← Volver atrás

Rodríguez Fernández, Marcelino

Alcume: Marrofer, Valentín, antes Asturiano, Chispas, Martín
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado. Morte en enfrontamento

Nacemento:

Los Arcos, Oviedo
(Principado de Asturias)
- 07/07/1915 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Aranga
(A Coruña)
- 26/06/1946 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Mestre, 21 anos. Casou con Elvira Iglesias Miranda o día 20/04/1934, coa que tivo dous fillos: Marcelino e Elvira. Veciños do Principado de Asturias. Mestre nacional.

Militante do PCE e da Unión Nacional Española (UNE).

Despois a folga xeral revolucionaria de outubro de 1934 pasou pola cadea en Oviedo.

Encarcerado. Morte en enfrontamento.

Ao comezar a guerra civil condenárono polo delito de rebelión militar a cadea perpetua. Pena que cumpriu na Prisión Provincial da Coruña.

A súa dona e os dous fillos sufriron o exilio en Francia.

Ingresado na Prisión Provincial de Lugo o día 23/10/1936 e trasladado á Prisión Provincial da Coruña o 20/03/1937.

Liberado en xullo de 1940.

Viviu en Viveiro e daba clases particulares en Celeiro.

Vicente Lage Fernández, o Chicharro, púxoo en contacto cos fuxidos e, cando se descubriron as súas colaboracións como enlace, no ano 1942, tivo que botarse ao monte por contrario a réxime. Creara unha organización de socorro para a defensa dos labregos denunciados por acubillar a antifranquistas.

Contactou co Grupo Neira e formou parte deste grupo, que dirixía José Neira Fernández, o Neira, grupo que se formou no verán de 1936 e no que se integraban varios republicanos que fuxiran ao monte para escapar da represión dos sublevados. En 1941 este grupo contaba con 15 homes e sería a base da IV Agrupación.

Na partida de José Neira estiveron: Juan Barcia Ferreiro, o Rato; Eugenio Bernal Pérez; Evaristo Candelas Pérez, o Evaristo, Ángel Franco; Amando Carro Pérez; Gregorio Dopico Fernández, Bolichero, Yoyo; Ceferino Fernández Formoso e o seu irmán José Fernández Formoso; José-Antonio Franco Basanta, o Caudillo, o Manchego; os irmáns Alberto Franco Lamela, Manuel Franco Lamela, Remigio Franco Lamela e Teodoro Franco Lamela; Francisco Gómez Núñez, Trotski, Penabad; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Eusebio González Pedreira, Juan, Juanito Amá; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, o Tizón, Caudillo; Jesús Iglesias Vázquez, o Muros, o Pichel; Vicente Lage Fernández, o Chicharro; Jesús Lavandeira Pérez, Ladrillo, Dapena; Antonio Molíns Valls, o Noi, o Catalán; Amandino Neira Fernández; José Neira Fernández, o Neira; Antonio Paleo Saavedra; Demófilo Pedreira Rumbo, Nene; Francisco Pintado Pérez; Plácido Rivera Cociña, Plácido; Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín, Asturiano, Chispas, e Modesto Vilar Insua, Modesto da Americana.

Insinuouse que fora Marrofer o que ordenara a morte de Neira; Eusebio González Pedreira lembra que Neira e José Castro desprazáranse a Ferrol na procura de cartos, separáronse ao chegar e, co paso do tempo, só regresou José Castro.

Substituíu ao cenetista José Neira Fernández, o Neira, na xefatura no ano 1944, e controlou os movementos dos fuxidos da costa coruñesa e lucense. Foi o primeiro responsable en dirixir a IV Agrupación do EGG, que se creara despois dunha xuntanza en Abegondo (A Coruña).

A comezos de 1945 contou coa colaboración de Ramón Vivero Geada, Novolitos, do PCE de Lugo, para por en marcha da IV Agrupación.

Morto Neira, Jesús Lavandeira Pérez, Ladrillo, Dapena, desbota seguir ás ordes de Marrofer. Eusebio González Pedreira, de Mosende, pertenceu á IV Agrupación.

Xa como xefe promoveu unha reunión nas veiras do Sor con grupos de escapados para considerar o asalto a campamentos das forzas armadas no norte de Galicia e o corte da estrada e a vía férrea Ferrol-Oviedo. No entorno de 1944 crease a III Agrupación do EGG, con zona de actuación no centro e occidente da provincia de Lugo. Marrofer pasou tempadas agochado na zona de Ourol (Lugo). Na última etapa da loita estivo, principalmente, na Coruña.

Cando Marrofer tomou o mando pretendeu que a guerrilla fora máis contundente e deran máis golpes, sen pensar que nos enfrontamentos había mortos e feridos; feridos que morrían en dous ou tres días por non poder atendelos. Un destes feridos, que remataría morrendo, foi Ángel Cal Díaz, o Longo, quen se ferira accidentalmente co seu fusil nunha perna. Ademais, se actuaban nas comarcas de orixe e resultaban recoñecidos, a Garda Civil mataba ou torturaba as súas familias.

