← Volver atrás

Miñones Bernárdez, José

Alcume: Pepe Miñones
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Executado. Sancionado

Nacemento:

Corcubión
(A Coruña)
- 01/05/1900 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 02/12/1936 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Propietario, avogado, empresario, banqueiro e político, 36 anos. Casado na Coruña, o día 12/10/1927, con María del Pilar Vilas Durán; tiñan tres fillos e unha filla: Pilar. Veciños da rúa Tabernas, 20-3º, na Coruña. Irmán de Jesús Miñones Bernárdez, aldraxado e logo exiliado, e de Manuel Miñones Bernárdez, exiliado. Licenciado como Profesor Mercantil na Coruña; estudou Dereito por libre en Madrid, Oviedo e Santiago de Compostela. Propietario da banca familiar Casa de Banca Manuel Miñones Barros, en Corcubión

Nun principio militou no Partido Republicano Radical (PRR), logo no Partido Radical Demócrata (PRD). No ano 1931 fundou o Partido Socialista Agrario na Costa da Morte, asentando o “Miñonismo” nesas terras. Finalmente ingresou en Unión Republicana (UR). Elixido deputado nas Cortes en 1933 (PRR) e en 1936 (UR).

Socio do Casino Republicano coruñés. Despois das eleccións de febreiro de 1936 e logo da dimisión do anterior gobernador civil, con outros, controlou que non houbera altercados na cidade.

Masón da loxa Pensamiento y Acción nº 11.

Creou empresas como Hidroeléctrica de la Loma, S.A. (Úbeda, Xaén) ou Electra Popular Coruñesa, creada en setembro de 1932, da que era conselleiro-delegado.

Apoderado da Fronte Popular (FP) nas eleccións de febreiro de 1936.

Executado. Sancionado.

Foi un dos homes que no momento do levantamento militar se puxo ao lado do gobernador Francisco Pérez Carballo e tratou, por orde deste, co xeneral Enrique Salcedo Molinuevo co ánimo de mediar entre el e o gobernador, pois non se entendían. Prendérono os fascistas.

José figuraba nun informe da Dirección Xeral de Policía “como individuos peligrosos que aún no fueron capturados... huidos o desaparecidos de la localidad, cuyo paradero se desconoce”.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de rebelión militar, na causa 207/36, iniciada o día 19/08/1936, co resultado de sentenza á pena de morte. A causa pasou por fases de sobrsemento e, na súa defensa, houbo oitas testemuñas no seu favor. Multárono con un millón de pesetas, circunstancia que deixou á súa viúva e fillos nunha situación económica crítica.

O presidente do seu consello de guerra sería o gobernador militar da Coruña Enrique Cánovas Lacruz.

Compañeiro de cela de Antonio Fernández Pita, alcalde de Sada, a quen fusilaron na Coruña uns días antes ca el, o 27/11/1936.

Fusilado no Campo da Rata, Punta Herminia, na Coruña. Pasado polas armas.

Soterrárono nun nicho no cemiterio de San Amaro da Coruña.

Semella que pesou na súa sentenza que axudara a convencer ao xeneral Enrique Salcedo Molinuevo para que non se unira aos rebeldes.

Soterrárono no cemiterio da Coruña.

Sancionado cunha multa de un millón de pesetas e o embargo de todas as súas empresas.

Manifestou diante do xuíz que chegara á Coruña o día 19 de xullo procedente de Madrid; que fora a Capitanía Xeral para conferenciar co xeneral Enrique Salcedo Molinuevo para dicirlle que se opoñía ao armamento das milicias socialistas. Salcedo, na segunda visita a Capitanía, pediulle que se mantivese no Goberno Civil por si precisaba da súa axuda. Ás 19:30h dese 19 recibiu queixas de Salcedo de que lles interromperan as comunicacións telegráficas; estaba diante o gobernador Francisco Pérez Carballo, do que conseguiu que autorizase a transmisión de telegramas. Despois marchou para a súa casa da Pasaxe, onde de camiño coincidiu cos Irmáns da Lixivia aos que lles dixo que non continuaran loita algunha e que lle dixeron que ían cara Betanzos (A Coruña). Que facía máis de dous meses que tiña diferenzas co gobernador civil pola detención das xentes das dereitas.

Florentino González Vallés solicitou informes sobre Miñones ao capitán de Artillería retirado, Ángel Santiago Moreno, que informou que Miñones se atopaba no Goberno Civil o día 20 ás 16:30, cando xa comezaran as loitas na rúa, que cando se desprazou ás Xubias deu instrucións de como actuar a persoas revolucionarias armadas, que ían en dous autobuses e un camión.

O axente de vixilancia Fernando Freire Gago informou que tales feitos non se produciran dese xeito. Isto tamén o confirma un empregado da fábrica de Eléctrica Popular Coruñesa, nos Castros, que dixo que Miñones, que era conselleiro delegado da dita empresa, pasara por alí para ver como ían as cousas e que lle contestou que había normalidade e que Miñones volvera, sen máis, para a súa casa da Pasaxe e que non tivera comunicación con ningún grupo.

Semella que actuou informando na Ponte Pasaxe e indicando ás forzas, que procedían desde o medio rural na defensa da Coruña, da inutilidade das súas intencións; entre eles ao grupo de Benigno Andrade García, Foucellas, que se desprazaban desde Curtis (A Coruña).

Pepe Miñones era propietario de Electra Popular Coruñesa, que lle expropiaron e integraron en Forzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (FENOSA), en 1943, propiedade de Pedro Barrié de la Maza, afecto ao Réxime e amigo persoal de Francisco Franco Bahamonde.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.