Vallés, tenente coronel da Garda Civil.

Despois de que o cesaran no cargo da Coruña, foi delegado de Orde Pública en Donostia (Guipúscoa) e xefe da Comandancia da Garda Civil en León, Lugo (abril 1937), A Coruña (febreiro 1938), Santander e Pontevedra.

Morreu vítima do cancro. O seu fillo Guillermo, alférez de Artillería, morreu na fronte de guerra en maio de 1937 e, a outro fillo, Lorenzo, asasinouno a ETA en setembro de 1979, cando era gobernador militar de Guipúscoa. Unha filla e un xenro morreron menos dun ano antes ca el.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.