Nacemento:
Morte:
Militar, 43 anos. Despois da proclamación da II República, Franco tivo a intención de intervir en Madrid cos cadetes en defensa de Alfonso XIII, pero José Millán-Astray Terreros fíxolle chegar unha confidencia de José Sanjurjo Sacanell, de que non se contaba cos apoios suficientes.
Desde os primeiros momentos mostrouse reticente diante da República. Cando Manuel Azaña Díaz, ministro de Guerra, decidiu pechar a Academia Militar de Zaragoza, Franco criticou a medida e Azaña púxoo na situación de dispoñible forzoso.
No verán de 1931 houbo intensos rumores dun novo golpe de Estado, no que se implicaba aos xenerais Emilio Barrera Luyando, Luis Orgaz Yoldi e ao propio Franco. Azaña anotou no seu diario "Franco es el único al que hay que temer".
O día 05/02/1932 destinárono á Coruña como xefe da 15ª Brigada de Infantería da VIII División Orgánica na Coruña.
En xullo de 1932, José Sanjurjo Sacanell, pediulle o seu apoio para a "Sanjurjada" pero Franco non llo deu; Sanjurjo quixo entender que dado o caso, podería contar con el. No momento do golpe, Franco non se uniu aos sublevados. Sanjurjo solicitoulle que o defendera no consello militar, pero Franco volveu negarse.
No mes de febreiro de 1933, Azaña enviouno como comandante militar a Baleares. Era un ascenso e un intento de Azaña de achegalo aos republicanos despois da sua pasividade na "Sanjurjada".
Os días 19/11/0933 e 03/12/1933 realízanse eleccións, coa vitoria das dereitas da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA). A finais de marzo de 1934, o novo Goberno ascendeuno a xeneral de división, o teito entón da carreira militar. Co triunfo desta coalición de Radicais-CEDA, emprendeuse a anulación das reformas que timidamente se tiñan iniciado. Nos socialistas, os moderados de Julián Besteiro Fernández, víronse desprazados polos máis radicais de Francisco Largo Caballero e Indalecio Prieto Tuero. O agravamento da crise económica, o retroceso nas reformas e a radicalización da esquerda, implicaron un ambiente de sublevación popular.
O día 26/09/1934, Alejandro Lerroux García, incorporou ao Goberno a tres ministros das filas da CEDA. A UXT, os comunistas e os nacionalistas cataláns convocaron unha insurrección, que se materializou o día 04/10/1934 de xeito significado en Cataluña e País Vasco e, sobre todo, no Principado de Asturias, onde tamén se uniu a CNT. A situación sufocárona as forzas do orde de xeito rápido, agás no Principado.
Os mineiros asturianos asaltaron a fábrica de armas de Trubia, Oviedo (Principado de Asturias), ocuparon edificios públicos e lograron deter á columna, procedente de León. Cometéronse asasinatos, sobre todo de curas e gardas civís, queimáronse igrexas e asaltáronse edificios públicos.
O Goberno de Alejandro Lerroux García encargou a Franco que coordinase as operacións para acabar con esta situación, para o que contou coa colaboración de Manuel Goded Llopis. Chegaron a Lexión e os Regulares de África (uns 18.000 homes), que baixo o mando do coronel Juan Yagüe Blanco e con outras tropas procedentes de Galicia, León e Santander (Cantabria), puxéronos ás ordes do xeneral Eduardo López de Ochoa Portuondo. Os africanos de Yagüe distinguíronse pola súa crueldade, pillaxe e brutalidade. Máis de 1.500 mortos supuxeron unha brecha definitiva de odio entre dereitas e esquerdas.
Franco recibe a Gran Cruz do Mérito Militar e noméano comandante en xefe das tropas en Marrocos, en sinal de recoñecemento. Unha nova remodelación no Goberno, pon a José-María Gil-Robles Quiñones, o día 06/05/1935, como ministro de Guerra e designa a Franco xefe do Estado Maior Central do Exército, cargo que deixara o xeneral Carlos Masquelet Lacaci. Neste cargo contou coa colaboración do amnistiado en 1935, o xeneral Emilio Mola Vidal. O presidente Niceto Alcalá-Zamora Torres, que desconfiaba de Franco, comentou "los jóvenes generales aspiran a ser caudillos fascistas".
Alcalá-Zamora pediulle a dimisión a Lerroux a finais de 1935 polo "escándalo del estraperlo". Diante da posibilidade de que a esquerda gañase as próximas eleccións, a CEDA e sectores do Exército conspiran. Franco é requirido para que se una, pero mantén unha posición ambigua nun encontro con José-Antonio Primo de Rivera Sáenz de Heredia. Reunión propiciada polo amigo común, Ramón Serrano Suñer, que era cuñado de Franco.
Golpista.
Nas eleccións do día 16/02/1936 o gañador e a Fronte Popular (FP). Gil-Robles, ministro de Gobernación, pediulle ao entón presidente provisorio do Consello de Ministros, Manuel Portela Valladares, que suspendera as garantías constitucionais e decretara a lei marcial. Declarouse o estado de alarma. Franco, como xefe do Estado Maior Central, pediu ás rexións militares que declararan o estado de guerra, pero ao non ser secundado pola Garda Civil, o intento veuse frustrado.
