Nacemento:
Morte:
Avogado e político, 69 anos. Casou o día 19/02/1913 con Clotilde-María Puig de Abaria, IX Condesa de Brias. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Xa era deputado nas Cortes en 1905. Nomeado gobernador civil de Barcelona en 1910 por José Canalejas Méndez (+1912), do Partido Liberal (PL). Ministro de Fomento no período da Restauración, anterior á instauración da ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja, en 1923.
Masón, acadou o grao de Gran Mestre da loxa Gran Loxa do Noroeste.
Propietario do xornal vigués El Pueblo Gallego.
Participou, o día 25/09/1930, no Pacto de Barrantes, que tivo lugar neste pazo de Ribadumia (Pontevedra) entre varias figuras do galeguismo e que propiciara o centrista Manuel Portela Valladares para combater as posicións gañadas por Santiago Casares Quiroga no Pacto de Lestrobe dentro do republicanismo galego. Ambos pactos preludiaban o triunfo da República en Galicia. En Barrantes defendeuse a autonomía, o anticaciquismo, a cooficialidade do idioma e o poder gobernamental desenvolvidos polo pobo.
Entre os asistentes e asinantes deste pacto estiveron o centrista Manuel Portela Valladares, os galeguistas Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas Enríquez, Luis Peña Novo, Enrique Peinador Lines, Florentino López Alonso-Cuevillas e Álvaro-María de las Casas Blanco. Tamén estaban os lerrouxistas Ramón Salgado Pérez, Raimundo Vidal Pazos e Victoriano García Martí. Os agraristas Isidoro Millán Mariño e Basilio Álvarez Rodríguez. Os correspondentes de El Pueblo Gallego Jesús Bal y Gay, Ramón Fernández Mato. Tamén acudiron Laureano Gómez Paratcha, o liberal Armando Cotarelo Valledor, Valentín Paz Andrade, Elpidio Villaverde Rey, Avelino López Otero e José-María Díaz Díaz-Villamil.
Pertencía ao partido Dereita Liberal Republicana (DLR), que anos máis tarde se integrou na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA).
Durante a II República, de 1931 a 1933 obtivo acta de deputado independente por Lugo e, en 1936, por Pontevedra. No ano 1935, no Bienio Negro e baixo a presidencia do Goberno de Alejandro Lerroux García, designárono gobernador xeral de Cataluña (febreiro e marzo). En abril de 1935 dirixía o Ministerio de Gobernación.
Logo do indulto dos condenados polos sucesos da revolución de outubro de 1934, os militantes das Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU) comezaron a manifestar de xeito violento, "hasta descarase por completo al subir al poder el cien veces detestable Portela Valladares" (Galicia y el movimiento nacional, M. Silva Ferreiro)
Despois da dimisión do presidente do Goberno, Joaquín Chapaprieta Torregrosa, en decembro de 1935, o presidente da República Niceto Alcalá-Zamora Torres, pediulle a José-María Gil-Robles Quiñones, líder da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), o partido con máis deputados nas Cortes, que formase Goberno. José Calvo Sotelo considerou esta decisión como "un golpe de Estado presidencial". Ante esta situación, Alcalá-Zamora, desexando que o resultado das novas eleccións non houbera tanta radicalización dereita-esquerda, encargou a formación de Goberno ao moderado Manuel Portela Valladares; a súa intención era que Portela formase un grupo forte de centro.
Para este fin alongou o que puido o prazo electoral, pero un dos que máis se opoñía a este adiamento era José Calvo Sotelo. Alcalá-Zamora veuse obrigado a disolver as Cortes e a convocar eleccións.
Neste Goberno, Joaquín Chapaprieta Torregrosa mantivo a carteira de Facenda. José Martínez de Velasco Escolar ocupou a de Estado do día 14/12/1935 ao día 30/12/1935. Nicolás Molero Lobo sería ministro de Guerra do día 14/12/1935 ao 19/02/1936, no dito gabinete portelista, sucedendo a José-María Gil-Robles Quiñones.
