← Volver atrás

Gómez Gayoso, José

Alcume: Juan, Carlos, González, López
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Exiliado. Executado

Nacemento:

Maceda
(Ourense)
- 28/04/1909 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Campo da Rata, Durmideiras, A Coruña
- 06/11/1948 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Mestre e político, 27 anos. Casado con Carmen Díaz Brunet; tiveron dúas fillas: Socorro e Pilar. Na etapa da II República vivía en Vigo (Pontevedra) e traballou en Tranvías, Fenosa e Singer. Estudou Maxisterio e exerceu como mestre en Santa Cristina de Lavadores, en Vigo.

Militante do PCE desde o ano 1932. Ocupou a secretaría de organización do Comité Rexional en Galicia no ano 1935.

Detido no desenvolvemento da folga xeral revolucionaria de outubro de 1934 e condenado a dous meses e un día de arresto.

Exiliado. Executado.

Ao comezar a guerra civil achábase en Madrid e loitou como miliciano no bando republicano, sendo comisario político no exército leal. Combateu nas frontes de Madrid, de Andalucía e do Ebro.

Formouse militarmente na Unión Soviética.

No Comité Central do PCE coñeceu a Concepción Abad Rodríguez, natural de Valencia. Pasaron a vivir a Barcelona e, á caída desta cidade, marcharon a Francia, á República Dominicana e o día 14/03/1940 á Habana (Cuba), onde naceu o seu único fillo con Concha, José.

En xuño de 1944 volveu a Madrid, vía Bilbao (Biscaia), cando aínda se confiaba na intervención aliada en España. Recibiu instrucións do PCE para incorporarse en 1945 como secretario xeral do PCE en Galicia.

A Finais de 1945 o PCE envía a Galicia a Gómez Gayoso e a Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge, para encargarse do Comité Rexional do PCE en Galicia. Esta nova dirección chegou á cidade herculina en abril de 1946; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, perde o seu poder e pídenlle que abandone a vida civil e que se incorpore á guerrilla coa que xa viña traballando en coordinación con Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer.

As decisións dos comunistas Gayoso e Seoane provocaron a escisión definitiva entre a Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG) e o Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG).

José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, Vicente Peña Terrassa pasaron a formar o Comité Provincial da Coruña do PCE, con Benigno Fraga Pita, o Alejandro, e Avelino Rivas Pombo, o Edelmiro. Nesta organización tamén figuraban: Baldomero Lage Guerra, Diego Romero Jiménez, Segundo Vilaboy Martínez e Juan Pérez Dopico, Xan de Xenaro, Caravana. Estaban ademais: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche, e Francisco Paz Fornos.

Nomeado secretario xeral, desenvolveu unha ampla labor para reorganizar a guerrilla; acompañábao como axudante Manuel Blanco Bueno, Diego Romero, José Chantada, Manuel Crespo, Eusebio García, como secretario de organización, e Antonio Seoane.

O día 25/12/1946 publícase o primeiro exemplar de El Guerrillero en Galicia.

Co maquis Antonio Seoane Sánchez, xefe da guerrilla e outros tres militantes comunistas, formou un grupo volante moi activo ata finais de 1947, o Grupo Volante A Mariña.

Pertenceron a este grupo volante: Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, Luis Seijo Freire; José-María Castelo Mosquera, Doctor, Casteliño; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; José-María Díaz Pan, Jaime; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Freire Barcia; José Freire Barcia, Pepiño; José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López; José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, Tomás Padilla, Caravana; José Piñas Pons; Manuel Ramiro Souto, Souto; Francisco Rey Balbís, Moncho; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, e Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge.

En Galicia contou con Eusebio García, Manuel Blanco Bueno e Manuel Fernández Soto, Coronel Benito, Soutiño.

O día 11/07/1948, coa súa compañeira María Blázquez del Pozo, acudiu a unha cita concertada con Antonio Seoane Sánchez e Josefa González Cudeiro, aos que xa arrestaran os represores o día anterior, o 10 de xullo, no Bar Barlovento. A operación policial dirixiuna Eduardo Alfonso Cruz, xefe do Servizo de Información da 140ª Comandancia da Garda Civil na Coruña e empregando datos obtidos polo axente infiltrado na guerrilla Alejo-Pablo Mora García.

Cando a parella entrou na casa do número 23 da rúa Real, na Coruña, agardábaos a policía represora, que os apuntou coas súas armas; coa axuda de María baixaron as escaleiras a tiros e a el ferírono dun tiro no ollo esquerdo. Logrou escapar da emboscada, pero logo arrestárono na rúa, entre a xente.

Durante dous meses sufriu salvaxes interrogatorios, segundo lle contou á súa muller oficial Concepción Abad Rodríguez, por cartas escritas dende o cárcere. Cando detiveron a Gayoso pesaba 73 kg e, despois duns meses no cárcere, baixou a 48 kg.

Xulgado o día 18/10/1948 en consello de guerra sumarísimo na Coruña, na causa 370/48, presidido polo tenente coronel de Enxeñeiros, xefe do Batallón de Transmisións do VIII Corpo de Exército de Estremadura, Ramón Rivas Martínez, por pertencer á guerrilla e co resultado de sentenza á pena de morte.

A sentenza ditou a pena de morte para: José Gómez Gayoso, Antonio Seoane Sánchez, e José Bartrina Villanueva (conmutada pola de cadea perpetua); Juan-José Romero Ramos, cadea perpetua; María Blázquez del Pozo, 30 anos de cadea; Josefa González Cudeiro, 25 anos de cadea; tamén condenaron a penas de prisión a Clementina Gallego Abeledo, Carmen Orozco Muñoz, José Rodríguez Campos. A máis procesaron outros enlaces.

O xuízo converteuse nunha farsa, sen probas nin testemuñas. A José Bartrina, ao que tamén condenaran á pena de morte, conmutáronlla pola pena de cadea perpetua e morrería na prisión de Alcalá de Henares (Madrid) o día 21/11/1956 por mor de falta de coidados médicos.

O día 06/11/1948 executaron a Gayoso e a Seoane. Matáronos no garrote vil (outras fontes din que os fusilaron) na Prisión Provincial da Coruña.

A Garda Civil fusilouno ás 07:45 h do día 06/11/1948 no Campo de Durmideiras da Coruña, xunto con José Gómez Gayoso; morreron berrando “Viva el partido comunista, viva la Pasionaria”. Ese día enviaron ao lugar dos feitos un médico para que confirmase as mortes, dous ataúdes, permisos do cemiterio para o soterramento e tamén se requiriu a presenza do defensor militar, o capitán de Artillería José Lago Vizoso.

O Exército deixou rexistrados os pasos que se cumpriran. Esqueceron reflectir que Antonio Seoane tiña as mans e os pes desfeitos e que perdera 20 quilos e que a Gayoso lle baleiraran un ollo e que o seu corpo tiña sufrido moitas ultraxes.

Soterrárono no cemiterio da Coruña.

Os guerrilleiros libres seguiron loitando aínda que os seus mandos máis significados estaban no cárcere; iso alegraba aos presos.

O certificado de defunción indica como causa da morte “un derrame interno”.

Uns días despois da súa morte os dirixentes do PCE e do Partido Socialista Unificado de Cataluña (PSUC) reuníronse en Francia e acordaron dar por rematada a loita guerrilleira antifranquista.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.