Nacemento:
Morte:
Panadeiro, militar e sindicalista, 32 anos. Casado. Veciño da rúa Sinforiano López, 51-1º, no barrio de Vioño na Coruña. Estivo emigrado en Nova York e regresou ao proclamarse a II República, en 1931.
Anarcosindicalista e militante da CNT e do Sindicato de Panadeiros. En xuño de 1931 era 3º vogal do Centro de Estudos Sociais Germinal con outros anarcosindicalista como Jacinto Méndez Esporín e Eladio Muíños Díaz. Secretario da Federación Local Obreira (FLO) da CNT na Coruña en 1936. Secretario, desde decembro de 1932, da Confederación Rexional Galaica (CRG) e dirixente da CNT da Coruña desde 1932 con José Villaverde Velo e Enrique de Miguel Moscoso, o Cristo de Vioño, o Torto. Dentro da CNT militaban a maioría dos traballadores da cidade. Identificado coa Federación Anarquista Ibérica (FAI) máis radical.
Director en 1933 do xornal Solidaridad Obrera.
Fuxido. Morte en enfrontamento.
A primeiras horas da noite do 17 de xullo chegaban ao Goberno Civil as primeiras novas da sublevación.
Francisco Pérez Carballo, gobernador civil, recibía instrucións para convocar aos líderes políticos e sindicais para facer unha fronte común para defender a legalidade política, referendada nas urnas en febreiro, organizando o chamado Comité de Defensa da República, igual que o formado en todas as cidades e pobos de España.
O da Coruña formábao o gobernador, con: Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local do PSOE; José García García, Pepín da Lixivia, polas XSU; José Moreno Torres, secretario xeral da Confederación Rexional Galaica (CRG); Francisco Mazariegos Martínez, da UXT; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde e representante de UR; Eladio Muíños Díaz, da CNT; Jacinto Méndez Esporín, da FAI; Manuel Fernández Fernández, do Partido Sindicalista; Nicolás Torres Ferro, polo PCE; Plácido-Ramón Castro del Río, polo PG; Joaquín-Manuel Guzmán García, por ER e Luis Vidal Ojén, polas Xuventudes de ER. Todo co obxectivo de enfrontarse á rebelión militar que se agardaba estoupase en calquera momento na cidade. Armar os obreiros, formar patrullas para vixiar a evolución dos movementos nos cuarteis, controlar as comunicacións e aos individuos extremistas de ideoloxía fascista, requisar as armas aos das dereitas, controlar as rúas para manter a orde e facer quendas de vixilancia no Goberno Civil.
Moreno Torres tamén ordenou aos homes da súa confianza que fixeran incautación de armas nos municipios dos arredores da Coruña cos que enfrontarse aos militares sublevados.
Xulgado en consello de guerra sumarísimo na Coruña os días 26 e 27 de agosto de 1936 polos delitos de traizón e rebelión militar, na causa 207/36, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía.
Neste procedemento condenaron á pena de morte a: Joaquín-Manuel Guzmán García, Joaquín Martín Martínez, Ramón Maseda Reinante, Francisco Mazariegos Martínez, Francisco Prego Campos, Alfredo Suárez Ferrín e Manuel Vázquez González; castigaron a cadea perpetua a: José-María Eirís Carro, Enrique Rosende Calvo e Leovigildo Taboada Alvarellos; declararon fuxidos a: Martín Ferreiro Álvarez, José Moreno Torres e Marcelino Pan Insua.
Xulgado en consello de guerra sumarísimo no Cuartel de Atocha da Coruña polo delito de rebelión militar, o día 13/11/1936, na causa 721/36.
Procesado no mesmo xuízo que o alcalde de Sada, Antonio Fernández Pita, declarárono fuxido e en rebeldía con José Platas Fernández, Luis Chamorro Castro, Manuel Hermida Hermida e outros.
Neste xuízo procesaron, entre outras persoas, aos xa paseados: Manuel Hermida Hermida, xornaleiro (paseado o 18/08/1936); Pedro Ramírez Menéndez, peón (paseado o 06/09/1936); Gumersindo Gómez García, peón (paseado o 06/09/1936), e José Cambón Rodríguez, peón (paseado o 06/09/1936); Antonio Fernández Pita, alcalde de Sada, pena de morte; José Moreno Torres, panadeiro, fuxido; José Platas Fernández, panadeiro, fuxido, e Luis Chamorro Castro, mariñeiro, fuxido.
