← Volver atrás

Martín Martínez, Joaquín

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

A Coruña
(A Coruña)
- 31/07/1879 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
(A Coruña)
- 31/08/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado, profesor mercantil, funcionario, xornalista e político, 56 anos. Casado con Elvira Rodríguez Salgado, que marcharía para a República Arxentina despois da súa execución; tiñan dúas fillas e tres fillos: Amelia, Titos, José-María, Elvira e Joaquín. Veciños da Praza de María Pita, 24-2º, na Coruña. O seu fillo José-María Martín Rodríguez, Cheché, xogaría no Real Club Deportivo e no F.C. Barcelona, tamén na selección española. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e Compostela (USC) e secretario do Concello da Coruña xa en 1914. En 1906 participou na creación da Universidade Popular. Profesor da Escola Profesional de Comercio.

Dirixiu o semanario Acción Coruñesa e a revista Galicia Industrial y Comercial.

Masón das loxas Gallaecia nº 408, Pensamiento y Acción nº 11 e Renacemento Masónico nº 18; desta última expulsárono.

No ano 1906 fundou con outros intelectuais a famosa Universidade Popular, nos baixos do concello e que dependía da vontade dos seus asociados. Socio do Casino Republicano coruñés.

Dirixente de Unión Republicana (UR). Concelleiro da Coruña en 1909. Presidente das Xuventudes Republicanas (XR) da cidade herculina en 1911. Preso na folga xeral de 1917. Vogal da Liga Española para la Defensa de los Derechos del Hombre y del Ciudadano.

Participou activamente na política, militou en Unión Republicana (UR) e era amigo persoal de Santiago Casares Quiroga aínda que militaban en partidos distintos; despois foi crítico con Casares polas políticas que este desenvolveu a nivel nacional e as trabas que puxo ao estatuto galego. Participou na elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG).

Apoderado da Fronte Popular (FP) nas eleccións de febreiro de 1936.

Executado.

Despois do golpe dos sublevados estivo agochado en varios domicilios de coñecidos e o día 22/07/1936 detívoo o capitán de Infantería Ignacio Olavide Torres cando ía cara o seu posto de traballo no concello. O día 05/08/1936 levárono diante do xuíz.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña os días 26 e 27/08/1936 polo delito de rebelión militar, na causa 207/36, co resultado de sentenza á pena de morte.

Neste procedemento condenaron á pena de morte a: Joaquín-Manuel Guzmán García, Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez, Francisco Prego Campos, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Vázquez González; castigaron a cadea perpetua a: José-María Eirís Carro, Enrique Rosende Calvo e Leovigildo Taboada Alvarellos; declararon fuxidos a: Martín Ferreiro Álvarez, José Moreno Torres e Marcelino Pan Insua.

Manifestou que non tiña relación política con Francisco Pérez Carballo, pois UR, onde militaba, non tiña contacto coa dita autoridade.

Testemuñas na súa contra manifestaron que nos seus mitins incitaba ás masas para que estiveran armados e atentos diante dun posible golpe de Estado. Nun informe, que achegou ao proceso a Garda Civil, maniféstase que era un funcionario inmoral e de conduta pouco decente, afeccionado aos prostíbulos e que na cátedra da Escola de Comercio facía mofa dos estudantes católicos, aos que obrigaba a desprenderse dos símbolos representativos da súa confesión. Tamén se indica que nos mitins pronunciábase en termos violentos contra as institucións e a orde, contra a Igrexa e contra a propiedade privada. Remataba este informe dicindo “peligrosísimo para el orden público”. O xuíz instrutor cualifícao como “persona indeseable y que ha contribuído con sus propagandas a la anarquía que padecemos”.

Aos condenados a morte asasináronos no Campo da Rata, na Coruña, o día 31/08/1936 ás 06:00 h.

Soterrárono o día 31 de agosto nunha fosa común no cemiterio de San Amaro, na Coruña, con Joaquín-Manuel Guzmán García, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez e Francisco Prego Campos.

A prensa recolleu a noticia deste xeito: «A las seis de la mañana de ayer, lunes, se cumplió en nuestra capital el fallo de la sentencia dictada por el Consejo de guerra celebrado los pasados días 26 y 27 de agosto en la Audiencia coruñesa. Como consecuencia de dicho fallo, fueron pasados por las armas don Manuel Guzmán García, don Alfredo Suárez Ferrín, don Joaquín Martín Martínez, don Francisco Prego Campos, don Manuel Maseda Reinante y don Francisco Mazariegos Martínez». (El Ideal Gallego, 01/09/1936).

Non se conserva o seu expediente persoal no Arquivo Municipal da Coruña (AMC).

Procesárono no Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas da Coruña e indultárono no ano 1941.

O Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo, no sumario 999/43, sobresería o caso e arquivaría as actuacións contra Joaquín Martín en 1943 porque xa finara no ano 1936.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.