← Volver atrás

González Cudeiro, Josefa

Alcume: Fina, Pilar Romero Vázquez
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerada. Exiliada

Nacemento:

Ourense
- 06/10/1918 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 15/10/2012 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Modista, 17 anos. Solteira. Veciña da rúa Raíña Vitoria, 31, en Ourense. Filla de Ramón González Calviño, encarcerado e fusilado, e de Vicenta Cudeiro Caseiro, encarcerada. Irmán de Julio González Cudeiro, encarcerado; de Ángel González Cudeiro, encarcerado; de Luisa González Cudeiro, encarcerada; de Maruja González Cudeiro, encarcerada e exiliada, e de Ramón González Cudeiro, encarcerado.

Militante do PCE.

Encarcerada. Exiliada.

Cando a guerra comezou para ela e a súa familia a persecución, os rexistros e o cárcere. Na súa casa de Ourense acollía a resistentes ao Réxime.

O día 26/03/1937 a súa casa asaltárona os militares por ter agochados dous desertores, despois da delación dunha veciña. A Josefa, á súa nai e aos seus irmáns encarceráronos; ao seu pai e aos dous desertores fusiláronos.

Xulgada en consello de guerra en Ourense polo delito de auxilio á rebelión, na causa 612/37, co resultado de sentenza de absolución.

O tribunal condenou á pena de morte a Ramón González Calviño; pena de prisión para Vicenta Cudeiro Caseiro; autos de absolución para: Ángel González Cudeiro, Josefa González Cudeiro e Julio González Cudeiro; sobresemento do proceso para Antonio Nanín Ansias. Tamén enxuizaron neste procedemento a Enrique Nanín Ansias.

Nos anos da guerra, entre 1937 e 1938, ingresárona no cárcere de Bande (Ourense). Neste cárcere todo era humidade; inicialmente durmían no chan e sen roupa para abrigarse; todas apiñadas nunha sala. Había un corredor para camiñar, pero sempre as tiñan encerradas. As presas guerrilleiras non podían recibir axuda externa porque as súas familias tíñanas represaliadas. En Bande sufriu múltiples torturas; entre outras queimárona con ácido nos seus xenitais e pendurárona das mans.

A mediados de 1944 trasladouse a Madrid debido a presión franquista e coñeceu o seu compañeiro Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge. Volveron a Galicia en 1945 para organizar a política e a guerrilla. Participou inicialmente na reorganización do comité ourensán do PCE e logo no da Coruña. Mantivo contactos con Isabel Ríos Lazcano, detida no 1946.

Arrestada no Bar Barlovento da Coruña o día 10/07/1948, xunto con Antonio Seoane Sánchez, José Rodríguez Campos e os axentes de enlace José Ramos Díaz e Juan Martínez Montero. A operación policial dirixiuna Eduardo Alfonso Cruz, xefe do Servizo de Información da 140ª Comandancia da Garda Civil na Coruña, empregando datos obtidos polo axente infiltrado na guerrilla Alejo-Pablo Mora García.

Ao secretario xeral do PCE José Gómez Gayoso, Juan, Carlos, López, e á súa compañeira María Blázquez del Pozo arrestáronos ao día seguinte.

A información pasada a Garda Civil polo infiltrado Alejo-Pablo Mora, que provocou a caída de moitos enlaces, foi vital para estas detencións.

Xulgada o día 18/10/1948 en consello de guerra sumarísimo na Coruña, na causa 370/48, presidido polo tenente coronel de Enxeñeiros, xefe do Batallón de Transmisións do VIII Corpo de Exército de Estremadura, Ramón Rivas Martínez.

As sentenzas foron as de pena de morte para: José Gómez Gayoso, Antonio Seoane Sánchez, e José Bartrina Villanueva (conmutada pola de cadea perpetua); Juan-José Romero Ramos, cadea perpetua; María Blázquez del Pozo, 30 anos de cadea; Josefa González Cudeiro, 25 anos de cadea; tamén condenaron a penas de prisión a Clementina Gallego Abeledo, Carmen Orozco Muñoz, José Rodríguez Campos. Procesaron ademais a outros enlaces.

O xuízo converteuse nunha farsa, sen probas nin testemuñas. A José Bartrina, a quen tamén condenaran á pena de morte, conmutóuselle a pena pola de cadea perpetua e morrería na prisión de Alcalá de Henares (Madrid) o día 21/11/1956 por mor de falta de coidados médicos. O día 06/11/1948 executaron a Gayoso e a Seoane.

Existe a crenza popular de que a execución de Teófilo Fernández Canal, en abril de 1948, a mans semella que de Eugenio Rueda Perosanz e autorizada polo Comité Central do PCE, tivo como motivo que Teófilo era o amante de Josefina e ela era a compañeira sentimental de Antonio Seoane Sánchez. Víctor García García, o Brasileño, e Teófilo Fernández eran os líderes do PCE no sur de Galicia e axustizáronos aos dous.

A Fina torturárona de xeito brutal, colgárona das mans e queimáronlle con ácido os seus xenitais. Encarcerada en 1948, condenárona a 25 anos e pasou 11 anos nos cárceres da Coruña, Burgos, Segovia (a onde a trasladaron con María Blázquez e Carmen Orozco), e Alcalá de Henares (Madrid), de 1948 a 1959.

No ano 1959, despois de redimir condena e por bo comportamento, obtivo a liberdade condicional e volveu a Ourense.

En 1961, xa coa liberdade definitiva e coa súa irmá Luisa, marchou para Caracas (Venezuela), onde se reúne cos seus irmáns Ramón e Maruja.

No ano 1966 regresou á Coruña.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.