Nacemento:
Morte:
Xastre, 24 anos. Casou con María del Carmen Rivas Vaamonde o día 19/11/1935; tiveron dous fillos: Manuel-Pablo (que morreu en 1937) e María del Carmen. Veciños de Ordes (A Coruña). Aprendeu en Ordes o oficio de xastre. Irmán de Ramón Ponte Pedreira, deportado, e de María Ponte Pedreira, encarcerada.
Militante da Agrupación Socialista (AS) de Ordes, aínda que loitou ao lado dos comunistas. Membro da UXT. Desde o día 12/06/1936 era presidente de Unión Republicana (UR) en Ordes.
Fuxido. Encarcerado. Morte en enfrontamento.
Colaborou na defensa de Ordes tras do alzamento militar, formando parte do Comité de Defensa da República. Foxe ao monte e en agosto entregouse.
Xulgado en consello de guerra en Santiago de Compostela (A Coruña) o día 22/12/1936 polo delito de rebelión militar, na causa 230/36, co resultado de sentenza a cadea perpetua e accesorias de interdición civil e inhabilitación absoluta.
Na Prisión Provincial da Coruña participou en varios intentos de fuga. Nesta cadea pásase ao PCE.
Pena ordinaria conmutada pola comisión de exame de penas da Coruña e concedéuselle a liberdade condicional por boa conduta o día 22/05/1941, que se publicou no BOE nº 151 do día 31/05/1941. Deixárono en liberdade vixiada.
Manuel del Río Botana contactou con Manolo Ponte en Ordes e prestoulle servizos como enlace.
Manuel Ponte era amigo de Luciano Concheiro García, de Ordes, depurado e exiliado. Luciano tamén colaborou coa guerrilla debido a esta amizade.
Manuel Castro Rodríguez, o Galego, presidiu en outubro de 1944 a Reunión de Presedo, Abegondo (A Coruña) á que acudiron Manuel Ponte Pedreira, Xastre, Negro, Pintor; José Remuiñán Barreiro, Ricardito; Francisco Rey Balbís, Moncho; José-María Urquiola Iglesias, Chema, Pepe, Tino; Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche; Juan Pérez Dopico, Xan de Xenaro, e outros responsables guerrilleiros; nesta reunión comentáronlles as consignas da Unión Nacional Española (UNE) e acordouse tamén a constitución do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG).
O día 15/03/1945 un grupo de guerrilleiros no que estaban: Manuel Ponte Pedreira, Emilio Pérez Vilariño, Manuel Pena Camino, Lisardo Freijo López e Benigno Andrade García, achegáronse á taberna de Domingo Fariña, o Mintireiro, confidente da Garda Civil, sobre as 23:00 h. Alí atoparon ao cabo da Garda Civil, Manuel Bello López, ao que metrallou desde unha fiestra Pérez Vilariño co resultado de morte.
Comandou o Destacamento Manuel Botana, que operaba na zona de Ordes e Santiago de Compostela.
Neste destacamento estiveron, entre outras persoas: Juan Couto Sanjurjo, Simeón; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Antonio Nouche Costa, Dourado Xaneiro, o Soldado de Deixebre, Luis; Manuel Ponte Pedreira, Xastre, Negro, Pintor, Manolo Ponte, Miracielo, e Manuel Rodríguez Suárez, o Asturiano.
Por outra banda José-Antonio López Jaspe, Antonio, Marinero, o Antoñito, comandaba o Destacamento Eive-Carbón, baixo a dirección tamén de Manuel Ponte.
Carmen Balboa López coñeceu a Manuel Ponte no ano 1945, no momento no que a Garda Civil prendera o seu irmán Jesús Balboa López. Nesa ocasión Carmen desprazouse ata Ordes a pedir unha recomendación para mediar polo seu irmán, dándolle Ponte a do tenente coronel Santoda, da Caixa de Recrutas de Santiago de Compostela. Cando Jesús quedou en liberdade condicional, diante do temor de ser novamente detido, escapou ao monte. A partires de aí, e para axudar ao seu irmán, Carmen convértese nun importante apoio para a organización comunista do Llano durante un tempo en Santiago de Compostela; crea con Isabel Ríos Lazcano unha extensa rede de enlaces para axudar aos homes do monte e da guerrilla antifranquista.
Xulgado en consello de guerra en Santiago de Compostela na causa 160/45.
O tribunal militar condenou á pena de cadea perpetua a: Jesús Calvo Martínez, Germán Doval García, Tomás Iglesias N. e Juan Ríos García. Tamén procesaron a: Francisco Comesaña Rendo, José García Fernández, Salvador Grela Veiras, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Paulino Pérez García, José Pérez Sanmartín, Manuel Ponte Pedreira, Manuel del Río Botana, Pedro del Río Caramelo, José del Río Pampín, Manuel del Río Pampín, José Vázquez Mandayo e Benito Vilariño Liste; a moitos deles executáranos con anterioridade.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial da Coruña na causa 415/45 polo delito de atraco.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial da Coruña na causa 32/46 tamén polo delito de atraco.
