← Volver atrás

Quintanilla Martínez, Jaime

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado. Paseado

Nacemento:

A Coruña
(A Coruña)
- 13/06/1891 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Barrio de Canido, Ferrol
(A Coruña)
- 17/08/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Médico, escritor e político, 45 anos. Casado coa mestra Ángela Ulla Franqueira e tiñan dous fillos: Jaime, militante das Xuventudes Socialistas (XXSS) e Ángel. Veciños de Ferrol. Estudou Medicina na Universidade de Madrid e na de Santiago de Compostela (USC). En 1917 creou en Ferrol, onde residía desde 1916, unha clínica de cirurxía e fíxose famoso sobre todo pola súa cualidade humana para cos máis humildes.

Tamén participou en varios xornais: Ferrol Deportivo, Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego. Escribiu varios libros (Saudade, Alén, Donosiña e O nazonalismo musical galego).

A súa actividade política centrouse na defensa do galeguismo e o socialismo. Participou na I Asemblea das Irmandades da Fala en 1918 e noutras asembleas políticas, colaborando con Antonio Villar Ponte. Animador cultural, participou en iniciativas como Toxos e Froles.

No ano 1922 afiliouse ao PSOE, abandonando o nacionalismo durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja. Rematada a ditadura foi o primeiro alcalde republicano de Ferrol, elixido nas eleccións do día 12/04/1931, á fronte dunha corporación do PSOE (partido máis votado) e do Partido Republicano Radical (PRR), con 24 votos de un total de 33. Seguiu a ser alcalde ata a revolución de outubro de 1934, cando o destituíron baixo a acusación de participar nos actos revolucionarios da folga xeral de outubro dese ano. Despois do triunfo da Fronte Popular (FP), en febreiro de 1936 recuperou o posto de concelleiro; non exerceu de alcalde polas súas ocupacións profesionais e elixiron ao seu correlixionario Antonio Santamaría López. Desenvolvía este cargo cando se produce o golpe de Estado.

Nas corporacións das que foi alcalde Jaime Quintanilla, de 1931 a outubro de 1934, tivo entre outros compañeiros a: Edmundo Lorenzo Santiago, exiliado; Federico Pérez Lago, encarcerado; Manuel Morgado González del Valle, executado; Antonio Santamaría López, exiliado; Fermín-Andrés Mejuto Fernández, procesado; Tomás Serantes Liz, exiliado; Hipólito Martínez Vez, procesado; Ventura Dios Lojo, encarcerado; Francisco del Río Barros, encarcerado; Adolfo Rodríguez Sánchez, encarcerado; Luciano Cereijo Rodríguez, procesado.

Con todos eles coincidiu, xa como concelleiro polo PSOE, na corporación de 1936, agás con Edmundo Lorenzo, Tomás Serantes e Luciano Cereijo. Si estaba entón José López Bouza, de Esquerda Republicana (ER). A alcaldía por entón correspondía a Antonio Santamaría López cando se produce o golpe militar.

Tamén formou parte da xestora da Deputación Provincial da Coruña que presidía José López Bouza, de ER; tomou parte na campaña para o referendo de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) en 1936. Presidente da Federación Provincial Socialista (PSOE) da Coruña. Compromisario para a elección do presidente da República, Manuel Azaña Díaz.

Amigo do ex-cura e político Matías Usero Rey-Torrente, a quen tamén pasearon, con outras cinco persoas, o día 20 de agosto de 1936.

Encarcerado. Paseado.

Despois do golpe de Estado contra do Goberno republicano encarcerárono por dúas veces, as dúas no seu domicilio, liberándoo na primeira delas. Á segunda prendérono de xeito definitivo, primeiro nas instalacións da Mariña e logo no buque prisión Plus Ultra (buque correo da Compañía Trasmediterránea).

O domingo 16 de agosto sácano da cadea con outros 14 detidos e fusiláronos as Forzas Pública nas tapias do cemiterio do barrio ferrolán de Canido.

Con outros presos que sacaron do buque prisión Plus Ultra e da Escollera do Arsenal, finaron paseados o 17 de agosto e en grupo no cemiterio de Canido, estas 15 persoas: Alfonso Abrodes Rey, xornaleiro; Manuel Besteiro Luaces, radiotelegrafista; Cipriano Canosa Caruncho, maquinista naval; Juan García Niebla, mestre; Ángel García Toribio, rexistrador da propiedade; Ángel Monteagudo Carro, militar; Avelino Parrilla Ares, militar; José Pérez Cisneros, carpinteiro; Jaime Quintanilla Martínez, médico; Alfonso Raja Coronado, militar; Ramón Ríos Sordo, maquinista naval; Juan Romalde Prieto, militar; Manuel Serantes Canosa, militar; Ramón-José Souto González, carpinteiro, e Jesús Tenreiro Prim, funcionario.

Morte rexistrada en Ferrol a mans da forza pública por mor de feridas producidas por arma de fogo.

Soterrárono no cemiterio de Canido.

Deixou viúva e dous fillos; a un destes, Jaime Quintanilla Ulla, elixírono alcalde democrático de Ferrol polo PSOE despois da transición.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.