Nacemento:
Morte:
Xornaleiro e político, 21 anos. Solteiro. Pasou a vivir coa súa nai e irmáns a San Roque de Fóra, na Coruña.
No ano 1936 era afiliado das Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU) e do PCE.
Exiliado. Encarcerado. Morte en enfrontamento.
En xullo de 1936 vivía coa súa nai no barrio de San Roque de Afora, na Coruña.
Co golpe do 36 chamárono a filas e desde a fronte de guerra pasouse aos republicanos. Incorporouse á 1ª Brigada Mixta Líster e tamén loitou no 4º Batallón de Milicias Populares Galegas, logo integrado na 1ª Brigada, 11ª División do V Corpo de Exército do Exército do Centro, V Rexemento de Aceiro.
Saíu cara Francia despois da caída de Cataluña e internárono nos campos de concentración de Le Barcarès (Pireneos Orientais, Occitania, Francia) e da praia de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais, Occitania, Francia) ata agosto de 1939, cando embarcou e marchou para a República Arxentina.
Volveu a Galicia a mediados de 1943 agochado nun barco e traballou na construción naval en Ferrol (A Coruña). Con outros militantes que a dirección do PCE consegue meter en Galicia, constitúen un equipo de cadros políticos na Coruña, completo e operativo no ano 1944. Avelino coordinaba e creaba as células e era o seu enlace coa dirección. A principios de 1945 tiña filiación comunista e domicilio en San Roque de Afora, 25, baixo, na Coruña. No mes de maio residiu transitoriamente na fonda O Catro Vilas Ourensás, en San Andrés, 21, na Coruña.
O día 11 de maio de 1945 produciuse unha caída e a maioría do grupo entra na cadea. Prenderon a: Abel García Sánchez, da rúa da Pontenova, 5, baixo, na Coruña; Eduardo Sánchez Lago, propietario do Bar Luz, da Vereda do Polvorín, 2, na Coruña; e Avelino, acusados de actividades subversivas contra do Réxime. Torturados e encarcerados na Prisión Provincial da Coruña o 17 de maio.
Polas súas declaracións apresaron a José Blanco Núñez, Ferreirín; Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello; José Soto Pombo, ao curmán de Avelino, Francisco Cousillas Pombo e ao propio Avelino.
De Avelino os militares non descobren que é un cargo importante e déixano en liberdade o 19 de xuño de 1945 sen cargos e mantense na actividade clandestina para reconstruír o Comité Local coruñés dos comunistas.
Na segunda metade de 1945 contacta con Leopoldo Marcos González e Gervasio García de Cos, comunistas non exiliados, e forman o Comité Local da Coruña do PCE e, en pouco tempo, aglutinan un importante número de militantes. O seu traballo estendeuse a Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol, Corme, Corcubión, Ordes, Sada, Noia, Santa Comba e Carballo.
Ao militante do PCE Francisco-Javier Caridad Mateo, Manuel Vidal García, detivérono no mes de novembro de 1945 e trasladárono a Madrid con Alfonso Bengoa Ibabe e Práxedes Garcés de Mingo. Tamén prenderon a Isaac Vázquez, a José Manzanares e a José Carretero Sanz.
A finais de 1945, coa chegada de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, con Vicente Peña Terrassa formaron o Comité Provincial da Coruña do PCE, con Benigno Fraga Pita, o Alejandro, e Avelino Rivas Pombo, o Edelmiro. Nesta organización tamén figuraban Baldomero Lage Guerra, Diego Romero Jiménez, Segundo Vilaboy Martínez e Juan Pérez Dopico, Xan de Xenaro, Caravana. Tamén estaban Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche e Francisco Paz Fornos.
Cando os liberaron, Avelino reuniuse en Corme con Francisco Cousillas Pombo, Manuel-Luis Bello Parga e José Blanco Núñez, Ferreirín, e púxoos en contacto coa guerrilla do monte.
Exerceu, con Víctor García García, o Brasileño, como máximo dirixente do PCE en Galicia entre a primavera de 1945 e a de 1946. Tivo enfrontamentos con Víctor García, quen dirixía a parte sur de Galicia e que se enfrontaba a dirección do partido, pero non conseguiu resultados positivos.
