← Volver atrás

Ferreiro Álvarez, Martín

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Exiliado. Encarcerado. Morte na cadea

Nacemento:

Outeiro, San Tomé de Quireza, Cerdedo
(Pontevedra)
- 13/09/1892 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Gusen
(Austria)
- 23/11/1941 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Canteiro, contratista de obras e político, 43 anos. Casou na Coruña con Palmira Ramil Medín; tiveron dous fillos e tres fillas: José, Eva, Martín, Blanca e Olga. Veciños da rúa Avenida de Tánxer, 6-1º, na Coruña. Vencellado á construción, trasladouse á Coruña de moi novo, no ano 1922. Rexentou o restaurante Campo de Bolonia. Vogal do Real Club Deportivo da Coruña na tempada 1925/26.

Durante a II República foi dirixente do Partido Republicana Radical Socialista (PRRS) e concelleiro coruñés nas eleccións de 1931; despois afiliouse a Unión Republicana (UR); concelleiro de Obras Públicas e 6º tenente de alcalde da Coruña na última corporación republicana por Esquerda Republicana (ER). Militante da CNT.

Socio do Casino Republicano da Coruña e do Centro de Estudos Sociais Germinal. Contador en 1936 da Liga Española para la Defensa de los Derechos del Hombre y del Ciudadano.

No ano 1934 manifestouse a favor de indultar aos obreiros despois das revoltas de outubro.

Apoderado da Fronte Popular (FP) nas eleccións de febreiro de 1936.

Tiña como compañeiros na Corporación da Coruña de 1936, entre outras persoas, a: Alfredo Suárez Ferrín (alcalde), executado; Eduardo González-Moro Cervigón, encarcerado; Juan Wonenburger Varela, procesado; Eduardo Blanco Lemus, procesado; Alfredo Somoza Gutiérrez, exiliado; Ramón Lago Portela, procesado; Antonio Zapata Fernández, procesado.

Fuxido. Exiliado. Encarcerado. Morte na cadea.

Por orde do gobernador civil da Coruña, Francisco Pérez Carballo, Martín Ferreiro retirou do Concello da Coruña o día 19/04/1936 uns mil cartuchos de dinamita, detonadores e mecha que se empregaban nas obras do concello e trasladounos ao pazo gobernamental.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña os días 26 e 27 de agosto de 1936 polos delitos de traizón e rebelión militar, na causa 207/36, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía.

Neste procedemento condenaron á pena de morte a: Joaquín-Manuel Guzmán García, Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez, Francisco Prego Campos, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Vázquez González; castigaron a cadea perpetua a: José-María Eirís Carro, Enrique Rosende Calvo e Leovigildo Taboada Alvarellos; declararon fuxidos a: Martín Ferreiro Álvarez, José Moreno Torres e Marcelino Pan Insua.

Despois do golpe de Estado de 1936 procurou agocho na casa da súa irmá Divina en Quireza e en Teixeiro, na casa do seu irmán Antonio; chegou a Portugal a finais de outubro de 1936 e, desde alí, viaxou a Francia.

Semella que combateu na guerra civil contra o exército franquista nas frontes do Levante e de Cataluña desde novembro de 1937; non queda constancia documental desta participación.

Antes do remate da contenda, a finais de 1938, pasou a Francia e confinárono no campo de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais, Occitania, Francia). Integrouse o 24/12/1939 na 114ª Compañía de Traballadores Españois e traballou na Liña Maginot. Consumada a invasión alemá sumouse ao exército francés para seguir combatendo o fascismo.

Capturado o día 21/06/1940 polos nazis en Saint Dié, confinárono seis meses nun campo de presos preto de Estrasburgo stalag V-D (Gran Este, Francia). Deportado ao campo de exterminio de Mauthausen (Austria), onde ingresa o día 13/12/1940 con outros 848 presos. O día 24/01/1941 trasladárono ao sub-campo de Gusen, onde se rexistra a súa morte ás 06:30 h do 23 de novembro, completamente esgotado fisicamente; logo cremárono o seguinte día 25. O informe oficial sinala que finou dunha nefrite crónica.

No ano 1942 o Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas na Coruña condenouno a doce anos de desterro a máis de 200 quilómetros da Coruña e de Pontevedra, doce anos de inhabilitación absoluta e multa de 25.000 pesetas. Indultárono no ano 1960.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.