← Volver atrás

Besteiro Fernández, Julián

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado. Morte na cadea

Nacemento:

Madrid
- 21/09/1870 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Carmona
(Sevilla)
- 27/09/1940 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Catedrático e político, 65 anos. No ano 1913 casou coa profesora salmantina Dolores Cebrián Fernández de Villegas. Veciños de Madrid. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade Central de Madrid. Catedrático de instituto en Ourense e Toledo e de Lóxica na Universidade Central de Madrid.

No ano 1913 era concelleiro de Madrid. Encarcerado logo da folga de agosto de 1917. A partires de 1919, e por mor da debilidade de Pablo Iglesias Posse (+1925), converteuse no líder de facto do PSOE no que ingresara no ano 1912.

Durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja, o PSOE e a UXT mantiveron unha postura de colaboración, política que combateron dentro do partido Indalecio Prieto Tuero e Fernando de los Ríos Urruti. En 1925 sucedeu a Pablo Iglesias ao fronte do PSOE e da UXT. No ano 1929 prodúcese a ruptura da ala obreirista que encabezaba Francisco Largo Caballero, que se agrandou diante da negativa de Besteiro a participar no Pacto de San Sebastián das forzas republicanas. Logo do triunfo das posicións contrarias a el, dimitiu en febreiro de 1931 dos seus cargos no PSOE e na UXT.

En 1931 e despois da instauración da II República, elixírono presidente das Cortes por unanimidade, permanecendo neste cargo ata outubro de 1933. Polas súas posicións conservadoras, dimitiu da presidencia da UXT en xaneiro de 1934, despois de que a recuperara en outubro de 1932.

Os días 19/11/1933 e 03/12/1933 realízanse eleccións, coa vitoria das dereitas da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA). A finais de marzo de 1934, o novo Goberno ascendeu a Francisco Franco Bahamonde a xeneral de división, o teito entón da carreira militar. Co triunfo desta coalición de Radicais-CEDA, emprendeuse a anulación das reformas que timidamente se tiñan iniciado.

Dentro da formación socialista, os moderados de Besteiro víronse desprazados polos máis radicais de Largo Caballero e Indalecio Prieto. O agravamento da crise económica, o retroceso nas reformas e a radicalización da esquerda, implicaron un ambiente de sublevación popular. Julián Besteiro afastouse da postura do PSOE de apoio á folga xeral revolucionaria de outubro de 1934.

Encarcerado. Morte na cadea.

Coa declaración da Guerra Civil Española volveu ao Concello de Madrid e opúxose de fronte ao conflito, apostando por unha paz negociada. Mantivo animadversión fronte ao presidente do Goberno, Juan Negrín López, sucesor de Largo Caballero. Contactou coa Falanxe na clandestinidade, cos franquistas e os quintacolumnistas para achegarse a unha vía pola paz.

Contando coa boa vontade de Franco, sumouse á controvertida iniciativa de Segismundo Casado López (ao mando das tropas republicanas do Centro) e formou parte do Consello de Defensa Nacional (CDN), que o día 05/03/1939 deu un golpe de Estado contra a República. Esta conspiración pretendía chegar a acadar un armisticio cos sublevados que nunca se logrou. O día 27/03/1939 realizouse a última reunión deste CDN e o día 28 os seus membros desprazáronse a Valencia, agás Besteiro. O mesmo día réndese Madrid e o día 29 a Julián Besteiro detéñeno e envíano á Prisión Provincial de Porlier, en Madrid.

Xulgado en consello de guerra en Madrid, o día 08/07/1939, polo delito de adhesión á rebelión militar co resultado de sentenza a cadea perpetua.

Despois de pasar por outras cadeas, chegou ao cárcere de Carmona (Sevilla); pediuse a súa posta en liberdade pero Franco negouse a liberar ao ancián e enfermo profesor. Morreu a causa de septicemia, no máis completo abandono e sen axuda médica adecuada, na dita prisión de Carmona.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.