Nacemento:
Morte:
Albanel e político, 26 anos. Casou en 1932 con Manuela Cernadas Varela e tiveron unha filla. Veciños de Nogueirosa. Fillo de Juan Nodar Martínez, canteiro e activo dirixente das sociedades. Irmán de Juan Nodar Castro, o seu irmán maior, falanxista e mestre de Santiago de Barallobre, Fene (A Coruña). Vivía coa familia en Leiro, San Cosme de Nogueirosa, onde en 1931 presidiu a Sociedade de Oficios e Profesións Varias, afecto á UXT. Na Casa do Pobo de Esteiro facíanse reunións frecuentes e incluso houbo un mitin de Ramón Suárez Picallo.
Vencellado á UXT, onde coincidiu con Ramón Agras Fernández (executado na Capela en agosto de 1936), con Anselmo Vázquez Rodríguez, Eduardo Fonte Amigo e Eduardo Rodríguez Paz.
Militante do PSOE, en 1934 elixírono secretario da Agrupación Socialista (AS) de Pontedeume, que presidía Manuel López Seijo, alcalde de Pontedeume en 1936 e quen logo andou fuxido, entregouse o día 09/02/1942 e condenárono a 15 anos de prisión o día 04/03/1943. Eran membros da directiva da AS: Albino Couceiro, Eduardo Fonte Amigo, José Losada, José-Antonio Fonte, Manuel López Seijo e María Vázquez Suárez. Á maioría deles procesáronos despois do triunfo dos rebeldes e algúns finaron executados. Neste ano 1934 aumentou a conflitividade, houbo folgas, sabotaxes e violentos enfrontamentos.
Logo do triunfo da Fronte Popular (FP) nas municipais de febreiro de 1936, o delegado do Goberno Civil, Celestino Sardiña Navarro, designa a nova Corporación Municipal de Pontedeume, que vai presidir Manuel López Seijo, con concelleiros de Esquerda Republicana (ER) e do PSOE. Do PSOE son o alcalde, Luis Nodar, Eduardo Rodríguez Paz e Eduardo Fonte Amigo.
A nova corporación destituíu a varios funcionarios municipais por estaren implicados na desaparición de documentación oficial: o secretario, Ramón Álvarez Placer; o oficial da secretaría, Indalecio Cabana Carrillo; o depositario de fondos, Pío Rosado Fajardo; o recadador de arbitrios, Ramón Fernández Lamas e os gardas municipais Nicolás Villar Martínez, Jesús Cuíña Placer e Antonio Couso Sierto.
Esta corporación apoiou o Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG), a incautación dos cemiterios, a creación dunha biblioteca municipal, obras de urbanización e construción dun mercado municipal. Luis acompañou ao alcalde a Madrid para solicitar máis recursos para o concello a primeiros de xullo de 1936, cando se produce o atentado contra José Calvo Sotelo; este suceso sería aducido no seu xuízo de maio de 1937 polas testemuñas, que dicían que Nodar se mofara deste suceso.
Desenvolvía este cargo cando se produce o golpe de Estado de xullo.
Tivo como compañeiros na Corporación de Pontedeume de 1936, entre outras persoas, a: Manuel López Seijo (alcalde), procesado; Robustiano Freire Herva, encarcerado.
Executado.
Cando se produce o golpe dos rebeldes formouse o Comité de Defensa da República de Pontedeume, no que coinciden, a máis doutros homes, o alcalde Manuel Seijo López, Celestino Sardiña Navarro, de Esquerda Republicana (ER) e delegado do Goberno Civil, Luis Nodar Castro, concelleiro de Pontedeume polo PSOE, Ramón Ares Bouza, membro da Sociedade Labrega de Boebre e os seus lugares, Ángel García Toribio, rexistrador e presidente de ER, e Juan Ares López, tamén de ER, concelleiro e tenente de alcalde na mesma localidade; ordenaron a requisa de armas para enfrontarse aos golpistas.
Xulgado en Ferrol (A Coruña) polo delito de rebelión militar co resultado de sentenza á pena de morte.
Nun primeiro momento puido escapar e buscar refuxio en Esteiro. Descuberto por uns veciños marchou á casa da súa irmá en Bermui, As Pontes de García Rodríguez. O seu irmán maior, Juan Nodar Castro, falanxista, trasladouno á Coruña coa intención de embarcalo e sacalo do país. Non foron quen de logralo e volveu á casa, alternando as estancias no domicilio dos seus pais en Leiro co seu enderezo de Esteiro.
Descuberto e detido ás 15:00h do 7 de maio de 1937 polos gardas civís Antonio Vilar Boado e Francisco Lasén Colina e os falanxistas José-María Varela Garabana e José Rivera Rodríguez, o Lugués (o Lugués morrería logo nun atentado da guerrilla en Campolongo en novembro de 1944). Interrogado no cuartel da Garda Civil en Pontedeume; o día 10 trasladárono ao cárcere de Ferrol; de alí pasou ao Castelo de San Felipe, desde onde escribiu unha carta á súa dona indicándolle que lles dixera aos seus pais que fixera unha solicitude para ingresar na Lexión.
Xulgado en consello de guerra no Cuartel de Zapadores da Coruña o día 03/07/1937, na causa 665/37, co resultado de sentenza á pena de morte.
A sentenza, do mesmo día 3, notificóuselle ás 04:00 h do día 9; négase a asinala e ás 07:00 h executárono no Castelo de San Felipe, en Ferrol. O seu irmán Juan viaxara a Burgos a solicitar un indulto, que nunca chegou.
O proceso iniciouse co atestado do comandante do posto da Garda Civil en Pontedeume, Jesús Ferreiro Freire. O groso das acusacións baseábanse na "participación revolucionaria de xullo de 1936" e no seu papel de dirixente durante a República. As declaracións que o inculpaban procedían de destacados membros de Falanxe local e dalgúns dos funcionarios destituídos. Dos primeiros temos que sinalar a José Calvo Fonte, José de Benito, xefe de Falanxe en Ombre, que logo caería a tiros en 1945 a mans da guerrilla e en vinganza, segundo as testemuñas, da morte de Antonio Manso Fernández, o Carpinteiro dos pobres; tamén testemuñou contra del Feliciano Díaz Vila, xefe local de Falanxe de Andrade. Os gardas municipais Antonio Couso Sierto e Nicolás Villar Martínez, aos que cesaran, involucrárono na resistencia dos días posteriores ao alzamento rebelde, subliñando o seu papel de dirixente, de axitador e de estar ao fronte en todas as manifestacións.
A inconsistencia das acusacións queda reflectida no informe do entón alcalde, Jesús Calvo Patiño: "Con respecto a la participación revolucionario de julio de 1936 el que hace el informe dice que no puede concretarse, pero que no hay duda alguna que durante aquellos días el acusado permaneció en esta villa y que figuró entre los elementos dirigentes del Frente Popular".
A Sentenza: "Se le acusa de ser elemento destacadísimo como propagandista del marxismo, provocador de conflictos sociales y que con anterioridad a los sucesos revolucionarios se distinguió como dirigente de las masas obreras, figurando a la cabeza de manifestaciones en las que se injuriaba a los Cuerpos Armados. En los días 20 y siguientes del mes de julio del año pasado, en unión de otros, se constituye en el Ayuntamiento y organiza la resistencia al Ejército, para lo que da órdenes de requisas de armas y distribución de paisanos a fin de oponerse a las Fuerzas Militares".
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.