Nacemento:
Morte:
Caldeireiro, logo obreiro metalúrxico en Biscaia, sindicalista e político, 51 anos. Casado con Martina Mendiola Zabala, ama da casa e procesada por encubrilo cando andou en fuga. Veciños da rúa María, 25-1º, en Ferrol (A Coruña). Pasou a Ferrol para traballar no Arsenal, na Sociedad Española de Construcción Naval (SECN). Pai de Pablo Santamaría Mendiola, paseado uns días despois da fuga do seu pai.
No ano 1905 ingresou na UXT e no PSOE.
Exiliado en Francia pola súa participación na folga xeral de 1917.
Presidente da Agrupación Socialista (AS) de Ferrol en 1929. Presidente da asociación obreira UXT. Concelleiro de Ferrol en 1931.
Preso por mor da folga xeral revolucionaria de outubro de 1934, liberárono ao triunfar a Fronte Popular (FP), en febreiro de 1936.
Na causa 210/34 que ten lugar no Castelo de San Felipe, en Ferrol o día 12/02/1936 (a catro días das eleccións xerais), xulgaron 15 implicados nos sucesos da folga xeral revolucionaria de outubro de 1934. A Antonio condenárono a 20 anos de prisión, acusado de alzamento en armas contra o Goberno lexítimo e do delito de conspiración para cometer rebelión militar. A Manuel Morgado González del Valle castigárono a 15 anos. O seu defensor afirmaba que só se tratara dunha folga.
Despois da renuncia de Jaime Quintanilla Martínez a finais de febreiro, o día 16/03/1936 e ata o golpe de Estado, nomeárono alcalde de Ferrol polo PSOE.
Antonio, que foi 8º tenente de alcalde nas corporacións do alcalde Jaime Quintanilla de 1931 a 1934, tivo entre outros compañeiros a: Edmundo Lorenzo Santiago, exiliado; Federico Pérez Lago, encarcerado; Manuel Morgado González del Valle, executado; Fermín-Andrés Mejuto Fernández, procesado; Tomás Serantes Liz, exiliado; Hipólito Martínez Vez, procesado; Ventura Dios Lojo, encarcerado; Francisco del Río Barros, encarcerado; Adolfo Rodríguez Sánchez, encarcerado; Luciano Cereijo Rodríguez, procesado.
Con todos eles coincidiu, xa como alcalde, na corporación de 1936, agás con Edmundo Lorenzo, Tomás Serantes e Luciano Cereijo. Si estaba entón José López Bouza, de Esquerda Republicana (ER).
Encarcerado. Fuxido. Exiliado.
Cando se produce o golpe militar o ministro de Mariña, José Giral Pereira, informouno de que o novo xefe da Base Naval era Antonio Azarola Gresillón, que se destituíra ao anterior xefe Ignacio Núñez Quijano e que se abstivera de tomar medidas pois Azarola tiña controlada a situación en Ferrol.
O contra-almirante Antonio Azarola Gresillón tratou de convencelo, na xefatura da Base Naval e diante de Indalecio Núñez Quijano e do tenente coronel José Fano Díaz, de que aconsellara a rendición dos mariñeiros que resistían aos sublevados no Arsenal, tanto no cruceiro lixeiro Almirante Cervera como no acoirazado España. Santamaría contestou que non tiña potestade sobre o Arsenal nin influencia sobre da mariñeiría leal á República.
O comandante sublevado Manuel Vierna Belando, enganou ao alcalde ofrecéndolle unha tregua de 48 horas, tempo que quería gañar para reforzar as súas posicións militares. O alcalde transmitiu esta proposta aos mariños dos barcos do Arsenal leais á República. Trasladou a proposta ao cabo Ramiro-Isidro Carrodeguas Castro, que era o enlace e o negociador dos barcos leais. Manuel Vierna conseguiu coa súa mentira un tempo primordial.
Xulgado en consello de guerra no Cuartel de Zapadores, en Ferrol, o día 11/08/1936 polo delito de traizón, na causa 182/36, co resultado de sentenza á pena de morte.
Neste consello militar condenaron á pena de morte a: Fernando Carballo Rodríguez, Manuel Morgado González del Valle, Juan Rincón Téllez e Antonio Santamaría López; castigaron a cadea perpetua a: Ventura Dios Lojo, José López Bouza, Miguel Mendiguchía Real, Federico Pérez Lago, Adolfo Rodríguez Sánchez e Francisco del Río Barros.
No proceso exerceu de fiscal o auditor Hernán Martín-Barbadillo Pául, que pide a pena de morte para todos os procesados.
Logrou fuxir da Prisión do Baluarte o día 12/08/1936 na compañía de Juan Rincón Téllez. Escaparon na véspera da súa execución empregando mantas atadas para evadirse. Na fuxida de 1936 rescatouno Manuel Ardao Iglesias, cando ao fuxir, quedou ferido cerca do cuartel onde o tiñan preso. Manuel sería executado o día 06/09/1936.
Refuxiáronse en domicilios particulares de Ferrol e Mugardos e permaneceron agochados ata o 21 de xullo de 1939, cando conseguiron embarcar no bou Ramón para Francia, en Ares (A Coruña), con outros 26 republicanos, na noite do día 20 ao día 21 de xullo de 1939. A fuga organizárana os irmáns Miguel Leira Fernández e Antonio Leira Fernández, os Chuchos da Vella.
No bou Ramón fuxiron 27 persoas: Luis Abella Beade; Manuel Barreiro Montero; Cipriano-Antonio Casteleiro Feal, militar; Juan Castro Villar, xornaleiro; Benito Feijoo Seguín, canteiro; Manuel Fernández García; Juan Fraga Rey; José Fuentes Justo; Manuel Fuentes Justo; Manuel Gómez Varela, xornaleiro; Moisés Lago Lorenzo, sindicalista; Marcelino Lara Viñas, mariñeiro; Rogelio Leal López, sindicalista; Juan Leal Tenreiro; Antonio Leira Fernández (organizador); Miguel Leira Fernández, (organizador); José Montero Fernández; Jesús Morgade Feal, militar; Basilio Pérez Mayobre, político; Manuel Raposo Peña, militar; José Rebón Martínez, metalúrxico; Juan Rincón Téllez, peón; Juan-José Rodríguez Díaz; Antonio Saavedra Montero, xornaleiro; Antonio Santamaría López, metalúrxico (alcalde de Ferrol); José Sequeiro Ares e Domingo Serantes Sequeiro, obreiro naval.
A tripulación do barco asaltado compoñíana: José-Antonio Sequeiro Fernández, patrón de costa; José-Ramón Sánchez Amado, maquinista, e os mariñeiros: José-Benito Brage Cartelle, Juan-Antonio Fernández López, Gabriel González Porto, José-María Martínez Martiño, Ramón Rey García, José-María Rodríguez Planas, Francisco Romualdo Martiño e Juan Sánchez Fernández.
Por mor desta fuga procesaron como persoas encubridoras, entre outras, a: Antonia Amado Varela, xornaleira; as irmás Carmen Landeira Maneiro, modista; Felicia Landeira Maneiro, traballo na casa, e Rosa Landeira Maneiro, traballo na casa, e tamén María Pazos Vázquez, traballo na casa; José-María Pérez Mayobre, militar, e Dolores Seijas Montero, xornaleira.
En Francia internárono no campo de concentración de Le Barcarès (Pireneos Orientais, Occitania, Francia).
O día 23/12/1939 embarcou para América no porto francés de Le Havre, reclamado polo PSOE. Pasou a México e, en xaneiro de 1940, chegou a Nova York.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.