← Volver atrás

Suárez Ferrín, Alfredo

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

A Coruña
(A Coruña)
- 21/10/1881 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
(A Coruña)
- 31/08/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Industrial, profesor mercantil e político, 55 anos. Casado con Sofía Chacón Winter; tiñan dúas fillas e un fillo: Elisa, Sofía e Luis. Veciños da rúa Riego de Agua, 27-1º, na Coruña. Estudou Químicas e Profesorado Mercantil e adicouse aos seus negocios. Tiña a ferretería Suárez Ferrín Hermanos, na rúa Sánchez Bregua, 10, na Coruña, que compartía co seu irmán Julio Suárez Ferrín, e unha fábrica de caldos concentrados. Nos últimos anos só rexía unha pequena fábrica de caldos concentrados da marca FAS.

Socio do Casino Republicano coruñés.

No ano 1931 era membro do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), que crearan o seu irmán Julio Suárez, Gonzalo Acosta Pan, Ramón Lago Portela, Emilio Freijido García e os médicos José Búa Carou, José Barbeito Rouco e Aurelio Gutiérrez Moyano, entre outras persoas. Presentouse con esta formación ás eleccións municipais do 12/04/1931, que deran lugar a proclamación da República. Concelleiro e 4º tenente de alcalde. Vogal da Liga Española para la Defensa de los Derechos del Hombre y del Ciudadano, na Coruña. O día 01/01/1934 elixírono alcalde da Coruña na substitución de Manuel Iglesias Corral e cesárono a finais do mesmo ano como represalia pola revolución de outubro de 1934. Ese mesmo ano abandonou os radicais para unirse a Unión Republicana (UR). Coa vitoria da Fronte Popular (FP) nas eleccións xerais do 16/02/1936 repuxérono no cargo de alcalde; cargo que desenvolvía no momento do golpe de Estado. Participou en moitos mitins e conferencias; opúxose ao Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) pola capitalidade, que quería que recaese na Coruña.

Sendo alcalde, recorreu a Santiago Casares Quiroga con recomendacións para que, ao coronel Pablo Martín Alonso e ao tenente coronel Óscar Nevado Bouza, lles anularan unhas denuncias que existían contra deles. Ningún dos dous militares o axudaron no seu consello de guerra sumarísimo que o levaría á morte.

Tiña como compañeiros na Corporación da Coruña de 1936, entre outras persoas, a: Juan Wonenburger Varela, procesado; Eduardo González-Moro Cervigón, encarcerado; Antonio Zapata Fernández, procesado; Eduardo Blanco Lemus, procesado; Alfredo Somoza Gutiérrez, exiliado; Ramón Lago Portela, procesado; Martín Ferreiro Álvarez, morre no campo de concentración de Gusen (Austria).

Executado.

A primeiras horas da noite do 17 de xullo chegaban ao Goberno Civil as primeiras novas da sublevación.

Francisco Pérez Carballo, gobernador civil, recibía instrucións para convocar aos líderes políticos e sindicais para facer unha fronte común para defender a legalidade política, referendada nas urnas en febreiro, organizando o chamado Comité de Defensa da República, igual que o formado en todas as cidades e pobos de España.

O da Coruña formábao ademais do gobernador, Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local do PSOE; José García García, Pepín da Lixivia, polas XSU; José Moreno Torres, secretario xeral da Confederación Rexional Galaica (CRG); Francisco Mazariegos Martínez, da UXT; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde e representante de UR; Eladio Muíños Díaz, da CNT; Jacinto Méndez Esporín, da FAI; Manuel Fernández Fernández, do Partido Sindicalista; Nicolás Torres Ferro, polo PCE; Plácido-Ramón Castro del Río, polo PG; Joaquín-Manuel Guzmán García, por ER e Luis Vidal Ojén, polas Xuventudes de ER. Todo co obxectivo de enfrontarse á rebelión militar que se agardaba estoupase en calquera momento na cidade. Armar os obreiros, formar patrullas para vixiar a evolución dos movementos nos cuarteis, controlar as comunicacións e aos individuos extremistas de ideoloxía fascista, requisar as armas aos das dereitas, controlar as rúas para manter a orde e facer quendas de vixilancia no Goberno Civil.

Antes de ser detido polos rebeldes ordenou aos gardas municipais que se mantiveran confinados no concello e que entregaran as armas aos sublevados.

Detido polo capitán de Artillería Eduardo Ozores Arráiz o día 21 de xullo, ás 16:00 h, no seu domicilio. O día 22, en liberdade, asistiu á toma de posesión do alcalde que nomearon os rebeldes, o capitán José Fuciños Gayoso, e prendérono, de novo, horas despois.

Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña os días 26 e 27 de agosto de 1936 polos delitos de traizón e rebelión militar, na causa 207/36, co resultado de sentenza á pena de morte.

Neste procedemento condenaron á pena de morte a: Joaquín-Manuel Guzmán García, Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez, Francisco Prego Campos, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Vázquez González; castigaron a cadea perpetua a: José-María Eirís Carro, Enrique Rosende Calvo e Leovigildo Taboada Alvarellos; declararon fuxidos a: Martín Ferreiro Álvarez, José Moreno Torres e Marcelino Pan Insua.

Aos condenados a morte executáronos na Punta Herminia, na Coruña, o día 31 de agosto de 1936, ás 06:00 h.

Na súa defensa actuaron como avogados o ex-alcalde coruñés Manuel Casas Fernández e o capitán de Artillería Eduardo Ozores Arraiz.

Soterrárono nun nicho no cemiterio de San Amaro da Coruña.

A familia asegurou que o indultaran pouco antes da execución, xa que Suárez Ferrín intercedera diante de Santiago Casares Quiroga en favor duns militares galegos acusados de rebeldes tempo atrás. A familia tamén afirmou que a orde, que viña da Junta de Defensa Nacional, órgano de dirección dos sublevados, non se aplicou de xeito intencionado.

Nesta acción executaron a: Alfredo Suárez Ferrín (alcalde da Coruña), Joaquín-Manuel Guzmán García (secretario do concello), Francisco Prego Campos (xefe de negociado do Concello da Coruña), Joaquín Martín Martínez, secretario municipal, e os líderes do PSOE Ramón Maseda Reinante e Francisco Mazariegos Martínez.

Procesárono no Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas da Coruña e indultárono no ano 1941.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.