← Volver atrás

Pérez Vilariño, Emilio

Alcume: Claudio Beas, Emilio
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Morte en enfrontamento

Nacemento:

Bodeus, Santa María de Lurdes, Curtis
(A Coruña)
- 16/10/1918 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Illana, Santa María de Fisteus, Curtis
- 05/01/1951 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Labrego, 17 anos. Foron 15 irmáns, dos que sobreviviron 10. Irmán do enlace Marcial Pérez Vilariño, encarcerado e desterrado, de María Pérez Vilariño, vítima colateral, e de Matilde Pérez Vilariño, encarcerada.

Militante da CNT.

Fuxido. Morte en enfrontamento.

Con outros irmáns combateu na fronte de guerra mobilizado polos franquistas no Rexemento de Cabalería da Coruña e desertou das tropas do exército sublevado no ano 1941.

Cando volveu da guerra civil coas ideas mudadas, fíxose enlace da guerrilla. Pasouse á clandestinidade no ano 1942, despois da morte da súa nai, e integrouse no Grupo Volante B de Benigno Andrade García, Foucellas, actuando nas zonas de Curtis e Mesía, na provincia da Coruña.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Santiago de Compostela (A Coruña), na causa 516/44, con Foucellas e Manuel Pena Camino.

O día 15/03/1945 un grupo de guerrilleiros no que se atopaban: Manuel Ponte Pedreira, Emilio Pérez Vilariño, Manuel Pena Camino, Lisardo Freijo López e Benigno Andrade García, achegáronse á taberna de Domingo Fariña, o Mintireiro, confidente da Garda Civil, sobre as 23:00 h. Alí atoparon ao cabo da Garda Civil, Manuel Bello López, ao que metrallou desde unha fiestra Pérez Vilariño co resultado de morte.

En maio de 1946 formaba parte do Destacamento Santiago Álvarez.

Por este destacamento pasaron: Benigno Andrade García, Foucellas; Pedro Calvete Brea; José-Antonio Cortiñas Blas, Fondista, M. Vega; Francisco Cousillas Pombo; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; José Galán Núñez, Dereito, Miguel; e no que tamén se integraban Samuel Mayo Méndez, Saúl das Olas, Pelayo, Raúl, Alicantino; Ramiro Martínez López, Zapateiro; Manuel Pena Camino, Flores, Dios; Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas, Emilio; Manuel Ramiro Souto; Francisco Rey Balbís, Moncho; Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín, Asturiano, Chispa; Pedro Rodríguez Gómez; José Santiago Temprano, Henares, Hornaca; Jesús Valeiro Gómez, Antonio, Calias, e José Vázquez Mauriz, Patitas. Pertencían á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) de Manuel Ponte Pedreira, Xastre.

O día 26 de xuño de 1946 a guerrilleiros antifranquistas de diferentes destacamentos da IV Agrupación cercounos a Garda Civil en Milreu, San Vicente de Fervenzas, Aranga (A Coruña). Emilio Pérez Vilariño; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio; Benigno Andrade García; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Francisco Cousillas Pombo; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete, e Pedro Calvete Brea conseguiron evadir o cerco. Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer; Lisardo Freijo López, Ángel Álvarez Rego e José Doldán Don morreron tiroteados pola Garda Civil. Segundo Isabel Ríos, todos se atopaban na mesma palleira e Emilio foi quen de procurar a saída dos superviventes.

Participou o día 08/11/1946 no asalto ao cuartel da Garda Civil en Vimianzo (A Coruña). Nesta acción participaron Manuel Ponte Pedreira, Manolo Ponte; José Remuiñán Barreiro, Ricardito; José Dasilva Bartomeu; Manuel Pena Camino, Flores; Jesús-Domingo Pazos Mesías e Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas, Emilio. Pazos Mesías tivo un enfrontamento no bar Casa Mira (actual O Castillo) e morreu, igual que o número da Garda Civil Manuel Rodríguez Paz.

Acusado pola Garda Civil do asalto ao cuartel de Vimianzo en novembro de 1946 e de executar ao cura de San Salvador de Viós, Abegondo (A Coruña).

O día 21/04/1947, no enfrontamento coa Garda Civil en Fontao, por mor dunha delación e onde morreu Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez Suárez, logrou escapar disfrazado de labrego, xunto con Juan Couto Sanjurjo, Simeón. Pasou uns meses en Ourense para volver no ano 1948, cando o reclamou Moncho.

Semella que permaneceu unha tempada en Ourense e que algúns compañeiros o tiñan por traidor.

En 1948 converteuse en adxunto de Francisco Rey Balbís, Moncho, novo comandante da IV Agrupación.

Xulgado en consello de guerra en Santiago de Compostela na causa 546/48.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Ferrol (A Coruña) por feitos delitivos, na causa 129/49, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía. Procesárono con Moncho.

Agochouse na Illana, Santa María de Fisteus, Curtis (A Coruña), onde o crego, a cambio de cartos, lle prepararía os papeis para pasar a Francia. O crego delatouno á Benemérita. Cercado pola Garda Civil, malferírono no enfrontamento e morreu pouco despois, na caseta onde se agochaba.

Na certificación indícase a morte no día 5 por ser o 6 un día sinalado nas efemérides relixiosas.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.