Franco visita a Portela dicíndolle que a FP supón un perigo e ofrécelle o apoio do Exército para que sexa Portela Valladares quen permanecera no poder, pero Portela non acepta e dimite o día 18 de febreiro. Franco buscara apoios, pero o director xeral da Garda Civil, Sebastián Pozas Perea e o director xeral de Seguridade Miguel Núñez de Prado Susbielas, denegáronlle o seu apoio.
Logo destes incidentes, a Manuel Azaña Díaz nomeárono presidente do Goberno. Azaña no deu valor ao complot revolucionario que se preparaba; só cambiou o destino de Emilio Mola Vidal, quen pasou de África a Pamplona; Manuel Goded LLopis, quen pasou a Baleares; Franco perdeu o Estado Maior o día 21/02/1936, en favor do xeneral José Sánchez-Ocaña Beltrán, e destinárono como comandante xeneral das Canarias.
Nesta situación, a CEDA ofrécelle a Franco que se presente ás eleccións por Cuenca, onde os comicios tiñan que repetirse por certas irregularidades. Tiña que ir na mesma lista que José-Antonio Primo de Rivera, que o vetou. Franco renunciou a presentarse, despois de que Serrano Suñer o convencera.
Desde que comezara a etapa republicana sempre houbo tramas conspiradoras. A Franco sempre o requiriron e sempre se mostrou indeciso e ambiguo. Indalecio Prieto Tuero tiña sospeitas sobre el. José Sanjurjo chegou a dicir "Franquito es un cuquito que va a lo suyito". Primo de Rivera exasperábase con el. En xullo, os seus compañeiros de golpe, denominábano "Mis Islas Canarias 1936" para significar as súas vacilacións e indecisións.
O día 08/03/1936 participa na reunión conspiradora da rúa Xeneral Arrando, 19, en Madrid, domicilio do deputado da CEDA, José Delgado Hernández de Tejada. Nesta reunión achábanse: Francisco Franco Bahamonde, Luis Orgaz Yoldi, Emilio Mola Vidal, Rafael Villegas Montesinos, Joaquín Fanjul Goñi, Ángel Rodríguez del Barrio, Andrés Saliquet Zumeta, Miguel García de la Herrán Martínez, Manuel González Carrasco, Luis-Miguel Limia-Ponte Manso de Zúñiga, o coronel José-Enrique Varela Iglesias e o tenente coronel Valentín Galarza Morante, pola Unión Militar Española (UME).
Falaron de que era imprescindible dar un golpe de Estado, que José Sanjurjo era o líder máis adecuado e o 20 de abril o día do pronunciamento. O día 20/04/1936 non houbo ningún movemento nos cuarteis. O Goberno republicano decatouse do suficiente como para encarcerar a Varela Iglesias e confinar a Orgaz en Canarias. Franco non contrae compromisos firmes naquela reunión. Emilio Mola, encargado por Sanjurjo comeza a preparación nos dous meses anteriores ao alzamento; Franco segue reticente e a finais de maio segue nas mesmas. Mola, quen o considera imprescindible para o golpe polo seu prestixio, comeza a sentirse molesto con el.
Os falanxistas e os anarquistas xa están nunha verdadeira guerra e practican a "acción directa". O odio e o temor atenazaron a esquerdas e dereitas. Os ricos, diante desta situación retirábanse, algúns a Biarritz e París, a expectativa. Os rumores da inminencia do golpe chegaron ao Goberno, pero o presidente e ministro de Gobernación, Santiago Casares Quiroga, mandou investigadores a Pamplona, preto de Mola, pero este alertado polo coronel Valentín Galarza Morante, agochou os documentos comprometedores para que non se sospeitara da trama.
O 23 de xuño Franco ofrécese por carta ao presidente Casares, ambiguamente, para deter o desencanto do Exército, sempre que lle de a el o mando e deste xeito parar os conspiradores. Franco nadaba a dúas augas. Casares nen lle respondeu. A finais de xuño Franco dálle o seu visto e prace ao plan de Mola. Esta tardía adhesión dáballe un posto de segunda fila. Sanjurjo sería o xefe do Estado, Mola, José Calvo Sotelo e Primo de Rivera, altos cargos políticos; o xeneral Joaquín Fanjul, capitán xeneral de Madrid, Manuel Goded, capitán xeneral de Cataluña. Franco sería Alto Comisionado de Marrocos.
O día 04/07/1936 o financeiro Juan March Ordinas, instalado en Biarritz, entregou un cheque en branco para financiar as operacións rebeldes. O día 12 Franco volve expor a súa retirada porque manifesta que non semella que se den os apoios suficientes. O día 13 prodúcese o asasinato de Calvo Sotelo; isto sumou moitos indecisos á conspiración e os rumores da inminencia do golpe estendéronse. Indalecio Prieto visitou a Casares para pedirlle que distribuíra armas aos traballadores, Casares negouse, Por fin, o día 14 Mola recibe unha mensaxe de adhesión de Franco.
