← Volver atrás

Díaz Díaz-Villamil, José-María

Alcume: Pepe do Cerdeiral
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado en Madrid durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja por ser o presidente da Sociedade de Estudantes de Dereito

Nacemento:

Cerdeiral, Santiago de Vilaoudriz, A Pontenova
(Lugo)
- 01/01/1898 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Taramundi
(Principado de Asturias)
- 25/09/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado, mestre e político, 38 anos. Casado coa cubana Elena Villamil Santalla. Irmán de Antonio Díaz Díaz-Villamil, tamén paseado e de Gabriel Díaz Díaz-Villamil, morto na cadea. Estudou Maxisterio e exerceu de mestre en San Vicente de Vilameá, A Pontenova. Despois desenvolveuse como inspector do Ensino Primario en Lugo e estudou Dereito en Madrid.

Encarcerado en Madrid durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja por ser o presidente da Sociedade de Estudantes de Dereito.

Participou o día 25/09/1930 no Pacto de Barrantes, que tivo lugar neste pazo de Ribadumia (Pontevedra) entre varias figuras do galeguismo, que propiciara o centrista Manuel Portela Valladares e para combater as posicións gañadas por Santiago Casares Quiroga no Pacto de Lestrobe dentro do republicanismo galego. Ambos pactos preludiaban o triunfo da República en Galicia. En Barrantes defendeuse a autonomía, o anticaciquismo, a cooficialidade do idioma e o poder gobernamental desenvolvido polo pobo.

Entre os asistentes e asinantes deste pacto estiveron o centrista Manuel Portela Valladares, os galeguistas: Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas Enríquez, Luis Peña Novo, Enrique Peinador Lines, Florentino López Alonso-Cuevillas e Álvaro-María de las Casas Blanco. Tamén estaban os lerrouxistas: Ramón Salgado Pérez, Raimundo Vidal Pazos e Victoriano García Martí. Os agraristas: Isidoro Millán Mariño e Basilio Álvarez Rodríguez. Os correspondentes de El Pueblo Gallego: Jesús Bal y Gay, Ramón Fernández Mato. Tamén acudiron: Laureano Gómez Paratcha, o liberal Armando Cotarelo Valledor, Valentín Paz Andrade, Elpidio Villaverde Rey, Avelino López Otero e José-María Díaz Díaz-Villamil.

Nomeado gobernador civil de Huesca (1932), de Málaga (1932/1933) e, en marzo de 1933, de Zaragoza, cando Casares Quiroga era ministro da Gobernación. En 1934 dimitiu do seu cargo e exerceu como avogado en Vilalba e Lugo.

Militante da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) e logo do Partido Republicano Galego (PRG), que en 1934 se integrou en Esquerda Republicana (ER), da que foi vogal por Lugo. Nas eleccións de febreiro de 1936 elixírono deputado (con preto de 100.000 votos) por Lugo dentro das listaxes da Fronte Popular (FP). Gobernador civil interino de Lugo por uns meses.

Fuxido. Paseado.

Cando se produce o golpe militar organizou a resistencia en Lugo fronte aos sediciosos con, entre outras persoas, Rafael de Vega Barrera e Jacinto Calvo López. Diante do fracaso agochouse preto da súa casa natal.

O día 20 de xullo de 1936 escapou cara Ribadeo (Lugo), pero capturárono os fascistas o día 12/09/1936; semella que o delatou o mestre e falanxista Hermenegildo-Bienvenido Alonso Sastre, cando se acubillaba na Pontenova. A Hermenegildo axustizouno despois a guerrilla antifranquista.

As circunstancias da súa morte son confusas. Segundo as fontes militares franquistas morreu en Taramundi por mor dunha hemorraxia que lle produciu un tiro. Descuberto o seu agocho, semella que o esperou a Garda Civil e ferírono cando tentou fuxir; morreu no Hospital de Lugo.

Foi o único deputado por Lugo ao que asasinaron os franquistas sen pasar por un simulacro de xuízo.

Outras fontes sinalan que si o xulgaron.

O seu despacho de avogado desvalixárono os represores.

Por mor da súa morte ábrese en Lugo a causa 973/36 co resultado de sobresemento definitivo segundo resolución do día 30/11/1936.

Procesárono en Lugo por responsabilidades políticas e indultárono no ano 1960.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.