Nacemento:
Morte:
Mineiro e militar, 22 anos. Irmán de Avelino Fernández Villanueva, executado.
Militante da UXT e do Comité Executivo do PSOE no Principado de Asturias. Secretario xeral das Xuventudes Socialistas (XXSS) desde 1931.
Tivo unha actuación destacada durante a folga xeral revolucionario de outubro de 1934 no Principado de Asturias; sometido a tortura, perdeu un ollo. Saíu da cadea en xullo de 1936.
Fuxido. Exiliado.
Membro do Comité de Guerra de Olloniego.
Durante a guerra civil foi xefe do Comité de Guerra de Olloniego. Ingresou nas milicias republicanas en setembro de 1936 e mandou a 4ª Compañía de Metralladoras do 217º Batallón de Infantería, baixo as ordes do comandante Robustiano Hevia Díaz, Tano (+Mieres 01/01/1939). Comisario político da 5ª División Móbil na fronte de Biscaia e da 15ª Brigada Móbil de Infantería do III Corpo de Exército, onde permanece ata a capitulación do Principado de Asturias o día 21/10/1937. Acadou o grao de comandante. Loitou nas frontes de Bilbao e Principado de Asturias.
Ao seren derrotados polos rebeldes escapou e ocultouse nos montes da súa localidade natal; conseguiu escapar dunha celada da Garda Civil en Olloniego; en represalia asasinaron a 15 veciños e familiares, entre eles ao seu irmán Avelino Fernández Villanueva, a dous tíos e ao seu padriño. Ao decatarse do perigo que a súa presenza supoñía para familiares e amigos decidiu marchar ao estranxeiro.
A finais do ano 1939 formou parte do grupo de oito socialistas, que capitaneados por Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, tentaron acadar Porto (Portugal) para escapar da represión dos golpistas. Compoñían a partida: Gafas; Tomás Fernández Castro, Capitán Fantasma; Manuel-Luis Gómez Bueno, Pambarato; Aladino Suárez González, Aladino; Ovidio González Vázquez, o Pollón; Amador Pello Bárcena; José-Benjamín Pello Bárcena e Ángel Rodríguez Saldaña. Eran todos de Olloniego.
Diante das presións da policía portuguesa tiveron que regresar á provincia de Ourense e, moitos deles, de alía pasaron outra vez ao Principado de Asturias na procura de armas.
Regresan diante da imposibilidade de chegar a Porto por carecer de apoios no país veciño e entran en contacto con Víctor García García, o Brasileño, delegado da Internacional Socialista para España e Portugal, coa finalidade da reorganización dos grupos comunistas en Galicia.
Cando regresaba co seu grupo cara o Principado de Asturias, nos montes de Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense), entraron en contacto cos grupos de Manuel Álvarez Arias, Bailarín, e de Alfredo Yáñez Domínguez, o Aguirre, que os levaron á Cidade da Selva, onde se toparon con Manuel Girón Bazán, Girón, e Marcelino de la Parra Casas, Parra, que os coñecían da fronte asturiana e recibíronos ben.
En Casaio tiñan refuxios seguros na coñecida como Cidade da Selva, nos inaccesibles vales da Morteira e da Bruña.
Cando o grupo tentaba volver cara o norte, sorprendeunos a Garda Civil preto de Ponferrada (León); os gardas detiveron ao seu compañeiro Ángel Rodríguez Saldaña, que logo morrería abrasado no cuartel o día 05/03/1939. Gafas, ferido, quedou con Girón, mentres o resto de compañeiros volvían a Xixón e regresarían en xuño de 1938 con máis fuxidos, entre eles os irmáns César Ríos Rodríguez e Arcadio Ríos Rodríguez. Marcelino estableceuse en Casaio cunha ducia de compañeiros asturianos e tentou mediar nas loitas políticas entre socialistas, comunistas e cenetistas.
En agosto de 1940 tentaron outra vez o paso a Portugal en varios grupos. Ao taxi no que ían Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Gilberto Cuadrado Soto, Gipi; Manuel-Luis Gómez Bueno, Pambarato, e Manuel Rodríguez Fernández, interceptárono en Vinhais, Bragança (Portugal). Gilberto Cuadrado morre no enfrontamento, a Manuel Rodríguez arrestárono; Gafas e Gómez Bueno logran fuxir, o último ferido nun brazo.
Participou no Congreso de Ferradillo, en Priaranza del Bierzo, preto de Ponferrada, nos Montes Aquilianos (León) do día 24/04/1942 e no que se reuniron 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas, asturianos, leoneses e galegos, que deu lugar á creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG), que se organiza en tres agrupacións: a I Agrupación no Bierzo, a II Agrupación en Ourense e a III Agrupación en Lugo.
Elixiuse un Estado Maior dirixido por Marcelino Fernández Villanueva e no que tamén figuraban César Ríos Rodríguez, Mario Morán García, Abel Ares Pérez, Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán como lugartenentes. Había cinco socialistas, catro anarquistas da CNT, seis da UXT, catro comunistas e cinco sen adscrición política. A base de operacións era a Serra do Eixe, nos montes de Casaio (Ourense).
Os 24 asistentes a este congreso foron: Edelmiro Alonso García, Delmiro; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Abel Ares Pérez; Miguel Cuellas Gómez, Artillero; Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva; Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Manuel Girón Bazán, Girón; Manuel Gutiérrez Abella; Abelardo Gutiérrez Alba; Gerardo Lamas Cerezales; Pedro Lamas Cerezales, Pedrín; Abelardo Macías Fernández, o Lebre; Guillermo Morán García, Asturiano; Mario Morán García; Antolín Murias, Paciencia; Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Amador Pérez Poncelas; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; César Ríos Rodríguez; Arcadio Ríos Rodríguez; José Vega Seoane, Ánimas, e Pedro Voces Canóniga, Pitaciega.
