← Volver atrás

Costa García, Luis

Alcume: o Fugas, Juan García Durán, Jhon García
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado. Exiliado

Nacemento:

A Torre, Santa Baia de Arealonga, Vilagarcía de Arousa
(Pontevedra)
- 26/02/1915 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Alacante
- 12/12/1986 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Carpinteiro, escritor e historiador, 21 anos. Casou en 1934 con Dolores Martínez Santiago; tiveron un fillo: Luis. Á súa nai perseguírona os represores franquistas. Era o maior de cinco irmáns. Rematou por ser doutor en Historia.

Militante desde os 15 anos das Xuventudes Libertarias (XXLL) e da CNT, da que sería un dos seus reorganizadores na Coruña despois da guerra civil. En 1935 era secretario do Sindicato de Carpinteiros de Vilagarcía de Arousa.

Debido aos problemas que estaba a ter na súa localidade de orixe por un conflito laboral no porto de Vilagarcía de Arousa co resultado dunha morte, pouco antes do golpe militar trasladouse á Coruña.

Encarcerado. Exiliado.

Achábase indocumentado e pasou dous meses no cárcere da Coruña. Viviu no Birloque, na Coruña, na casa do seu amigo Lino Carrión Castilla, co que agardou a ocasión para fuxir nun pesqueiro para o Principado de Asturias e para integrarse na resistencia. Un dos intentos foi o da Fuga do Portiño, o día 03/03/1937, que rematou nun fracaso, aínda que el conseguiu fuxir da celada da Garda Civil.

Prendido o día 01/07/1937 noutra tentativa de fuga en barco, esta vez por unha delación. Nese día a brigada de Manuel Santos Otero prendeu na rúa Santander, 17 baixo, na Coruña: Juan López Gutiérrez, Margarita Carrión Castilla, Lino Carrión Castilla, Secundino Rodríguez Eiras e Luis Costa García. No operativo participaron Santos Otero, Ángel Fernández Garea, Vicente Peralta López, Luis Expósito Castaño, José Seijo Carneiro, Juan García Oviedo e Tomás Rodríguez Luengo. Acusábanos dun intento de fuxida en barco e aos arrestados torturáronos para que indicaran o nome do barco que os ía sacar da Coruña e tamén o nome dos demais implicados.

A fuga pretendíase levar a cabo co Fragio 1 e co Fragio 2.

Xulgado no Cuartel de Atocha da Coruña polo delito de rebelión militar, na causa 1390/36, co resultado de sentenza á pena de morte o día 09/10/1937. O fiscal foi Manuel-María Puga Ramón.

Condenaron á pena de morte a: Lino Carrión Castilla, Luis Costa García e Secundino Rodríguez Eiras.

Ingresárono na Prisión Provincial da Coruña.

Pena conmutada aos cinco meses pola de cadea perpetua.

No ano 1943 trasladárono ao penal de Alcalá de Henares (Madrid). Conmutáronlle a pena, nunha revisión, pola de 12 anos e un día de prisión e o día 18/05/1943 puxérono en liberdade vixiada; fixou o seu domicilio na rúa Ramón del Cueto, 15, na Coruña.

Na cadea coincidiu con Félix Álvarez Arganzúa e con Fernando López Mantiñán, cos que formaría o primeiro comité clandestino da Federación Local da CNT na Coruña. Quedou a vivir na Coruña e reingresa en 1943 na CNT clandestina e da que chega a ser secretario xeral do Comité Rexional Galaico (CRG). No ano 1944, cos socialistas e os republicanos, puxo os xermolos da futura Alianza Nacional de Forzas Democráticas (ANFD), que nacería a primeiros de 1945.

Pronto comezou a súa persecución policial e para esquivala, a mediados do ano 1944, decidiron que pasara a traballar nas minas de volframio de Silleda (Pontevedra)

A finais de 1945, despois de participar na reunión de París como secretario xeral do Consello Nacional da ANFD con autoridades do exilio, desprazouse a Madrid, onde tentaron arrestalo e feriron nunha perna na Gran Víao día 09/04/1946; consegue fuxir. Unha delación da cos seus ósos no penal de Alcalá de Henares (Madrid).

Xulgado en consello de guerra o día 25/10/1947 co resultado outra vez de sentenza á pena de morte e, de novo, conmutada pola de cadea perpetua e semella que polas presión da embaixada inglesa.

Pasou polas cadeas de Ocaña, El Dueso e en 1949 volve fuxir, esta vez do cárcere hospital de Yeserías (Madrid).

Exiliouse en Francia coa axuda dos nacionalistas vascos, que o pasaron a Hendaia e chegou a París en 1950.

Máis tarde marchou a Australia, onde refixo a súa vida e casou con Jeanette Villemin García; tempo andado viviu seis anos en Detroit (Estados Unidos) por mor dun traslado da súa dona. Co tempo viviron en Montevideo (Uruguai) e volveron a Houston (Estados Unidos).

Segundo manifestaron cenetistas coruñeses non era partidario da loita armada por considerar que era unha “manipulación partidaria”.

Retornou a España no ano 1979 e pasou os últimos anos vencellado á Universidade de Alacante, onde morreu dun fallo cardíaco.

O seu pai, Cándido Costa Saborido, segundo fontes familiares, estivo preso na cadea de Cambados (Pontevedra). Segundo as mesmas fontes Luis foi doutor en Historia, no ano 1975, na Universidade da Sorbona, París (Francia).

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.