← Volver atrás

Lerroux García, Alejandro

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Exiliado

Nacemento:

La Rambla
(Córdoba)
- 04/03/1964 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Madrid
- 27/06/1949 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Político, 72 anos.

Elixido deputado en 1901, 1903 e 1905 por Barcelona. Era de ideas exaltadas e anticlericais. Fundou a Casa do Pobo en Barcelona. Instalado contra os nacionalistas cataláns e o anarcosindicalismo. Contaba coa adhesión dunha grande parte da clase obreira.

En 1908 crea o Partido Republicano Radical (PRR), dándolle un xiro cara o republicanismo moderado. Exiliado en Francia e na República Arxentina entre 1908 e 1909. En 1910 recuperou o seu escano de deputado. En 1914, logo da perda de apoios en Barcelona, obtivo acta de deputado por Córdoba. Nos anos vinte o alcalde da Coruña, Gerardo Abad Conde, unírase ao PRR.

Licenciouse en Dereito pola Universidade de La Laguna (Tenerife) no ano 1923, nun só día e con nove matrículas de honra. Converténdose en avogado con 58 anos.

Durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja mantívose activo politicamente dentro de Alianza Republicana (AR).

Asistiu ao Pacto de San Sebastián de agosto de 1930, co obxectivo de instaurar a II República.

No primeiro Goberno provisorio foi ministro de Estado, pero en decembro de 1931 abandonou o Goberno de Manuel Azaña Díaz por desacordos políticos.

No "Bienio reformista" mantívose na oposición. Desconfíase que tiña coñecemento da preparación do golpe militar do xeneral José Sanjurjo Sacanell, a "Sanjurjada", e incluso se pensou que algúns dos líderes radicais se implicaran.

Nun dos seus primeiros executivos e ata o día 08/10/1934 tivo como ministro de Traballo e Previsión Social a Ricardo Samper Ibáñez. Samper dirixiu o Ministerio de Estado no ano 1934, e tivo que dimitir cando os da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) o acusaron de non tomar as medidas precisas para evitar a folga xeral de outubro de 1934.

Despois da súa ruptura cos republicanos progresistas, aproximouse á dereita e, despois do triunfo nas eleccións de novembro de 1933, pactou coa CEDA para formar Goberno. Entre 1933 e 1935 ocupou por tres veces a presidencia do Consello de Ministros, ademais da carteira de Guerra (1934) e de Estado (1935); do día 03/04/1935 ao día 06/05/1935 tivo como ministro de Guerra ao xeneral Carlos Masquelet Lacaci. Mantivo como ministro sen carteira a José Martínez de Velasco Escolar, do día 04/10/1934 ata o día 03/04/1935 e como ministro de Gobernación a Manuel Rico-Avello García de Lañón. Joaquín Chapaprieta Torregrosa acadou Ministerio de Facenda no gabinete creado o día 06/05/1935.

O seu pacto coa CEDA púxoo en frontal oposición cos partidos e sindicatos da esquerda. Despois da entrada de tres ministros da CEDA no gabinete de Lerroux en outubro de 1934, Francisco Largo Caballero cumpriu a súa ameaza e provocou a folga xeral revolucionaria de outubro de 1934, folga que só tivo un forte arraigo no Principado de Asturias e onde se produciron na súa represión máis de 1000 mortes e 2000 feridos entre os folguistas e 300 mortos entre os membros das forzas armadas. Por esta folga chegou a acusar a Manuel Azaña de estar á fronte da revolución, dicindo que lle interviñera documentos que o implicaban, pero isto era unha falsidade. Como líder desta revolta a Largo Caballero prendérono e encarcerárono o día 14/10/1934 no cárcere Modelo (Madrid). O ministro de Gobernación era entón Diego Martínez Barrio, quen dimitiría coa entrada de ministros da CEDA no Goberno.

Os seus gobernos de coalición coa CEDA mostráronse politicamente inoperantes e nen se acadaron case que resultados. O día 06/05/1935 nomeou a José-María Gil-Robles Quiñones para a carteira de Guerra, desde onde este último ascendeu a militares das dereitas e claramente antirrepublicanos. Tampouco a súa política contou coa colaboración do presidente da República Niceto Alcalá-Zamora Torres.

A súa caída política definitiva tivo relación co "escándalo del estraperlo", en outubro de 1935, no que se producira unha manipulación nas máquinas da ruleta dos casinos; ao prohibírselles aos empresarios esta manipulación, estes denunciaron que fixeran subornos, entre outras persoas, ao seu fillo adoptivo Aurelio Lerroux Romo de Oca; Alejandro Lerroux non estaba nese momento no executivo. Varios altos cargos tiveron que dimitir.

Ao mes seguinte, en novembro de 1935, destapouse o "Caso Nombela" de corrupción e que salpicaba ao Goberno do PRR e da CEDA. Este novo asunto rematou coa figura pública de Lerroux. O PRR nunca se recuperou.

Exiliado.

Vítima do descrédito no que caera, nas eleccións de 1936 o PRR sofre unha desfeita ao non acadar máis que cinco escanos; nin o propio Lerroux acadou o seu. Na práctica desapareceu da vida política. No momento do golpe militar saíu para Portugal. Moitos antigos radicais aliñáronse cos rebeldes, tamén o fixo Lerroux.

Regresou a España no ano 1947 e faleceu dos anos despois.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.