José figuraba nun informe da Dirección Xeral de Policía, con outros, “como individuos peligrosos que aún no fueron capturados... huidos o desaparecidos de la localidad, cuyo paradero se desconoce”; tíñano fichado e considerado como comunista.
Tamén figura, con outros, nun segundo informe da Dirección Xeral de Policía “como individuos peligrosos que aún no fueron capturados, que se sepa en este Departamento, pueden citarse los siguientes, huidos o desaparecidos de esta localidad, cuyo paradero se desconoce”.
Cando se produce o golpe dos rebeldes, ocultouse varios meses na Coruña.
O día 05/01/1937 foxe, desde A Coruña cara Xixón (Principado de Asturias), na lancha gasolineira Conchita (que os 23 fuxidos chamaron La Libertaria), nunha fuga que organizara o sindicato El Despertar Marítimo, da CNT coruñesa, con dous pesqueiros.
Entre estes fuxidos atopábanse: Asdrúbal Álvarez Galindo, Adolfo Bregua Mouriño, Manuel Bugallo Lois, Julián Carballo Gómez, José-Luis Chamorro Castro, Moisés Erguido Blanco, Ángel Fernández Fernández, Eladio Freire García, Manuel Gantes Barreiro, Abelardo González Morado, Odilo Masid Masid, José Moreno Torres, Emilio Novás Naya, José Platas Fernández, José Prego Veira, Joaquín Carlos Rivero, Julio Sanjurjo López, José Soriano Pardiñas, Antonio Suárez e Maximino Zas Martínez.
Loita no exército republicano no Principado de Asturias, no 219º Batallón Galicia, 6ª Brigada Mixta, 2ª División do III Corpo de Exército de Asturias. Acadou o grao de tenente axudante da Plana Maior nesta unidade en febreiro de 1937 e en maio dese ano ascendeu a capitán axudante; logo sería comandante xefe do dito batallón e alí se mantivo ata que cae a Fronte Norte o día 20/10/1937; ferírono en combate nun pé.
Despois semella que escapou para Galicia polos montes para unirse aos “escapados”, sen existir documentos que o certifiquen. Segundo Hartmut Heine capturouno e fusilouno a Garda Civil. Semella que cae abatido pola Garda Civil e os falanxistas, en 1937, no Porto do Acevo, cando tentaba volver a Galicia; non consta rexistro documental deste feito.
A finais de outubro de 1937, despois da caída da fronte asturiana, José Moreno Torres dirixía un grupo duns 15 combatentes da súa unidade, o 219º Batallón Galicia, que tentaban volver á súa terra e unirse aos escapados que alí se agochaban. Entre eles estaban: José Balado Gil, José-María Barros Germade, Manuel Bugallo Lois, Maximino Díaz Bugallo, Albino Domínguez Márquez, Enrique García Lago, Jaime Machicado Llorente, Jesús Martínez Castro, Maximino Martínez Fernández, Odilo Masid Masid, Emilio Novás Naya, Manuel Ramos Escariz, Manuel Rivas Rey, Serafín Varela Platero, Enrique Viadero Haya, Luis-Rafael Villar Sánchez e, posiblemente, Julián Carballo Gómez, Moisés Erguido Blanco e Víctor Paradela Ríos.
Na noite do 29/30 de outubro chegaron ao Porto do Acebo, A Fonsagrada (Lugo), onde fixeron dous grupos e durmiron en dúas cantinas; a que estaba máis achegada a Galicia asaltouna un numeroso grupo de gardas civís e falanxistas, que sorprenderon aos nove que alí se atopaban, aos que apresaron e executaron. O outro grupo, alertado polos tiros, estableceu combate cos represores, matando ao falanxista Emilio Villar. Nos días posteriores capturaron e mataron a José Moreno e a Manuel Bugallo; a José-María Barros e a Julián Carballo prendéronos o día 04/11/1937. Os únicos que conseguiron saír ben librados foron Moisés Erguido e Víctor Paradela.
Soterrárono nunha fosa común no Acebo.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.