Nacemento:
Morte:
Militar, 61 anos. Casou en Ferrol con Carmen Fernández de Celis García-Zúñiga, pais de Antonio Azarola Fernández de Celis. Veciños de Ferrol. Ingresou na Escola Naval de Ferrol o día 20/06/1891. Capitán de corveta en 1918, de fragata en 1922, de navío en 1929 e contraalmirante en 1932.
Contraalmirante da Armada e, desde novembro de 1934, segundo xefe da Base Naval de Ferrol e comandante xeral do Arsenal, nomeado en febreiro de 1936. Ministro de Mariña na II República, no Goberno que presidiu Manuel Portela Valladares desde o día 30/12/1935 ao día 19/02/1936.
Executado.
No momento do alzamento dos sublevados mantívose fiel á República cando era o xefe do Arsenal Militar ferrolán, mantendo unha posición semellante a que estaban a tomar os xefes da VIII División Orgánica na Coruña, da que dependía Ferrol, os xenerais Enrique Salcedo Molinuevo e Rogelio Caridad Pita. Mentres tanto os sediciosos reuníanse ás súas costas.
En contacto telefónico co ministro de Mariña José Giral Pereira, declarou a súa lealdade ao Goberno legal, indicándolle a Giral que iso lle ía custar a vida. O ministro indicáballe ao alcalde Antonio Santamaría López que se abstivera de tomar medidas pois Azarola tiña todo baixo control; ademais o ministro cesou ao xefe da Base Naval Indalecio Núñez Quijano e nomeou a Azarola xefe interino. O novo xefe da Base Naval anulou a orde de acuartelamento das tropas pois nas rúas de Ferrol non había incidentes.
Desde o Goberno Militar de Ferrol enviaron a entrevistarse con el ao comandante de Artillería, Miguel López Uriarte, coa intención de saber de que lado se poría a Mariña e para tratar de convencelo de que se unira á rebelión e que declarase o estado de guerra, cousa á que se negou sinalando que era era prerrogativa do Goberno. Azarola comunicoulle a López Uriarte que non podía sumarse a tal acto de sedición, posición que tamén mantiña o comandante do Almirante Cervera, Juan-Sandalio Sánchez Ferragut e indicoulle que desde ese momento considerábase detido no seu domicilio. A detención ordenouna Manuel Vierna Belando e efectuárona o segundo de Azarola no Arsenal, Ángel Suances Piñeiro e Luis Vierna Belando. Ás dez da noite do día 20/07/1936 Núñez Quijano nomeaba a Francisco Moreno Fernández novo xefe do Arsenal.
Tratou de convencer ao alcalde de Ferrol, Antonio Santamaría López, de que aconsellara a rendición dos leais que resistían nos barcos de guerra do Arsenal. Santamaría contestoulle que non tiña potestade sobre do Arsenal nen influencia sobre dos mariñeiros e negouse a dirixirse a eles.
Xulgado en consello de guerra sumarísimo, na causa 19/36, que comezou ás 09:00 h e rematou ás 14:15 h do día 03/08/1936, acusado de abrir, en segredo, as portas do Arsenal ás masas marxistas para que se apoderaran das armas e o acceso aos barcos de guerra aportados, co resultado por unanimidade de sentenza á pena de morte polo “delito de abandono de destino contra sediciosos y rebeldes”. No seu procesamento actuou como testemuña o capitán de fragata Ángel Suances Piñeiro, que era o seu axudante maior no Arsenal e que se unira aos rebeldes.
O auditor foi José García-Rendueles Gutiérrez, capitán de navío, e o fiscal o coronel auditor Luciano Conde-Pumpido Tourón. A defensa correspondeu ao capitán de navío Pablo Hermida Seselles, que acabou detido e pasado á reserva, acusado de desafecto ao Movimiento. No seu proceso solo Indalecio Núñez Quijano e Ricardo Morales Diaz parecen testemuñar que Azarola só cumpría co seu deber, contrarios á declaración do estado de guerra; ambos serían despois relegados dos seus mandos.
Executado en Ferrol ás 06:00 h, no Cuartel de Nosa Señora dos Dolores de Ferrol, onde se instalaba o Terzo Norte da Infantería de Mariña, da Base Naval de Ferrol.
Non aceptou que se lle lera a sentenza nin asinou a súa notificación. O reo debería vestir uniforme, pero negouse e acudiu de paisano, e o acto sería posto en escena cun desfile acompañado de banda militar despois de ser executado. Azarola semella ser o primeiro fusilado en Ferrol despois dun consello de guerra. Antes fusilaran outras persoas pero sen consello de guerra. Executado ás 06:30 h.
Tanto Azarola como a súa dona, diante do perigo inminente que corrían as súas vidas, aconsellaron ao seu fillo Antonio Azarola Fernández de Celis, ao mando naqueles días negros do Torpedeiro nº 7, que confinara á súa dotación no barco. Despois loitou no bando rebelde durante a guerra.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.