← Volver atrás

Guzmán García, Joaquín-Manuel

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

Rentería
(Guipúscoa)
- 01/01/1878 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Campo da Rata, na Coruña
- 31/08/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Carabineiro, propietario arrendador e político, 58 anos. Casado con Carmen Cadavid Díaz. Veciños da rúa do Orzán, 70, na Coruña. Carabineiro durante 12 anos e, logo, adicouse ao comercio.

Faise militante de Esquerda Republicana (ER), xa de maior, animado por Santiago Casares Quiroga; a súa candidatura fora mal recibida polos compañeiros de partido. Deputado nacional nas Cortes en febreiro de 1936 por ER, dentro da coalición da Fronte Popular (FP).

Executado.

A primeiras horas da noite do 17 de xullo chegaban ao Goberno Civil as primeiras novas da sublevación. Francisco Pérez Carballo, gobernador, recibía instrucións para convocar aos líderes políticos e sindicais para facer unha fronte común na defensa da legalidade política, referendada nas urnas en febreiro e organizou o chamado Comité de Defensa da República, igual que o formado en todas as cidades e pobos de España.

A da Coruña formábana o gobernador con: Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local do PSOE; José García García, Pepín da Lixivia, polas XSU; José Moreno Torres, secretario xeral da Confederación Rexional Galaica (CRG); Francisco Mazariegos Martínez, da UXT; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde e representante de UR; Eladio Muíños Díaz, da CNT; Jacinto Méndez Esporín, da FAI; Manuel Fernández Fernández, do Partido Sindicalista; Nicolás Torres Ferro, polo PCE; Plácido-Ramón Castro del Río, polo PG; Joaquín-Manuel Guzmán García, por ER e Luis Vidal Ojén, polas Xuventudes de ER. Todo co obxectivo de enfrontarse á rebelión militar que se agardaba estoupase en calquera momento na cidade. Armar os obreiros, formar patrullas para vixiar a evolución dos movementos nos cuarteis, controlar as comunicacións e aos individuos extremistas de ideoloxía fascista, requisar as armas aos das dereitas, controlar as rúas para manter a orde e facer quendas de vixilancia no Goberno Civil.

Abandonou o Goberno Civil con Francisco Prego Campos antes de que comezase o tiroteo e refuxiáronse na rúa da Florida, 35-3º, no domicilio de María Patró Conde. O luns día 27 detivéronos, por mor dunha delación, e ingresáronos na Prisión Provincial da Coruña. Era o deputado coruñés con máis influencia sobre o gobernador civil Francisco Pérez Carballo.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña os días 26 e 27 de agosto de 1936 polos delitos de traizón e rebelión militar, na causa 207/36, co resultado de sentenza á pena de morte.

Neste procedemento condenaron á pena de morte a: Joaquín-Manuel Guzmán García, Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez, Francisco Prego Campos, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Vázquez González; castigaron a cadea perpetua a: José-María Eirís Carro, Enrique Rosende Calvo e Leovigildo Taboada Alvarellos; declararon fuxidos a: Martín Ferreiro Álvarez, José Moreno Torres e Marcelino Pan Insua.

Aos condenados a morte executáronos ás 06:00 h no Campo da Rata o día 31 de agosto de 1936.

Manifestou que, como era habitual nel, nos días da sublevación estaba de visita no Goberno Civil para asuntos de peticións para condonar multas. Cando soubo que se preparaba a sublevación deixou o pazo gobernamental, marchando á rúa da Florida, onde permaneceu ata que o arrestaron con Francisco Prego.

Soterrárono o día 31 de agosto nunha fosa común no cemiterio de San Amaro, na Coruña, con Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez e Francisco Prego Campos. Trasladado a un nicho en setembro de 1936.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.