← Volver atrás

López Bouza, José

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado

Nacemento:

Ferrol
(A Coruña)
- 19/02/1890 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Barrio de Canido, Ferrol
(A Coruña)
- 30/08/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Funcionario e político, 46 anos. Veciño da rúa Angustias, 2-1º, en Ferrol. Emigrado de mozo na República Arxentina, de onde o expulsaron en 1911 por anarcosindicalista. Funcionario municipal, oficial 1º do Concello de Ferrol. Fundou unha escola en Canido.

Militante anarquista. Detido en varias ocasións polas súas actividades sindicalistas. Sobre 1918 evolucionou cara o republicanismo de centro. Impulsor do Ateneo Obreiro Sindicalista e da Comisión Pro Ensinanza Racionalista. Tamén impulsou o Congreso Internacional da Paz, co obxecto de por fin á Primeira Guerra Mundial. Prendérono en varias ocasións polas súas actividades sindicalistas.

Membro da masonería.

Membro da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), coa proclamación da II República (foi a persoa que izou a bandeira republicana no concello de Ferrol) nomeárono gobernador civil de Ourense e, despois, de Lugo entre 1931 e 1932. Presidente de ORGA en Ferrol e logo de Esquerda Republicana (ER).

Co triunfo da Fronte Popular (FP), en febreiro de 1936, designárono presidente da comisión xestora da Deputación Provincial da Coruña o día 23/03/1936 e concelleiro de Ferrol por ER. Participou activamente na campaña para a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) do ano 1936 e iría á fronte da delegación que entregou este estatuto ao presidente da República en Madrid en xullo de 1936.

Na Corporación de Ferrol na que exerceu de alcalde Antonio Santamaría López, en 1936, tivo entre outros compañeiros a: Federico Pérez lago, encarcerado; Manuel Morgado González del Valle, executado; Fermín-Andrés Mejuto Fernández, procesado; Hipólito Martínez Vez, procesado; Ventura Dios Lojo, encarcerado; Francisco del Río Barros, encarcerado; Adolfo Rodríguez Sánchez, encarcerado.

Paseado.

Ao producirse a sublevación de xullo de 1936 López Bouza, desoíndo os consellos de Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao, decidiu volver á cidade de Ferrol o día 18 e participou na defensa do concello o 20 de xullo.

Despois da rendición do edificio do concello detivérono os rebeldes.

Xulgado en consello de guerra o día 11/08/1936 no Cuartel de Zapadores, en Ferrol, polo delito de traizón, na causa 182/36, co resultado de sentenza a cadea perpetua.

Neste consello militar condenaron á pena de morte a: Fernando Carballo Rodríguez, Manuel Morgado González del Valle, Juan Rincón Téllez e Antonio Santamaría López; castigaron a cadea perpetua a: Ventura Dios Lojo, José López Bouza, Miguel Mendiguchía RealFederico Pérez Lago, Adolfo Rodríguez Sánchez e Francisco del Río Barros.

No proceso exerceu de fiscal o auditor Hernán Martín-Barbadillo Pául, que pide a pena de morte para todos os procesados.

Trasladárono ao buque prisión Plus Ultra. Sacárono deste buque na amañecida do día 30 de agosto para un suposto traslado e fusilárono en Canido; asasinado a mans da forza pública franquista xunto con outras 17 persoas.

Morte rexistrada en Ferrol a causa de ferida de bala.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.