Nacemento:
Morte:
Estes alcumes levaron a que o confundiran con Melchor Díaz, Pepito.
Zapateiro, 15 anos. Veciño do barrio de Palavea, na Coruña. Zapateiro en Elviña.
Militante do PCE.
Fuxido. Executado.
En 1944 tiña o mando dun pequeno grupo de escapados como responsable político e baixo a dirección de Manuel Ponte Pedreira, Xastre.
O día 11 de maio de 1945 os franquistas deteñen a: Abel García Sánchez, da rúa da Pontenova, 5, baixo, na Coruña; Eduardo Sánchez Lago, propietario do Bar Luz, na rúa Vereda do Polvorín, 2, na Coruña; e Avelino Rivas Pombo, acusados de actividades subversivas contra o Réxime. Torturados e encarcerados na Prisión Provincial da Coruña o 17 de maio.
Polas súas declaracións apresaron a Ferreirín; a Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, a José Soto Pombo e, ao curmán de Avelino, Francisco Cousillas Pombo.
Xulgado en consello de guerra na Coruña por frases subversivas, na causa 159/45.
Neste xuízo procesaron a: Manuel-Luis Bello Parga, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo e José Soto Pombo.
Unha vez que estiveron en liberdade provisoria, Francisco Cousillas Pombo, Manuel-Luis Bello Parga e Ferreirín trasladáronse a Corme, Ponteceso (A Coruña), para entrevistarse co dirixente do PCE, Avelino Rivas Pombo, que os puxo en contacto coa xente do monte e onde se xuntan con Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; Manuel Pena Camino; Benigno Andrade García, Foucellas, e Emilio Pérez Vilariño.
Na primavera de 1946, con Manuel Pena Camino, Flores, xefe militar, asumiu como comisario a dirección do Destacamento Eduardo Xaneiro, da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), que actuaba na zona de Cerceda (A Coruña) e que dirixía Manuel Ponte Pedreira, Xastre.
Foron membros deste destacamento, entre outras persoas: José Blanco Núñez, Ferreirín, Pepito; Enrique Ferreirós Candamo, o Moreno, o Gumersindo; Manuel Pena Camino, Flores, Dios; Manuel Ponte Pedreira, Xastre, Negro, Pintor, Manolo Ponte, Miracielo, e José Santiago Temprano, Henares, Hornaca.
Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de asasinato, na causa 271/46.
Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo, José Dasilva Bartomeu, Manuel Díaz Pan, José Pedreira de la Iglesia, Manuel Pena Camino, Manuel Ponte Pedreira, Avelino Rivas Pombo, Marcelino Rodríguez Fernández e José Soto Pombo.
Ferido nunha perna nun enfrontamento coa Garda Civil en Santa Mariña de Parada, Ordes (A Coruña), o día 26/07/1946, cando ían recoller unhas armas que incautaran aos homes do Somatén da Baña (A Coruña) e onde morreu Antonio Recouso Boquete. O ataque debeuse á delación do infiltrado Claudio Díaz Milia; tivo lugar na Chousa de Urzal, Cestaños, Santa Mariña de Parada e tamén feriron a Enrique Ferreirós Candamo e a José Santiago Temprano.
Pertenceu ao Destacamento Enrique Líster de Francisco Rey Balbís, Moncho. Neste destacamento estiveron Manuel-Luis Bello Parga; José Blanco Núñez; José-María Díaz Pan, Jaime; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; María dos Remedios Gallego Abeledo, Marita, Lina; Francisco Rey Balbís, Moncho, e Jesús Valeiro Gómez, Antonio, Calias.
O día 16/01/1947 Benigno Andrade García, Foucellas; José Blanco Núñez, Ferreirín; José Remuiñán Barreiro e Manuel Díaz Pan, entraron na casa de Antonio Mosquera Aller, en Queirúa, Santa María de Leira, Ordes, para exixir a entrega dunha pistola. As cousas revólvense e morreron Mosquera Aller e o seu veciño Manuel Sánchez Quindimil.
Participou con Antonio Nouche Costa, Dourado Xaneiro, o Soldado de Deixebre; Claudio Díaz Milia; José Remuiñán Barreiro, Ricardito; Pedro Rodríguez Gómez e José Santiago Temprano, Henares, Hornaca, na sanción económica de 30.000 pesetas ao alcalde franquista de Cerceda (A Coruña).
No ano 1948 asumiu o mando do Destacamento Eduardo Xaneiro con Manuel Pena Camino.
O día 04/03/1948 un cabo e catro gardas civís de Betanzos (A Coruña) cercaron e atacaron dúas casas (unha era a "casa dos Chintos"), na aldea de Probaos, San Vicente de Carres, Cesuras (A Coruña), onde se refuxiaban e na que se atopaba Ferreirín con Antonio Nouche Costa, Dourado Xaneiro, o Soldado de Deixebre. Houbo un enfrontamento e José Blanco logrou fuxir con outro compañeiro; eles estaban na casa do cura e protexéronos na fuxida Antonio Nouche e Manuela López. A Garda Civil matou a Antonio Nouche e aos habitantes da casa: María López Suárez, Manuel Mosquera Moar, Manuela López Suárez e Jacinto López Sánchez (pai de María e de Manuela), que eran enlaces.
O día 08/01/1949 o seu grupo mata a José Couceiro Taboada, sub-cabo do Somatén (corpo para-policial), xefe de Falanxe e mestre nacional de Soutelo de Montes, Forcarei (Pontevedra), ferindo gravemente á súa dona María Constenla Fariña, que falecería pouco despois.
As consignas de José-Ricardo Sevil Sevil, chegado de Francia a finais de 1949, eran as de aplicar os acordos do Buró Político do PCE. Para reorganizar o Comité Rexional do PCE en Galicia, nomeou a Melchor Díaz, Pepito, secretario de organización; a Francisco Rey Balbís, Moncho, secretario de axitación e propaganda e a José Blanco Núñez, Ferreirín, encargado de prensa; delegado do sector de Ferrol Francisco Martínez Leira; delegado da Coruña José-Antonio Cortiñas Blas, Fondista; de Vigo (Pontevedra) e Pontevedra o Madrileño e de Lugo e Ourense Víctor, enviado desde Francia.
As construcións teóricas elaboradas en Francia non tiñan nada que ver coa realidade galega. As consignas eran reducir ao mínimo o número de guerrilleiros, dotación de cartos para acabar cos golpes económicos, suspender os axustizamentos e adicarse só á autodefensa.
Arrestado en xullo de 1950 na estación da Coruña, cando ía recoller cartos achegados dende o exterior. Trasladado ao cuartel da Garda Civil, que se encontraba na fronteira entre A Coruña e Pontevedra. Despois de ser “hábilmente interrogado”, accedeu á pretensión dos seus verdugos de ofrecer información para desmantelar os enlaces a cambio de que o enviaran ao estranxeiro. Responsable das detencións, mortes e represións que seguiron. Logo enviárono a Madrid tres meses.
As versións difiren sobre da súa morte: executado en Madrid, despois de pasar pola Dirección Xeral de Seguridade, ou preto de Sada (A Coruña) en xullo de 1952; asasinado polos seus verdugos malia as promesas realizadas.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.