← Volver atrás

Rodríguez Varela, Ramón

Alcume: Curuxás
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido

Nacemento:

Santiago de Vilouriz, Toques
(A Coruña)
- 01/08/1905 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Irago de Abaixo, Santo Estevo de Vilamor, Toques
(A Coruña)
- 14/05/1967 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Labrego e mineiro, 30 anos. Casou o día 23/06/1928 en San Pedro de Vilareda, Palas de Rei (Lugo) con Marcelina Costa Castro; tiveron seis fillos, dos que os catro maiores exiliáronse e os dous pequenos, Manuel e Celsa, viviron coa súa nai. A familia sufriu as consecuencias da súa fuxida e catro fillos exiliáronse. Veciños de Lousame (A Coruña). Traballa no ano 1934 nas minas de volframio de San Fins, Santa Eulalia de Vilacova, Lousame, con Claro José Sendón Lamela e Enrique Fernández Maneiro, entre outras persoas.

Militante da CNT e partidario da acción directa. Membro do Sindicato Mineiro e de Oficios Varios.

Fuxido.

Cando se produce o golpe de Estado segue a traballar nas Minas de San Fins e participa nas accións dos mineiros para parar o golpe militar en Santiago de Compostela e A Coruña.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial da Coruña na causa 1236/36 polo delito de sedición.

Botouse ao monte tras do triunfo franquista e permaneceu nas zonas de Melide (A Coruña) e Chantada (Lugo).

Xefe da Partida de Curuxás. Esta partida ocupou a zona de Arzúa, Melide, Chantada e Palas de Rei.

Por este grupo pasaron: Hilario Arroyo Medina, Medina; José-Luis Castro Veiga, o Piloto; José Díaz; Manuel Fernández Valle, Portafondón; Benedicto Fuentes Díaz, Benedicto da Rula, Antón; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Celestino Horta Resúa; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, o Tizón, Caudillo; Avelino Méndez Suárez, Asturiano; Lisardo Núñez; Guillermo Paredes Viñas, Guillermo da Canteira; Ramón Rodríguez Varela, Curuxás; Abdón Telesforo Vázquez e José Vázquez Otero.

O día 14/04/1937 asaltou as Minas de San Fins e levaron as pagas, dinamita, un rifle e munición; eran as 14:30 h e escaparon cunhas 7000 pesetas.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Santiago de Compostela (A Coruña) na causa 487/37.

Pouco despois marcharon cara o Principado de Asturias para unirse ás forzas republicanas, pero por mor dos fortes controis renunciaron a esta idea.

Por medio do irmán de Lisardo Núñez, sarxento do exército franquista, recibía Curuxás, durante a guerra e despois dela, información, munición, bombas de man...

Avelino Méndez, o Asturiano, comezou a emborracharse, a facer ostentación da súa pistola e a acosar as mulleres que atopaba. Reprendido polos seus compañeiros e ao seguir nas mesmas e por non axustizalo, denunciárono á Garda Civil, que o matou o día 24/04/1939.

A Ramón tentaron atrapalo en San Xiao do Camiño, na súa casa, o día 27/03/1938; lanzando bombas de man e disparando conseguiu escapar dos gardas e dos falanxistas. A Garda Civil seguiu visitando a súa casa pero por avisos ou por sorte nunca deron con Curuxás.

O día 26/06/1941 volveron tentar collelo na súa casa e tamén escapou. No enfrontamento morreu o cabo da Garda Civil, Jesús Dacal Val.

En 1944 intégrase na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), con varios membros do Grupo Neira.

A finais de 1944 atracan a varios feirantes de camiño á feira de Guimarei e, máis tarde, na de Santos de Monterroso. En setembro de 1945 esixen un cuantioso pago ao dereitista Alfonso de Xerés. Atracan ao adiñeirado Manuel Agra Vran e ao dereitista Jesús Pacín.

O día 12/10/1945 únese ao grupo de Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer. Despois este grupo comandouno Benedicto Fuentes Díaz; nel figuraban, entre outras persoas: Evaristo Candelas Pérez; Antonio Molíns Valls, o Noi; Francisco Gómez Núñez, Trotski; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, Tizón, Caudillo; Leonardo Gómez Pérez, Trancas, e Domingo Villar Torres, Domingo de Cancela.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Santiago de Compostela (A Coruña) na causa 365/45.

En outubro de 1945 intégrase no grupo de Marrofer, na zona de Melide-Alto Ulla. Asaltan e matan ao cura de San Pedro do Meire, Melide (A Coruña), Juan Penide Fernández, Mingacho; leváronse unhas 1000 pesetas; semella que o disparo fatal realizouno Marrofer. Nesta acción participa Benedicto Fuentes Díaz, que pronto se fixo cargo do grupo.

Na noite do 1 ao 2 de febreiro de 1946, nun enfrontamento coa Garda Civil en Ulloa, morre Benedicto Fuentes Díaz, que encabezaba un grupo de guerrilleiros; tamén morre neste enfrontamento o cura Francisco Salgado Agra, que estaba cos gardas civís, e rematou con feridas o número da Garda Civil Félix Rodríguez Celeiro.

A mediados de decembro de 1946, a bordo do Santa Teresa, un bo número de guerrilleiros foxen e pasan a Francia.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo na causa 77/46 por bandoleirismo.

En xuño de 1947 ameaza ao cura José-Ramón Fraga Alonso.

Deixa a actividade armada no outono de 1948 para agacharse nun lugar do concello de Melide e desapareceu, sen rastro, ata 1951.

Nos primeiros de 1951 manda cartas a xente de diñeiro para que lle desen cartos e, a cambio, deixaríaos en paz; entre eles ao cura Manuel Flores Castro ou a Ricardo Quintás.

A mediados de 1951, en Vilouriz, no rexistro da casa de Damián, o garda civil Jesús Furelos, ao asomarse dende unha escaleira a un pequeno cuarto, encontrouse apuntado pola pistola de Curuxás, á que chamaba “o lacón” e o garda dixo “aquí no hay nadie”.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Santiago de Compostela na causa 74/51.

Rematou vivindo da caridade da xente.

Segundo as súas propias declaracións, a noite que máis medo pasou foi cando, no monte, o atacaron tres lobos.

Dende 1953 deixase de ter noticias de Ramón, ata que morre o 14/05/1967 na casa do seu amigo Ramiro Mosquera Valle, Ramiro do Zarato. Ramiro, Primitivo Fernández Valle e outros que sabían da súa presenza, vestírono, preparárono, poñen a súa vella pistola Astra de 1921 cargada con munición de 1936, no seu pantalón e, pola noite, polo monte e nunha escada, lévano ata a aldea de Silverde, Santo Estevo de Vilamor, e déixano na beirarrúa do camiño; pretendían deixalo na serra do Careón, pero a lama dos camiños e os 120 quilos de peso de Curuxás non o permitiron. A garda civil atópao ao día seguinte sobre as 15:00 h. A autopsia revelou que morrera dun ataque ao corazón. Soterrárono en Vilamor o día 16 de maio.

O que non conseguiran gardas civís nin falanxistas, nin sequera os seus temidos lobos, conseguiuno unha vella compañeira dos seus tempos da mina, a silicose rematou co último guerrilleiro galego.

Mantívose na clandestinidade ata 1967, “o guerrilleiro que non cazou Franco”.

Competiu en sona con Benigno Andrade García, Foucellas.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.