← Volver atrás

Calvo Sotelo, José

Perfil histórico: Sen participación directa

Datos persoais

Situación: Axustizado

Nacemento:

Tui
(Pontevedra)
- 06/05/1893 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Madrid
- 13/07/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado, xuíz e político, 43 anos. Casado con Enriqueta Grondona Bandrés (Toledo). Veciños da rúa Velázquez, 89, en Madrid. Ministro de Facenda de decembro de 1925 ata febreiro de 1930, na ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja. O día 18/02/1930 nomeárono presidente do Banco Central.

Despois da caída da ditadura, reuniuse o día 15/03/1930 con Primo de Rivera en París para convencelo de que se presentase ás eleccións, pero o ditador morreu ao día seguinte. O día 24 do mesmo mes, nunha nova reunión de ex-ministros, á que se sumou o fillo do ditador, José-Antonio Primo de Rivera Sáenz de Heredia, creouse a Unión Monárquica Nacional (UMN).

Cando os republicanos gañaron as eleccións en abril de 1931, Calvo Sotelo auto-impúxose un exilio en Portugal e logo en París (Francia), para evitar ser xulgado nos primeiros anos da II República; o propio Goberno republicano indultaríao. Monárquico, pero contrario á restauración de Alfonso XIII e partidario da instauración, pedía a abdicación do rey en don Juan.

En agosto de 1932 apoiou o golpe militar de José Sanjurjo Sacanell, a "Sanjurjada". En febreiro de 1933 trasladouse a Roma (Italia), onde solicitou o apoio de Benito Mussolini para a instauración monárquica, con poucos resultados.

Nas eleccións de 1931 gañou un escano por Ourense, o único dos monárquicos. Nas eleccións de 1933 volve ser elixido deputado por Ourense e pola Coruña, como candidato do partido Renovación Española (RE), pero non puido regresar a España ata que se produce unha amnistía durante o "Bienio radical-cedista" en 1934.

Concédeselle a amnistía o día 30/04/1934 e xa estaba en Madrid o día 04/05/1934. Non mantivo boas relacións con outras forzas das dereitas, como a Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) ou a Falanxe Española (FE).

Foi o propio José-Antonio quen lle denegou o acceso a Falanxe temendo que a súa figura o solapara a el; ademais José-Antonio non era monárquico, non había empatía entre eles e non lle perdoaba que se exiliase e non defendera a ditadura do seu pai no país. Calvo Sotelo non atopaba acomodo político.

Despois da dimisión do presidente do Goberno, Joaquín Chapaprieta Torregrosa, en decembro de 1935, o presidente da República Niceto Alcalá-Zamora Torres, pediulle a José-María Gil-Robles Quiñones, líder da CEDA, o partido con máis deputados nas Cortes, que formase Goberno. Calvo Sotelo considerou esta decisión como "un golpe de Estado presidencial". Ante esta situación, Alcalá-Zamora, desexando que no resultado das novas eleccións non houbera tanta radicalización dereita-esquerda, encargou a formación de Goberno ao moderado Manuel Portela Valladares; a súa intención era que Portela formase un grupo forte de centro. Para este fin alongou o que puido o prazo electoral, pero un dos que máis se opoñía a este adiamento era Calvo Sotelo. Alcalá-Zamora veuse obrigado a disolver as Cortes e a convocar eleccións.

José Calvo Sotelo, antes de que se convocasen as eleccións de febreiro de 1936, tiña a seguridade de que era moi posible que as dereitas as perderan e que, de ser ese o caso, se produciría unha sublevación militar. Entrevistouse con Francisco Franco Bahamonde para pedirlle que os militares se alzasen antes da consulta. Franco negouse.

Co triunfo da Fronte Popular (FP) na primeira volta, as masas saíron á rúa para celebrar o triunfo e para poñer en liberdade aos encarcerados por mor da folga xeral revolucionaria de outubro de 1934. O Goberno de Manuel Portela Valladares atopábase nunha situación crítica. Franco, Gil-Roles, Calvo Sotelo e Alcalá-Zamora pedíronlle que permanecera á fronte do Goberno ata a segunda volta electoral. Portela presentou a dimisión o día 19/02/1936 e o presidente da República encargou a formación de Goberno a Manuel Azaña Díaz.

Na tensa etapa de febreiro a xullo de 1936 solicitou nas Cortes que o Goberno restablecese a orde pública, se era preciso empregando incluso ao Exército. Esta posición gañoulle simpatías pero convertérono o centro dos ataques da esquerda.

Tivo graves enfrontamentos parlamentarios co presidente do Goberno Santiago Casares Quiroga e chegou a defender o golpe militar contra da anarquía reinante. Mantivo que o Goberno protexía máis as milicias da Fronte Popular que ao propio Exército e ás forzas de seguridade. Casares acusouno de simpatizar con grupos que chamaban ao golpe militar, do que o facía o máximo responsable. Tamén sufriu ataques do PCE, a través de Dolores Ibárruri Gómez, quen lle dixo que era unha vergoña que a República non o tivera xulgado por que fora ministro na ditadura.

Nun mitin en Lugo, non moito antes de ser asasinado dicía "Se ha olvidado la jerarquía principal, la de Dios, y al olvidarla se quedaron faltas de apoyo las otras jerarquías del Estado, del orden, etc".

Axustizado.

O día 12/07/1936 morre asasinado o tenente da Garda de Seguridade e Asalto, José del Castillo Sáenz de Tejada, militante do PSOE; asasinado a tiros por falanxistas ou carlistas (segundo as versións). Castillo era instrutor das milicias que pertencían a "La Motorizada", unha especie de milicia dos socialistas madrileños. Todos clamaban contra as accións de asasinatos que cometían os pistoleiros de Falanxe.

O ministro de Gobernación, Juan Moles Ormella, permitiu que se detivese aos falanxistas que estaban na clandestinidade. Na madrugada do día 13 de xullo unha das furgonetas da Garda de Seguridade e Asalto, na que tamén ían os milicianos socialistas Luis Cuenca Estevas, Santiago Garcés Arroyo e o capitán da Garda Civil Fernando Condés Romero (amigo do asasinado del Castillo), na procura de falanxistas recibiran un enderezo errado. Nesta situación, algún propuxo ir á casa de Antonio Goicoechea Cosculluela, líder de Renovación Española (RE) co propio Calvo Sotelo, pero non o atoparon no seu domicilio. Optaron pola de Gil-Robles, quen, á súa vez, pasaba o verán en Biarritz (Francia).

A terceira alternativa sería a do domicilio de Calvo Sotelo, quen si estaba na casa e pedíronlle que os acompañara á Dirección Xeral de Seguridade; nun principio negouse, pero ao identificarse como capitán da Garda Civil Condés, decidiu acompañalos; era a unha da madrugada. No camiño, Luis Cuenca pegoulle dous tiros diante da sorpresa dos demais. Luis Cuenca era gardacostas do entón líder do PSOE Indalecio Prieto Tuero.

Condés e Cuenca deron conta dos feitos as autoridades socialistas. Cuenca incluso tiña decidido suicidarse, pero Indalecio Prieto díxolle que "lle ían sobrar ocasións para sacrificar heroicamente a súa vida na loita que, de xeito inevitable, comezará pronto, dentro duns días ou dentro dunhas horas". A Condés, Cuenca e outro implicados prendéronos.

A conspiración militar que preparaba o xeneral Emilio Mola Vidal, gañou adeptos entre os mandos militares por mor destes feitos, entre eles a Francisco Franco Bahamonde.

Condés e Cuenca morreron pouco despois na fronte de guerra na Serra de Madrid.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.