Coa nova dirección de Gómez Gayoso e Seoane, Avelino perde o seu poder e pídenlle que abandonase a vida civil e se incorporase á guerrilla, coa que xa viña traballando en coordinación con Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín.
Incorporouse definitivamente á guerrilla na primavera de 1946, viviu no monte e iría perdendo a confianza ao ver a cantidade de compañeiros que abatían e o número de enlaces que caían presos.
Na primavera de 1946 desprazábase por toda provincia co Grupo Volante A Mariña da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), onde era o home de confianza de Marrofer. Tivo moitas intervencións en sabotaxes e enfrontamentos armados e nas sancións económicas impostas aos franquistas.
Pertenceron a este grupo volante: Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, Luis Seijo Freire; José-María Castelo Mosquera, Doctor, Casteliño; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; José-María Díaz Pan, Jaime; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Freire Barcia; José Freire Barcia, Pepiño; José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López; José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, Tomás Padilla, Caravana; José Piñas Pons; Manuel Ramiro Souto, Souto; Francisco Rey Balbís, Moncho; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, Martín, e Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge.
Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de asasinato na causa 205/46 e na causa 271/46.
Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo, José Dasilva Bartomeu, Manuel Díaz Pan, José Pedreira de la Iglesia, Manuel Pena Camino, Manuel Ponte Pedreira, Avelino Rivas Pombo, Marcelino Rodríguez Fernández e José Soto Pombo.
O 26 de xuño de 1946 a Avelino e a Marrofer cercounos a Garda Civil en Milreu, San Vicente de Fervenzas, Aranga (A Coruña), xunto con outros oito guerrilleiros de diferentes destacamentos da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG). Con Avelino atopábase o seu curmán Francisco Cousillas Pombo, Paco; Benigno Andrade García, Foucellas; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas, Emilio; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete, e Pedro Calvete Brea conseguiron evadir o cerco. Marrofer; Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; Ángel Álvarez Rego e José Doldán Don, Daniel, morreron tiroteados pola Garda Civil.
Á morte de Marrofer o liderado da IV do EGG pasou a Manuel Ponte Pedreira e Avelino converteuse en comisario político. Neste novo papel ten que mudar de destacamento cada pouco e segue dependendo moito da rede de enlaces, que comeza a fallar. Os problemas comezaron cando a Manuel Ponte o abateu a Garda Civil, con outros tres guerrilleiros, nos arredores do Fontao, Santo Estevo de Abellá, Frades (A Coruña). Ponte levaba no peto unha listaxe cos nomes dalgúns enlaces e tirando deste fío, a Garda Civil desmantelou a rede de enlaces da Costa da Morte e das comarcas de Ordes e de Arzúa.
O día 13/05/1947 asalta con Ferreirín o bar que rexentaba Ramón Tedín Centeno en San Martiño de Canduas, Cabana de Bergantiños (A Coruña), apoderándose de 20.000 pesetas. Diante das presións dos guerrilleiros, Tedín trasladouse coa familia para A Coruña.
O día 22 de maio de 1947 Avelino e outro guerrilleiro saíron de Santa Comba (A Coruña) en dirección a Tordoia (A Coruña); alguén puxo este feito no coñecemento do destacamento da Garda Civil de San Salvador de Bembibre, no municipio de Buxán (hoxe Val do Dubra). Tres gardas vestíronse de feirantes e esperaron aos guerrilleiros no cruce entre a estrada de Santa Comba a Tordoia e a de Carballo a Santiago de Compostela, para organizarlles unha redada aos fugados no monte Rego de Salgueira. Mentres, outro grupo de gardas apostáronse nos montes de Arabexo-Buxán, entre o cruce e Tordoia. Cando chegaron os guerrilleiros, os disfrazados tentaron chegarse a eles; non caeron na trampa, abandonaron a estrada e seguiron polos montes cara Tordoia. Cando chegaron aos montes de Arabexo, o outro grupo de gardas comezou a dispararlles, matando instantaneamente a Avelino. Tiña 31 anos; o seu compañeiro conseguiu zafarse internándose no monte.
Por mor do seu pasamento o Tribunal Militar Territorial da Coruña incoou a causa 277/47.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.