← Volver atrás

Gutiérrez Alba, Abelardo

Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Exiliado

Nacemento:

Santa María de Vilarello, Cervantes
(Lugo)
- 25/02/1912 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Venezuela
- 01/01/1978 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Xastre, 24 anos. Veciño de Cervantes. Fillo de Juan Gutiérrez Santín, fusilado en 1936 e de Consuelo Alba Digón, exiliada. Despois do fusilamento do seu pai en 1936, represaliado durante a guerra e de sufrir varias requisas, combateu na fronte asturiana e, despois, botouse ao monte cos seus irmáns Baldomero Gutiérrez Alba e Jovino Gutiérrez Alba, coa súa irmá Domitila Gutiérrez Alba, a súa nai e o seu tío materno Segundo Alba Digón. Antes da guerra estivera un tempo en Barcelona.

Militante da CNT e da Federación Anarquista Ibérica (FAI).

Fuxido. Exiliado.

Xulgado en consello de guerra en Lugo polos delitos de atraco e roubo a man armada, na causa 778/39, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 04/05/1940.

Mantivo contacto con guerrilleiros como Antonio Ulloa Regueiro, Siro Fernández e Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva.

Polo menos desde 1939 dirixiu unha partida con Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán, Girón, reforzada con membros da partida de David Fuentes Álvarez.

Xulgado en consello de guerra en Lugo polos delitos de atraco, na causa 1051/39, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 15/05/1940.

Participou no Congreso de Ferradillo, en Priaranza del Bierzo, preto de Ponferrada, nos Montes Aquilianos (León) do día 24/04/1942, no que se reuniron 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas, asturianos, leoneses e galegos, e que deu lugar á creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG).

Elixiuse un Estado Maior dirixido por Marcelino Fernández Villanueva e no que tamén figuraban: César Ríos Rodríguez, Mario Morán García, Abel Ares Pérez, Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán como lugartenentes. Había cinco socialistas, catro anarquistas da CNT, seis da UXT, catro comunistas e cinco sen adscrición política. A base de operacións era a Serra do Eixe, nos montes de Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Os 24 asistentes a este congreso foron: Edelmiro Alonso García, Delmiro; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Abel Ares Pérez; Miguel Cuellas Gómez, Artillero; Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva; Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Manuel Girón Bazán, Girón; Manuel Gutiérrez Abella; Abelardo Gutiérrez Alba; Gerardo Lamas Cerezales; Pedro Lamas Cerezales, Pedrín; Abelardo Macías Fernández, o Lebre; Guillermo Morán García, Asturiano; Mario Morán García; Antolín Murias, Paciencia; Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Amador Pérez Poncelas; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; César Ríos Rodríguez; Arcadio Ríos Rodríguez; José Vega Seoane, Ánimas, e Pedro Voces Canóniga, Pitaciega.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de atraco a man armada, na causa 57/43, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 06/04/1943.

En 1944 acompañou a Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, xefe do Estado Maior da FG, Abel Ares Pérez e César Ríos Rodríguez, a Lugo para establecer contactos con outros grupos e contrarrestar a influencia dos comunistas.

Desde 1945 foi, con Antonio Fernández Crespo, vicecomandante da III Agrupación da FG, que comandaba Manuel Castro Tellado e que tivo que retirarse á área de actividades do sueste lugués.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de atraco, na causa 180/45, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 17/05/1945.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de agresión ás forzas armadas, na causa 294/45, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 01/09/1945.

Neste xuízo procesaron e declararon fuxidos e en rebeldía a: Consuelo Alba Digón, os seus fillos Abelardo Gutiérrez Alba, Baldomero Gutiérrez Alba, Domitila Gutiérrez Alba e Jovino Gutiérrez Alba; o tío destes e irmán da primeira, Segundo Alba Digón e Corsina Martínez.

A primeiros de 1946 mostrouse discrepante cos socialistas da FG, aos que acusou de pasividade, polo que pasou á III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), que comandaba o Piloto. Nesta III Agrupación José-Luis Castro Veiga, o Piloto, creou o Destacamento D, no que se integraron: Abelardo Gutiérrez Alba; Elías López Armesto, o Paxariño; José Arias Fernández, Cristo; Adolfo-Gregorio Cenitagoya González; José Pardo Rodríguez, o Rego, e Francisco López Quinte, Paco de Rigueiro.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo por formar parte de partidas de bandoleiros na causa 177/46.

En 1947 substituía á fronte da III Agrupación a Manuel Castro Tellado, morto o día 13/01/1947.

Pronto pasou a Francia por medio dunha rede de evasión da CNT en Euskadi, por Fuenterrabía (Guipúscoa). Desde Francia fixo xestións para sacar a outras persoas perseguidas en España.

Semella que regresou a España en febreiro de 1948 de forma clandestina; non existen probas deste feito.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de León na causa 1/48.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo por formar parte de partidas de bandoleiros na causa 616/48.

Axudou ao resto da familia e a outros guerrilleiros a pasar cara Francia; entre eles César Ríos Rodríguez, ao que encamiñou para que puidera saír desde o Principado de Asturias; César avisou a Marcelino Fernández Villanueva que tamén puido evadirse.

Despois exiliouse en Venezuela e regresou a España despois da morte de Franco.

Morreu en Venezuela cando preparaba o regreso definitivo ao seu país.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.