Xulgado en consello de guerra en León na causa 660/42.
Neste ano 1942 creáronse os Servizos de Información Republicana (SIR) que servirían de apoio e información aos guerrilleiros, con infiltracións no Exército, na Policía Armada e na Garda Civil.
En 1943 a guerrilla do leste de Ourense tiña unha organización ben artellada, editaba un boletín (o día 01/04/1943 publícase o primeiro número de El Guerrillero, cunha tirada de 300 exemplares) e rexíase por un regulamento, todo obra de Gafas. Rematou por perder a súa influencia por mor da actitude do PSOE cara a loita armada e a supremacía do PCE.
No ano 1942/43 incorporouse a este grupo de Gafas, Julián Acebo Alberca, Guardiña.
En 1943 comezaron a publicar El Guerrillero.
Vendo as duras condicións que lles tocaba vivir aos vencidos, decidiu fuxir a Portugal, aínda que finalmente quedou nos montes entre León e Galicia, trasladando a FG en 1944 a Lugo e á Coruña; non deu resultado este intento de extensión. A Coruña, Lugo e Ourense occidental quedaron baixo a dirección dos comunistas, influenciados por José-María Urquiola Iglesias, Chema, Pepe, Tino.
En 1944, acompañado por Abelardo Gutiérrez Alba, Abel Ares Pérez e César Ríos Rodríguez, achegouse a Lugo para establecer contactos con outros grupos e contrarrestar a influencia dos comunistas. O día 12/10/1944 a FG toma a decisión de crear o Corpo de Guerrillas de Galicia e León, dirixido por Gafas, de la Parra e Mario Morán. Tamén se crea a I Agrupación das guerrillas, dirixida por César Ríos, Abel Ares e Manuel Girón.
No seu grupo integrouse Domingo Villar Torres, Domingo de Cancela. Refuxiado na zona de Ourense, organizou un grupo guerrilleiro na Serra do Eixe e o Bierzo.
O día 01/03/1945 ten lugar o III Congreso da FG e tómase a decisión de acadar unha actitude mais ofensiva contra o franquismo. Créase a II Agrupación en Ourense baixo o mando de Mario Morán e na que se integran dous comunistas acérrimos, Guillermo Morán García, irmán de Mario, e Evaristo González Pérez, Rocesvinto.
Xulgado polo Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de roubo, na causa 215/46, co resultado de sentenza de sobresemento.
En xaneiro de 1947 tentou arranxar a ruptura entre a FG e o Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG); xa o tentara máis veces e unha vez máis fracasou. Na reunión de Meira (Lugo) tentaron reunirse membros da FG e do EGG, que desde que chegara José Gómez Gayoso, a dominaban os comunistas. Alí se citaron Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, e Manuel Castro Tellado, pola FG, con Víctor García García, Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, e Enriqueta Otero Blanco; non acadaron a unión pero decidiron seguir negociando.
En xaneiro de 1947 achegouse con Manuel Castro Tellado á zona de Paradela (Lugo) para manter unha nova reunión de achegamento co EGG. Días antes caera o contacto comunista Emilio Golás Rodríguez, o Villa, e a Garda Civil intensificou a vixilancia na zona de Paradela. Gafas descoñecía este suceso e o día 13/01/1947 caeron nunha redada da Garda Civil no monte Ramírez, preto de Caldas de Reis. Castro Tellado caeu na acción e Gafas, despois de plantar cara, puido escapar e os enlaces da zona trasladárono cara Mondoñedo (Lugo), menos vixiada. En 1947 actuou en Mondoñedo e Lourenzá, na provincia de Lugo, onde cae doente dos ollos.
Os federalistas socialistas e cenetistas trataron desde entón de marchar para o estranxeiro e moitos conseguírono entre 1947 e 1948. Era o fin da FG.
Mantivo contactos na zona de Lourenzá (Lugo) con Arcadio Pardo Boas, Arcadio de Candia, coa axuda tamén de Mozart Campoamor García, Pin, e Luis-María Trigo Chao, Gardarríos. Cando en agosto de 1948 matan a Gardarríos, achábase en Santo Estevo de Val, pediu un taxi un ou dous días despois, e marchou cara a Principado de Asturias.
Canto estivo en Lourenzá mantivo contactos coa dirección dos socialistas no exilio e cos socialistas asturianos; desde os dous lugares ordenáronlle que disolvera a organización guerrilleira e que saíra do país. Gafas fixo chegar estas ordes aos seus camaradas da FG.
Xulgado en consello de guerra en León na causa 280/48.
Curado dos ollos no verán de 1948, cun grupo de compañeiros e 25 guerrilleiros socialistas asturianos, decide fuxir a Francia dadas as continuas emboscadas que comezaban a rematar cos fuxidos. O día 28 de outubro de 1948 embarcou para o exilio en Luanco, Gozón (Principado de Asturias), nunha viaxe que posiblemente organizou Indalecio Prieto Tuero. Chegou a Francia e de alí marchou a República Arxentina. Morreu en Bos Aires no ano 1999. A Marcelino avisouno dos preparativos da evasión César Ríos Rodríguez, a quen, á súa vez o axudara Abelardo Gutiérrez Alba.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.