← Volver atrás

Pérez Carballo, Francisco

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

Madrid
- 08/11/1910 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 24/07/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado, funcionario e político, 25 anos. Casou en Madrid o día 23/03/1936 con Juana-María-Clara Capdevielle Sanmartín, a quen pasearon en agosto de 1936. Veciños da Coruña. Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras pola Universidade Central de Madrid. Profesor auxiliar de Dereito Romano na Universidade Central de Madrid e oficial letrado do Congreso dos Deputados. Considerado como un dos máis sólidos valores intelectuais da súa xeración.

En 1931 é dirixente da Federación Universitaria Española (FUE) e, despois, das Xuventudes de Esquerda Republicana (XER). Militante do partido Esquerda Republicana (ER) de Manuel Azaña Díaz. Nomeado Gobernador Civil da Coruña o día 10/04/1936, a onde chega o día 12; levaba pouco máis de tres meses no cargo cando se produce a rebelión militar. Amigo de Santiago Casares Quiroga. Membro do Ateneo de Madrid.

Pertencía a unha loxa masónica.

Na noite do 18 ao 19 de abril de 1934 o capitán da Garda Civil José Rañal Lorenzo tentou un golpe militar contra o gobernador civil da Coruña, Francisco Pérez Carballo; a tentativa rebelde rematou desactivada. Arrestaron con José Rañal e procesaron ao tenente coronel da Benemérita, Benito de Haro Lumbreras. Xulgáronos entre o 21 e o 23 de abril; pronto os puxeron en liberdade. Tamén se unira a esta tentativa o capitán do Rexemento de Artillería Lixeira nº 16, 8ª Brigada de Artillería da VIII División Orgánica na Coruña, Eduardo Ozores Arráiz.

Durante a súa etapa como gobernador civil fixo fronte a numerosas convocatorias de folga que resolve de xeito positivo.

Executado.

A primeiras horas da noite do 17 de xullo chegaban ao Goberno Civil as primeiras novas da sublevación. Francisco Pérez Carballo, gobernador, recibía instrucións para convocar aos líderes políticos e sindicais para facer unha fronte común para defender a legalidade política, referendada nas urnas en febreiro, organizando o chamado Comité de Defensa da República, igual que o formado en todas as cidades e pobos de España.

O da Coruña formábao o propio gobernador, con: Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local do PSOE; José García García, Pepín da Lixivia, polas XSU; José Moreno Torres, secretario xeral da Confederación Rexional Galaica (CRG); Francisco Mazariegos Martínez, da UXT; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde e representante de UR; Eladio Muíños Díaz, da CNT; Jacinto Méndez Esporín, da FAI; Manuel Fernández Fernández, do Partido Sindicalista; Nicolás Torres Ferro, polo PCE; Plácido-Ramón Castro del Río, polo PG; Joaquín-Manuel Guzmán García, por ER e Luis Vidal Ojén, polas Xuventudes de ER. Todo co obxectivo de enfrontarse á rebelión militar que se agardaba estoupase en calquera momento na cidade. Armar os obreiros, formar patrullas para vixiar a evolución dos movementos nos cuarteis, controlar as comunicacións e aos individuos extremistas de ideoloxía fascista, requisar as armas aos das dereitas, controlar as rúas para manter a orde e facer quendas de vixilancia no Goberno Civil.

O Goberno Civil defendíano as forzas da Garda de Seguridade e Asalto, que mandaba o comandante Manuel Quesada del Pino, quen suxestionado polo seu subordinado, o capitán Gonzalo Tejero Langarita, mantívose fiel á defensa da autoridade republicana que desenvolvía a legalidade.

O día 20/07/1936 Luis Tovar Figueras conminouno para que deixase o poder, atrincheirouse no Goberno Civil contra dos sublevados ata que tiveron que renderse; tamén arrestaron os xenerais fieis á República, Enrique Salcedo Molinuevo e Rogelio Caridad Pita. Na defensa do Goberno Civil tamén participou o capitán da Garda de Asalto, Gonzalo Tejero Langarita, a quen fusilaron tamén na Coruña o mesmo día que o gobernador. Vicente Caridad Mateo confirmoulle o día 20 de xullo ao gobernado civil, que detiveran ao seu pai, o xeneral Caridad Pita, e a Salcedo Molinuevo; información que recibira ás 12:00 dese mesmo día do brigada do Rexemento de Artillería Lixeira nº 16, da Coruña, Febe Sánchez Turienzo.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo, o día 24/07/1936, como incurso no bando declarativo do estado de guerra e co resultado de sentenza á pena de morte.

Fusilado ás 05:30h na Batería de Costa de Punta Herminia, A Coruña.

Pasado polas armas na noite do 24 ao 25 de xullo por un pelotón da Garda de Seguridade e Asalto, con Manuel Quesada del Pino e Gonzalo Tejero Langarita. O pelotón mandábao o tenente Manuel Valcarcel Vila, quen semella que se suicida ese mesmo día por ter que fusilar os seus xefes.

Soterrárono o día 25 de xullo nunha fosa común no cemiterio de San Amaro, na Coruña, con Manuel Quesada del Pino e Gonzalo Tejero Langarita. Autorizaron o seu traslado a un nicho en maio de 1941.

Procesárono por responsabilidades políticas e no Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.