Neste período nomeou, entre outros cargos, a: Laureano Santiso Girón, de Santiago de Compostela e do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS) como gobernador civil de Salamanca e a Sebastián Pozas Perea como director xeral da Garda Civil. Nesta etapa, desde o día 30/12/1935 ata o día 19/02/1936, Manuel Rico-Avello García de Lañón desenvolveu a carteira de Facenda.
Para concorrer a estas eleccións fundou o Partido de Centro Democrático (PCD) co obxectivo de obter unha forte posición centrista e poder facer fronte as polarización esquerda-dereita. Dimitiu da presidencia o día 19/02/1936, recoñecendo o triunfo da Fronte Popular, fronte á opinión de José-María Gil-Robles e de Francisco Franco Bahamonde, que querían a declaración do estado de guerra e a aplicación da lei marcial, para evitar o traspaso de poderes.
Advertiu ao vicepresidente do Comité Executivo do PSOE "Tomen ustedes toda clase de precauciones. Estamos amenazados por un golpe de Estado".
Exiliado. Sancionado.
Despois do golpe de Estado, que o colle en Barcelona, permaneceu leal á República, pero ameazado polos anarquistas dada a súa posición económica e a súa moderación, fuxiu ao sur de Francia, a Niza. Pola presión da súa dona, monárquica e contraria á República, abriu a posibilidade de achegarse a Franco, ao que chegou a escribir unha carta o día 08/10/1936, pero isto non era viable ao acusalo de convocar as eleccións de febreiro e de poñer o poder nas mans da Fronte Popular. Tamén escribiu a Niceto Alcalá-Zamora para pedirlle que o seu xenro, Gonzalo Queipo de Llano Sierra, deixase de atacalo. Os seus bens na zona nacional fórenlle embargados e os da zona republicana conxelados.
Cos seus bens incautados ou conxelados a sua situación económica en Francia volveuse complicada; a súa muller, que o culpaba de todos os males, abandonouno e volveu a España. Entre tanto Portela Valladares trasladábase a París. A propia Clotilde se adicou a atacalo desde España.
Chamado polo presidente do Goberno, Juan Negrín López, participou nas Cortes de Valencia en outubro de 1937 e encargouse de presidir o trust que financiaba o Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois (SERE). Por este achegamento aos republicanos foi duramente deostado polos franquistas, en especial por Gonzalo Queipo de Llano Sierra, desde Radio Sevilla, que o acusaba de ser covarde e traidor e de converterse no verdadeiro culpable do golpe de Estado e da guerra civil; Queipo era o verdadeiro propagandista dos franquistas e un incitador. Portela converteuse no seu perseguido estrela.
Ao remate da guerra volveu a Francia. Tentou pasar a América pero non conseguiu os permisos. Durante a II Guerra Mundial tivérono en arresto domiciliario no sur de Francia. Estivo unha tempada preso da Gestapo (policía secreta nazi). Franco pediu a súa extradición en dúas ocasións, pero non lla concederon os tribunais franceses, que estiveron do lado de Portela. A campaña de descrédito que os franquistas e a súa propia muller fixeron contra del, provocaron que acadara maiores responsabilidades entre os exiliados republicanos.
Cando se produce a liberación de Francia dos nazis, en decembro de 1944 crease o Bloque Nacionalista Republicano Galego (BNRG) con republicanos, socialistas, comunistas e sindicatos, que mantén lazos coa Unión Nacional Española (UNE), que preside o independente Manuel Portela Valladares e no que figuran Santiago Casares Quiroga e Manuel Martínez-Risco Macías, de Esquerda Republicana (ER); César Alvajar Diéguez, de Unión Republicana (UR); Enrique Liste Forján, Enrique Líster, polo PCE; Luis Vidal, pola UXT e Luis Vázquez Rodríguez, polo PSOE. O Partido Galeguista (PG) non tiña representantes porque tiña pouca forza no exilio.
Portela sufría de morriña polas paisaxes galegas. Tiña prohibido volver a España e a súa vida rematou por apagarse en abril de 1952, aos 85 anos de azaroso existencia.
Os franquistas borraron o seu recordo e construíron na volta da súa persoa a idea de traidor.
Procesárono por responsabilidades políticas e por masón.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.