Nacemento:
Morte:
Dependente, 11 anos. Veciño da Praza de Pontevedra, na Coruña. Traballaba de dependente de comercio na cidade herculina.
Militante das Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU) do Partido Comunista.
Fuxido. Executado.
Membro destacado da organización das xuventudes comunistas coruñesas.
O 11 de maio de 1945 deteñen a Abel García Sánchez, da rúa da Pontenova, 5 baixo, na Coruña; a Eduardo Sánchez Lago, propietario do Bar Luz, da Vereda do Polvorín, 2, na Coruña; e a Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio; acusábanos de actividades subversivas contra o Réxime pola impresión e distribución de propaganda contra os franquistas. Torturados e encarcerados na Prisión Provincial da Coruña o día 17 de maio. Polas súas declaracións apresaron a José Blanco Núñez, Ferreirín; Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello; José Soto Pombo e, ao curmán de Avelino, Francisco Cousillas Pombo. As autoridades detivéronos pola impresión e distribución de material subversivo.
Xulgado en consello de guerra na Coruña, por frases subversivas, na causa 159/45.
Neste xuízo procesaron a: Manuel-Luis Bello Parga, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo e José Soto Pombo.
Manuel Bello ingresou a finais de 1944 ou primeiros de 1945 nas Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU) pola mediación, entre outros, de Francisco Cousillas Pombo. Detivérono o 02/05/1945 por repartir propaganda, procesárono, pasou pola cadea e deixárono en liberdade provisoria no Nadal dese mesmo ano. Temendo que o condenaran a unha pena de varios anos, fuxiu ao monte. Con Francisco Cousillas Pombo e José Blanco Núñez, Ferreirín, trasladouse a Corme, Ponteceso (A Coruña), para entrevistarse co dirixente do PCE, Avelino Rivas Pombo, o Rubio, quen os puxo en contacto coa xente do monte e onde se xuntaron con Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; Manuel Pena Camino; Benigno Andrade García, Foucellas, e Emilio Pérez Vilariño.
En febreiro de 1946, cando xa estaba en liberdade, uniuse ao Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), no Destacamento Enrique Líster, da IV Agrupación.
Neste destacamento estiveron: Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, Luis Seijo Freire; José Blanco Núñez, Ferreirín, Pepito; José-María Díaz Pan, Jaime; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; María dos Remedios Gallego Abeledo, Marita, Lina; Francisco Rey Balbís, Moncho, e Jesús Valeiro Gómez, Antonio, Calias.
Despois pasou ao Grupo Volante A Mariña.
Pertenceron a este grupo volante: Manuel-Luis Bello Parga; José-María Castelo Mosquera, Doctor, Casteliño; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; José-María Díaz Pan; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Amador Domínguez Pan; Juan Freire Barcia; José Freire Barcia, Pepiño; José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López; José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, Tomás Padilla, Caravana; José Piñas Pons; Manuel Ramiro Souto, Souto; Francisco Rey Balbís; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio, e Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge.
Con esta partida participou en Cambre, o día 18/04/1946, no atentado que lle custou a vida a Manuel Doval Lemat, Coché, coñecido falanxista local, acusado de ser un dos paseantes de Cambre. Neste atentado tamén participaron: Francisco Rey Balbís, Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Antonio Seoane Sánchez, José Pedreira de la Iglesia e Manuel Díaz Pan.
A casa da familia da súa moza Carmiña Sousa serviu de lugar de protección e acubillo para moitos fuxidos. Neste domicilio introduciuse, con enganos e abuso de confianza, o infiltrado Claudio Díaz Milia, Manolete. A Carmiña, segundo fontes familiares, detivérona no tren cando regresaba de Madrid de pregar a conmutación da pena de morte do seu mozo.
O día 19/05/1946 participou nun intento de sabotaxe contra un emisor de Radio Nacional de España (RNE) e no altercado que rematou coa vida do xornalista de El Ideal Gallego Arcadio Vilela Gárate. Nesta tentativa contra a RNE participaron outros tres guerrilleiros, entre eles José Pedreira de la Iglesia, Queimarán, e José Dasilva Bartomeu. Diante do fracaso da misión que se lles encomendara e xa en retirada, na noitiña, nun intercambio de disparos coa Garda Civil no que finou Arcadio Vilela, as forzas policiais prenderon a Manolito Bello sobre as once da noite, logo de que se lle encasquillara a súa arma. Arcadio era falanxista e membro do grupo paramilitar Caballeros de La Coruña.
Outras fontes sinalan que Arcadio foi vítima do fogo amigo da propia Garda Civil e non dun axustizamento da guerrilla antifranquista; foi a vítima colateral e involuntaria dun enfrontamentos entre fuxidos e forzas da Benemérita cando pasaba, de xeito ocasional, pola Avenida de Rubine herculina.
O réxime aproveitou esta morte para envelenar á poboación contra dos resistentes. Testemuñas fiables, que coñecían a Manolito pola súa veciñanza, declararon diante da Garda Civil que este rapaz non fora o autor dos disparos sobre o xornalista; os franquistas non tiveron en conta a dita información.
Torturado no cuartel da Garda Civil e na prisión, é probable que revelara datos da súa estadía na guerrilla, revelacións que, en todo caso, non provocaron ningunha acción inmediata de represión. Acusárono da morte de Arcadio e de repartir propaganda subversiva.
Xulgado en consello de guerra na Sala de Xustiza do Acuartelamento de Atocha, na Coruña, o día 22/06/1946 polo delito de rebelión militar, na causa 266/46, co resultado de sentenza á tres penas de morte. O fiscal foi Sergio Peñamaría de Llano, capitán auditor, que solicitou a pena capital.
Executado na Prisión Provincial da Coruña a garrote vil ás 06:00 h do día 11/07/1946.
Soterrárono nun nicho no cemiterio de Santa María de Oza, na Coruña.
A súa figura converteuse na dun heroe e un destacamento do EGG levou o seu nome, o Destacamento Manolito Bello.
Momentos antes de morrer, Manuel Bello confesoulle ao seu pai a súa inocencia e que Arcadio Vilela fora, na realidade, vítima dos disparos da Garda Civil.
Na tumba de Manolito Bello, durante anos, apareceu unha pequena estrela formada con cinco caraveis vermellos e que Carmiña se encargaba de depositar.
Certas informacións din que naceu en Santa María de Mezonzo, Vilasantar (A Coruña); o seu certificado de nacemento pon de manifesto que era natural da Coruña. A causa que o condena fala de que os feitos que se xulgaban ocorreron o 20 de maio.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.