Nun dos seus destacamentos, o Destacamento Santiago Álvarez, que dirixía Lisardo Freijo López, Tenente Freixo, con accións entre Arzúa e Melide, integráronse, entre outras persoas: Francisco Cousillas Pombo. Pertenceu ao Grupo volante A Mariña, que dirixía Francisco Rey Balbís, Moncho.

Pertenceron a este grupo volante: Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, Luis Seijo Freire; José-María Castelo Mosquera, Doctor, Casteliño; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; José-María Díaz Pan, Jaime; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Freire Barcia; José Freire Barcia, Pepiño; José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López; José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, Tomás Padilla, Caravana; José Piñas Pons; Manuel Ramiro Souto, Souto; Francisco Rey Balbís, Moncho; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, Martín e Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge.

Este grupo volante executou, o día 18/04/1946, ao falanxista Manuel Doval Lemat, Coché. Na acción participaron Marrofer, Francisco Rey Balbís, Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, Luis Seijo Freire, Manuel Díaz Pan, Rogelio, Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge, José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, Tomás Padilla, Caravana.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de asasinato na causa 205/46 e na causa 271/46.

Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo, José Dasilva Bartomeu, Manuel Díaz Pan, José Pedreira de la Iglesia, Manuel Pena Camino, Manuel Ponte Pedreira, Avelino Rivas Pombo, Marcelino Rodríguez Fernández e José Soto Pombo.

Familias enteiras finaron fusiladas por axudar aos guerrilleiros, sen xuízo, en plena paz. Moitas persoas apoiaron os guerrilleiros. O Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) foi o embrión da loita antifranquista de 1941 a 1951. Escapaban ao monte pola represión implacable. A Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG) unía a socialistas, comunistas, cenetistas, uxetistas, libertarios, galeguistas, anarquistas e republicanos.

Marrofer consolidou a IV Agrupación do EGG que se despregou polas comarcas de Ferrol, Pontedeume, As Mariñas, Mesía, Frades e Curtis.

A Finais de 1945 o PCE envía a José Gómez Gayoso e a Antonio Seoane Sánchez. Esta nova dirección chegou en abril de 1946; Avelino Rivas Pombo perde o seu poder e pídenlle que abandone a vida civil e que se incorpore á guerrilla, coa que xa viña traballando en coordinación con Marrofer.

Os franquistas chamábanos bandoleiros, pero realmente había unha clara conciencia política.

Na FG figuraban Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Mario Morán García, César Ríos Rodríguez; o seu maior auxe foi en 1946-1948. Marrofer e Gafas trataron en varias ocasións a unificación; esta unión non se vai producir ata a chegada de José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López, e Antonio Seoane Sánchez.

En xaneiro de 1947 Gafas tentou arranxar a ruptura entre a FG e o EGG; xa o tentara máis veces e unha vez máis fracasou. Na reunión de Meira (Lugo) reuníronse membros da FG e do EGG, que desde que chegara José Gómez Gayoso, dominaban os comunistas. Alí se citaron Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, e Manuel Castro Tellado, pola FG, con Víctor García García, Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, e Enriqueta Otero Blanco, comunistas; non acadaron a unión pero decidiron seguir negociando.

O PCE, na súa retirada de 1948, deixou os guerrilleiros tirados no monte. No ano 1956 o partido deixa de sufragalos. Liderado por Santiago-José Carrillo Solares, propón a “reconciliación nacional”; aínda así o final do maquis está entre 1963-1965

Os guerrilleiros estiveron esperando a intervención dos aliados, despois da Segunda Guerra Mundial, contra Francisco Franco Bahamonde; esta intervención nunca chegou.

Mario Rodríguez Losada, Mario de Langullo, o Pinche, foi o maquis español que máis tarde abandonou o monte, no ano 1968, despois de pasar nel 32 anos.

Coa Lei da memoria histórica, Francisco Martínez López, Quico, segue denunciando que os maquis, na súa condición de loitadores pola liberdade, seguen figurando en documentos como delincuentes, bandoleiros...

Camilo de Dios Fernández, guerrilleiro aos 15 anos; fíxose guerrilleiro cando unha falanxista cantou o "Cara al sol" no velorio do seu pai.

Nos últimos tempos non recrutaron máis xente porque as torturas eran terroríficas. A guerrilla xuntábase nas casas, non no monte. A galega foi a primeira en organizarse en España, tres anos antes que no resto da península. Facían máis cousas que atentados: distribuían panfletos, entrevistábanse coa xente, protexían aos veciños para evitar a represión.

Avistado o grupo de Marrofer, a raíz dunha delación, por unha contrapartida mentres descansaban no pallar da casa de Francisca Lata Espiño, en Milreu, San Vicente de Fervenzas, Aranga (A Coruña) o día 26/06/1946, morreu xunto cos guerrilleiros Lisardo Freijo López, Ángel Álvarez Rego e José Doldán Don, Daniel. Na acción feriron ao brigada da Garda Civil de Curtis (A Coruña), Alejandro García Rodríguez.

Desta emboscada lograron fuxir Benigno Andrade García, Foucellas, Avelino Rivas Pombo, Francisco Cousillas Pombo, Manuel Díaz Pan, Emilio Pérez Vilariño, José Dasilva Bartomeu e Pedro Calvete Brea porque se acubillaban noutra casa.

Relevouno no mando da IV Agrupación do EGG Manuel Ponte Pedreira.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.