Nacemento:
Morte:
Industrial e político, 44 anos. Casado con Josefa Ferro Majón; tiveron tres fillas e un fillo; Josefa levaba unha tenda de ultramarinos. Veciños de Pontedeume. De mozo emigrou a Cuba. De regreso en Pontedeume montou varios negocios: unha fábrica de gasosas, un almacén de venda de carbón e leña e mercou dúas tarrafas de pesca.
Presidiu a Agrupación Socialista (AS) de Pontedeume desde a súa creación en 1931 ata 1936, da que era secretario Luis Nodar Castro, a quen fusilaron en Ferrol o día 09/07/1937. Nesta directiva da AS tamén figuraban: Albino Couceiro, Eduardo Fonte Amigo, José Losada, José-Antonio Fonte e María Vázquez Suárez.
Membro da xestora municipal de Pontedeume despois da suspensión das corporacións polo fraude electoral das eleccións do día 12/04/1931, fraude provocado polos monárquicos (o máis grave o cambio dunha urna en Nogueirosa). A demanda de fraude presentouna a Federación Republicana.
Durante a revolución de outubro de 1934 arrestárono con outras persoas, acusado de sabotaxe; a causa pechou sobresida.
Novamente detido e condenado a seis anos de cadea o día 12/02/1936.
Coa vitoria da Fronte Popular (FP) puxérono en liberdade o 29 de febreiro grazas a amnistía decretada polo novo executivo, que nomeou a Celestino Sardiña Navarro delegado do Goberno Civil na comarca, coa finalidade de restablecer as corporacións municipais ás que cesaran no ano 1934 as dereitas.
O 9 de marzo de 1936 Celestino Sardiña presidiu o pleno de Pontedeume; a Manuel López Seijo, que era concelleiro desta corporación, elixírono alcalde. Na dita corporación figuraban concelleiros de Esquerda República (ER) e do PSOE; os do PSOE eran: López Seijo, Luis Nodar Castro, Eduardo Rodríguez Paz e Eduardo Fonte Amigo. A Celestino, que desenvolvía o posto de secretario interino do concello, fusilárono o día 18/08/1936 na Capela. Tamén sería paseado en 1936 o seu asesor do concello, Manuel Prado Allegue.
Manuel desenvolvía este cargo cando se produce o golpe de Estado. Foi o último alcalde republicano de Pontedeume.
Tiña como compañeiros na Corporación de Pontedeume de 1936, entre outras persoas, a: Robustiano Freire Herva, encarcerado; Luis Nodar Castro, executado.
Fuxido. Encarcerado.
Cando se produce o golpe dos sublevados en 1936 formou parte do Comité de Defensa da República da vila de Pontedeume, onde coincidiu con Luis Nodar, Celestino Sardiña, Ángel García Toribio, rexistrador e presidente local de ER, Juan Ares López, concelleiro de ER e Ramiro Ares Bouza, da Sociedade Labrega de Boebre e os seus lugares.
Xulgado en consello de guerra en Ferrol (A Coruña) polo delito de rebelión militar, na causa 264/36, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía.
Logo da sublevación do 18 de xullo, o día 22 entregou as chaves do concello ao cabo da Garda de Seguridade e Asalto, José Suárez Pensado, pasando á clandestinidade. Nos primeiros momentos refuxiouse na bodega dun bar do Souto da Vila, despois na casa dun amigo e, finalmente, na súa casa da vila onde lle prepararon un falso teito no cuarto de baño. A maioría das súas propiedades embargáronas os sublevados e ata lle queimaron unha das tarrafas. Foron continuos os rexistros sen éxito na súa casa e nas dos amigos e familiares.
En maio de 1941 pasou a agocharse na casa dos seus sogros, onde xa vivían os seus fillos desde que el comezara a vivir na clandestinidade. Un día, cando saíu á terraza a coller auga, viuno un veciño. Temendo a delación entregouse á Garda Civil o día 9 de febreiro de 1942; acompañouno un curmán e o frade Gumersindo Placer López, co que tiña unha grande amizade.
Nas posteriores vistas para o xuízo polo delito de rebelión militar, as declaracións das testemuñas resultaron contraditorias. Mentres o novo alcalde, o cura e tres persoas máis da vila falaron del como fanático, extremista ou perigoso marxista; outros como o tenente xefe do cuartel da Garda Civil de Pontedeume ou José Suárez Pensado, a quen lle entregara as chaves do concello en 1936, téñeno por persoa moderada que gobernara sen extremismos e que no ano 36 mirara pola orde e protexera aos presos afectos aos sublevados, evitando a vinganza.
Quedou libre no ano 1942, pendente de xuízo, obrigárono a residir en Ferrol e denunciouno a Falanxe eumesa por visitar á súa familia en Pontedeume.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Ferrol o 4 de marzo de 1943 polo delito de rebelión militar, na causa 360/42, co resultado de sentenza a 15 anos de prisión.
Cumpriu a condena no cárcere de Ferrol, no Arsenal e no Castelo de San Felipe.
Interno na Prisión Militar do Castelo de San Felipe, en Ferrol, publicaron a súa liberdade condicional provisoria no BOE nº 73 do día 13/03/1944.
No ano 1948 puxérono en liberdade definitiva e desterrárono de Pontedeume, nun radio de 200 quilómetros.
Estableceuse en Vigo, onde finou en 1977.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.