← Volver atrás

Alcalá-Zamora Torres, Niceto

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Exiliado

Nacemento:

Priego de Córdoba
(Córdoba)
- 06/07/1877 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Bos Aires
(República Arxentina)
- 18/02/1949 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Xurista e político, 59 anos. Casou no ano 1900 con Purificación Castillo Bidaburu; tiveron tres fillas e tres fillos: Pura, Isabel, María-Teresa, Niceto, Luis e José; outros tres morreron de novos. Aos 17 anos licenciouse en Dereito na Universidade de Granada e aos 22 era letrado do Consello de Estado.

Ministro de Fomento polo Partido Liberal (PL) en 1917. Ministro de Guerra no último Goberno da monarquía de Alfonso XIII.

Cando se reuniron as Cortes de 1923, no hemiciclo había representación de 22 agrupacións políticas; imposible gobernar. En setembro de 1923 o xeneral Miguel Primo de Rivera Orbaneja deu un golpe de Estado e instaurou un Directorio Militar, que acolleron con entusiasmo os españois. Alcalá-Zamora converteuse nun dos firmes opositores ao réxime monárquico que avalaba a ditadura.

O día 13/04/1930, cando Primo de Rivera dimite, substituíno o xeneral Dámaso Berenguer Fusté, o que deu lugar a etapa da "Dictablanda". Niceto retirou o seu apoio á monarquía e reivindicou a república.

Con Miguel Maura Gamazo e o seu partido, Dereita Liberal Republicana (DLR), participou no Pacto de San Sebastián, do día 17/08/1930, co obxectivo de derrocar a monarquía e instaurar a república. Formouse un comité executivo para o que o designaron presidente. Para o día 12/12/1930 houbo un intento de sublevación en Jaca, que fracasou, e aos líderes republicanos, entre eles Alcalá-Zamora, prendéronos.

Logo da dimisión do xeneral Berenguer en febreiro de 1931, o rei encargou ao almirante Juan Bautista Aznar-Cabañas a formación de gabinete.

O día 12/04/1931 celebráronse en España unhas eleccións municipais que serían cruciais para o país. En 41 das 50 provincias gañaron os republicanos. Alfonso XIII para evitar que se derramase sangue, exiliouse diante do ultimato do Comité Revolucionario que presidía o propio Alcalá-Zamora.

Niceto Alcalá-Zamora Torres, que contaba co apoio popular e coa Garda Civil, que mandaba o xeneral José Sanjurjo Sacanell, converteuse no presidente do Goberno provisorio e proclamou a II República o día 14/04/1931.

Neste mandato nomeou ministro de Facenda a Indalecio Prieto Tuero e de Xustiza a Fernando de los Ríos Urruti. Pouco a pouco o novo Goberno inclinouse cara a esquerda representada polo republicanismo de Manuel Azaña Díaz. Redactouse a Constitución de 1931 e o día 28/06/1931 convocáronse eleccións.

A cuestión clerical enfrontou a republicanos conservadores e a esquerdistas, socialistas e radicais; Niceto abandona o Goberno o día 14/10/1931. Temendo que emprendera unha campaña revisionista contra da República, os socialistas e os azañistas ofrecéronlle a presidencia e xurou o cargo o día 11/12/1931.

As relacións cos gobernos de Azaña eran oscilantes, ata que o presidente do Goberno presentou a súa dimisión. Despois de varias consultas fracasadas, o presidente da República volveu nomear a Azaña o día 12/06/1932, o que decepcionou aos conservadores.

En setembro de 1933 Manuel Azaña volve presentar a dimisión. Despois dun fugaz mandato do radical Alejandro Lerroux García, a quen Niceto non prestou demasiado apoio, encargoulle ao tamén radical Diego Martínez Barrio a convocatoria de novas eleccións.

As forzas da dereita gañaron as eleccións do 29/11/1933, as primeiras nas que puideron votar as mulleres. Lerroux formou Goberno, ao contar coa anuencia da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) de José-María Gil-Robles Quiñones. Alcalá-Zamora non conxeniaba cos radicais nen coa CEDA, xa que desconfiaba do espírito democrático de Gil-Robles.

No momento no que se produce a folga xeral revolucionaria de outubro de 1934 no Principado de Asturias, Francisco Franco Bahamonde, como xefe do Estado Maior Central, era quen levaba a organización da represión. Para evitar un baño de sangue excesivo, Alcalá-Zamora mandou que as tropas de represión estiveran baixo o mando de Eduardo López de Ochoa Portuondo.

Buscou solucións de compromiso, como co Goberno do radical Ricardo Samper Ibáñez, xestión que non gustara a ninguén.

En outubro de 1935 tivo que volver a recorrer a Lerroux, quen formou Goberno con tres ministros da CEDA. O levantamento independentista de Cataluña do día 06/10/1933, a revolución do Principado de Asturias e o "escándalo do estraperlo" impediron que a actividade deste Goberno puidese ter algunha coherencia.

O presidente da República quería afastar á CEDA do Goberno e despois desta crise, ofreceulle a formación de gabinete, o día 09/11/1935, a Manuel Portela Valladares, que presidiu o Consello de Ministros ata febreiro de 1936. A súa intención era crear unha forza de centro, diante das dereitas radicais-cedistas e a esquerda social-azañista. Neste Goberno de Portela, José Martínez de Velasco Escolar ocupou a carteira de Estado desde o día 14/12/1935 ata o día 30/12/1935.

A Fronte Popular (FP) gañou as eleccións de febreiro de 1936 e Azaña encargouse de formar Goberno. Era unha derrota para as dereitas, pero tamén o era para Alcalá-Zamora, que non conseguira un centro forte a pesares de dilatar as eleccións o que puido e máis. O día 07/04/1936, nas Cortes, 238 deputados votaron que Alcalá debía ser destituído, cinco votaron en contra e 174 ausentáronse; nomearon de xeito provisorio a Diego Martínez Barrio. O día 11/05/1936 a Manuel Azaña Díaz elixírono presidente da República.

Exiliado.

O inicio da guerra sorprendeuno de viaxe en Noruega. Mantívose no exilio en Francia durante a Guerra Civil Española. En 1942, por mor da Segunda Guerra Mundial, pasou á Arxentina. Xa non quixo volver a España.

Niceto era sogro do xeneral golpista Gonzalo Queipo de Llano Sierra.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.