O día 26 de xuño de 1946 a Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, e a Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, cercounos a Garda Civil en Milreu, San Vicente de Fervenzas, Aranga (A Coruña), xunto con outros oito guerrilleiros de diferentes destacamentos da IV Agrupación. Con Avelino Rivas atopábase o seu curmán Francisco Cousillas Pombo. Avelino, Francisco; Benigno Andrade García, Foucellas; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas, Emilio; José Dasilva Bartomeu e Pedro Calvete Brea conseguiron evadir o cerco. Marrofer, Lisardo Freijo López, Tenente Freixo, e José Doldán Don, Daniel, morreron tiroteados pola Garda Civil. Á morte de Marrofer o liderado da IV Agrupación do EGG pasou a mans de Ponte Pedreira e Avelino Rivas converteuse no seu comisario político. Este sería o momento da ascensión combativa e propagandística da guerrilla galega.
No seu grupo infiltrouse Claudio Díaz Milia en maio de 1946 e o día 28/07/1946 desertou avisando á Garda Civil da presenza dunha partida de fuxidos nunha adega preto de Ordes. No enfrontamento non houbo vítimas, pero polas informacións de Claudio aos represores, arrestaron unhas 300 persoas, que formaban a rede de apoios da guerrilla; un duro golpe.
Asaltou a casa de Ramón Ferreiro Moar en Arderís, Santa Eulalia de Senra, Oroso (A Coruña) con outros guerrilleiros, entre eles Antonio Nouche.
Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de colaboración con bandoleiros na causa 159/46.
Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, Carmen Balboa López, Jesús Balboa López, Manuel Pena Camino, María Pérez Mellid, Manuel Ponte Pedreira e Francisco Rey Drox.
Xulgado en consello de guerra na Coruña na causa 271/46 polo delito de asasinato.
Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo, José Dasilva Bartomeu, Manuel Díaz Pan, José Pedreira de la Iglesia, Manuel Pena Camino, Manuel Ponte Pedreira, Avelino Rivas Pombo, Marcelino Rodríguez Fernández e José Soto Pombo.
Participou o día 08/11/1946 no asalto ao cuartel da Garda Civil en Vimianzo (A Coruña). Nesta acción participaron Manuel Ponte Pedreira, José Remuiñán Barreiro, José Dasilva Bartomeu, Manuel Pena Camino, Jesús-Domingo Pazos Mesías e Emilio Pérez Vilariño. Pazos Mesías tivo un enfrontamento no bar Casa Mira (actual O Castillo) e morreu, igual que o número da Garda Civil Manuel Rodríguez Paz.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial da Coruña na causa 407/46 polo delito de atraco a man armada.
José Blanco Núñez, Ferreirín, Pepito, mandou o Destacamento Eduardo Xaneiro, da IV Agrupación que dependía da dirección de Manuel Ponte Pedreira.
Foron membros deste destacamento, entre outras persoas: José Blanco Núñez, Ferreirín, Pepito; Enrique Ferreirós Candamo, o Moreno, o Gumersindo; Manuel Pena Camino, Flores, Dios; Manuel Ponte Pedreira, Xastre, Negro, Pintor, Manolo Ponte, Miracielo, e José Santiago Temprano, Henares, Hornaca.
Segundo Benigno Andrade García, Foucellas, eliminou en Ordes, en data non determinada, ao guerrilleiro do seu grupo José Dasilva Bartomeu.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Santiago de Compostela na causa 672/46.
Na primavera de 1947 presentouse diante duns veciños de San Cosme de Oíns, Arzúa (A Coruña) para comunicarlles a imposición dunha multa de 64.000 pesetas por antipopulares e colaboradores, multa que debían entregar o día 21/04/1947 preto do Fontao, Abellá, na casa do enlace Antonio Gómez Carneiro. Por mor das torturas a Antonio Gómez, a Garda Civil, mandada polo xefe de liña de Ordes Rafael Serrano Valls, cercouno con varios dos seus homes e morreu no enfrontamento o día 21 de abril en Fontao. Con el morreron Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez Suárez e lograron fuxir Emilio Pérez Vilariño e Juan Couto Sanjurjo, Simeón.
Ao caer Ponte desígnase a Melchor Díaz, Pepito, para a dirección do PCE en Galicia e a Francisco Rey Balbís, Moncho, como xefe das agrupacións guerrilleira.
Ao día seguinte da súa morte o grupo de Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche, axustiza ao alcalde de Vilarmaior (A Coruña), o falanxista Antonio Riveira Ponte, Riveiriña.
Despois da súa morte a Garda Civil descubriulle un axenda co nome de moitos enlaces, xa que Ponte levaba anotados os seus nomes nese caderno que lle atoparon. Por mor destes datos instruíuse a causa 200/47 na que se procesaron nada menos que 67 persoas: 16 de Vimianzo, oito de Laxe, 17 de Zas, seis de Cabana de Bergantiños e dúas de Corme, entre outras persoas; todos eles acusados, en distinto grao de implicación, de auxiliar aos homes do monte que se aloxaban en Santa María de Baio, Zas, en cinco vivendas diferentes.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.