O día 16 o comandante militar de Las Palmas de Gran Canaria, o xeneral Amado Balmes Alonso morre dun disparo accidental da súa propia pistola no estómago (algúns opinan que asasinado por ser contrario ao golpe), o que permite a Franco pasar de Tenerife a Gran Canaria coa desculpa de asistir ao enterro. Antes das 4 da mañá do día 18/07/1936 comunícaselle a Franco a noticia do golpe de Estado en Melilla. Franco pon a Orgaz ao mando da sublevación en Canarias e unha vez que a aseguraron, partiron para Marrocos no Dragon Rapide, onde a Orgaz o designaron Alto Comisario.
O día 18 pasa a Marrocos e o 19 xa está en Tetuán. A nova de que Franco asumira a insurrección en África supuxo que moitos indecisos se sumasen ao pronunciamento.
Dos 21 xenerais de división só catro se sublevaron: Franco, Goded, Gonzalo Queipo de Llano Sierra e Miguel Cabanellas Ferrer. A sublevación triunfou inicialmente en parte do país e a situación nas diferentes rexións militares dependeu da posición que, en cada unha, adoptou a Garda Civil e a Garda de Asalto. Onde estes estamentos estiveron ao lado da República a revolución rematou en fracaso. As grandes cidades de Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao non caeron. Un dos puntais da sublevación, Goded, rendíase en Barcelona. O rápido triunfo que se esperaba ía converterse nunha carnicería que durou tres anos.
Aos xenerais Domingo Batet Mestres, Miguel Campins Aura, Manuel Romerales Quintero, Enrique Salcedo Molinuevo, Rogelio Caridad Pita, Miguel Núñez de Prado Susbielas, así como o contraalmirante Antonio Azarola Gresillón e outros, fusiláronos por non sumarse á revolución. Mola advertira nas súas instrucións "Ha de advertirse a los tímidos y vacilantes, que aquel que no esté con nosotros está contra nosotros".
Na zona republicana fusilaron: Manuel Goded Llopis, Álvaro Fernández Burriel, Joaquín Fanjul Goñi, José García-Aldave Mancebo, Joaquín-León Miláns del Boch Carrió, e Francisco Patxot Madoz, por sublevarse contra do Estado.
A morte en Portugal de Sanjurjo, o fracaso de Fanjul en Madrid e o de Goded en Barcelona, deixaban a Mola sen competidores. O propio Mola sufriu dificultades en Somosierra (Madrid) para facerse con Madrid, mentres Franco avanzaba triunfante, co éxito de liberar ao coronel José Moscardó Ituarte do asedio do Alcázar de Toledo e as súa boas relacións con Italia e Alemaña.
En setembro Franco xa era o candidato mellor colocado. Mola rechazaba como herdeiro da coroa a Juan de Borbón, Franco aceptábao, e isto entregoulle tamén aos monárquicos. O día 28/09/1936, en Salamanca, a Franco titulárono "Xeneralísimo dos Exércitos" e xefe do Goberno do Estado, sobre todo polos apoios dos xenerais Alfredo Kindelán Duany, Nicolás Franco Bahamonde, Luis Orgaz Yoldi, Juan Yagüe Blanco e José Millán-Astray Terreros. Incluso chegou a contar coa conformidade reservada de Mola. Só Miguel Cabanellas Ferrer, que o tivera baixo ás súas ordes en África, se opuxo, temendo que se convertera no ditador no que logo se converteu. Toma posesión o seguinte 1 de outubro en Burgos.
Franco declarou a un xornalista americano que a súa era unha guerra de exterminio. Preguntado "¿No hay posibilidad de tregua, ni de compromiso?", contestó "No. No, decididamento no. Nosotros luchamos por España. Ellos luchan contra España. Estamos resueltos a seguir adelante a cualquier precio". "Tendrá que matar a media España", repuxo o xornalista e contestou "He dicho que al precio que sea".
Co Decreto de Unificación de abril de 1937 unificou FE e o Partido Tradicionalista. O partido Renovación Española (RE) de Antonio Goicoechea Cosculluela tamén se vería afectado e incluído en Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET-XONS).
Este partido único nomeou como secretario xeral a Raimundo Fernández-Cuesta Merelo, que a finais de 1939 sería substituído por Agustín Muñoz Grandes. Muñoz Grandes tentou un acercamento de Franco cos republicanos, propoñendo a integración dos que non tiveran delitos de sangue: Todo o Goberno se opuxo e el dimite en marzo de 1940.
Despois de gañar a guerra civil os sublevados, negouse a indultar ao último xeneral republicano que quedaba en España ao remate da contenda, o xeneral da Garda Civil Antonio Escobar Huerta, a quen finalmente fusilaron no Castelo de Montjuic, Barcelona.
Logo virían case que corenta anos da súa ditadura, ata que morreu na cama.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.