← Volver atrás

Morán García, Guillermo

Alcume: Asturiano
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Morte en enfrontamento

Nacemento:

La Calleja, La Rebollada, Mieres
(Principado de Asturias)
- 01/01/1919 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

O Piricallo, San Xoán de Chavaga, Monforte de Lemos
(Lugo)
- 20/04/1949 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Mineiro, 17 anos. Ao seu pai fusilárono os fascistas o día 14/04/1941. Irmán de Mario Morán García, fuxido. Á súa irmá e á súa nai desterráronas.

Afiliado á UXT e militante do PSOE asturianos; máis tarde do PCE.

Fuxido. Morte en enfrontamento.

Loitou cos republicanos na guerra civil, no Batallón Sangre de Octubre, co seu irmán Mario.

Ao caer o Principado de Asturias en outubro de 1937, fuxiu ao monte co seu irmán, formando un grupo de resistentes, os Moranes, no que, entre outros fuxidos, se atopaba Manuel-Luis Gómez Bueno, Pambarato. Antes mataran ao xuíz municipal de Ribera de Arriba como represalia polo asasinato do seu pai.

Tentou a fuxida a Portugal, en maio de 1940, con outros dezaseis compañeiros, pero ao rechazalos a garda do país veciño, refuxiáronse nos montes de Galicia en 1941.

Participou no Congreso de Ferradillo, en Priaranza del Bierzo, preto de Ponferrada, nos montes Aquilianos (León) do día 24/04/1942, no que se reuniron 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas, asturianos, leoneses e galegos, e que deu lugar á creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG).

Elixiuse un Estado Maior dirixido por Marcelino Fernández Villanueva e no que tamén figuraban César Ríos Rodríguez, Mario Morán García, Abel Ares Pérez, Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán como lugartenentes. Había cinco socialistas, catro anarquistas da CNT, seis da UXT, catro comunistas e cinco sen adscrición política. A base de operacións era a Serra do Eixe, nos montes de Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Os 24 asistentes a este congreso foron: Edelmiro Alonso García, Delmiro; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Abel Ares Pérez; Miguel Cuellas Gómez, Artillero; Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva; Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Manuel Girón Bazán, Girón; Manuel Gutiérrez Abella; Abelardo Gutiérrez Alba; Gerardo Lamas Cerezales; Pedro Lamas Cerezales, Pedrín; Abelardo Macías Fernández, Lebre; Guillermo Morán García, Asturiano; Mario Morán García; Antolín Murias, Paciencia; Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Amador Pérez Poncelas; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; César Ríos Rodríguez; Arcadio Ríos Rodríguez; José Vega Seoane, Ánimas, e Pedro Voces Canóniga, Pitaciega.

Guillermo integrouse a finais de 1947 no Destacamento Santiago Carrillo da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) en Ourense, da que era xefe o seu irmán Mario. Con el tamén se incorporaron Julián Acebo Alberca, Guardiña, e Evaristo González Pérez, Rocesvinto. Guillermo e Rocesvinto eran comunistas e estaban no bando contrario á dirección da FG.

Neste destacamento estiveron: Julián Acebo Alberca, Guardiña; Raúl Castro Cao, o Arxentino; Gregorio Colmenero Fernández, o Porreto de Torbeo; Gumersindo Fernández Incógnito; Evaristo González Pérez, Rocesvinto; Fermín Gutiérrez Lada, Segura; Samuel Mayo Méndez, Saúl das Olas, Pelayo, Raúl, Alicantino; Guillermo Morán García, Asturiano; Máximo Nóvoa Barreiros; José Pallarés Taboada e José-María Saavedra Díaz, Pepe.

Morreu na batalla de Repil, enfrontamento en Repil e O Piricallo, en Chavaga, o día 20/04/1949, no que interviñeron 150 gardas civís de Ponferrada (León) e Monforte de Lemos (Lugo) contra guerrilleiros do Destacamento Santiago Carrillo.

Guillermo Morán García, Asturiano; Julián Acebo Alberca, Guardiña; Gregorio Colmenero Fernández, o Porreto de Torbeo, morreron cando tentaban romper o cerco das forzas represivas. Tamén finaron, probablemente por suicidio, Evaristo González Pérez, Rocesvinto; Ramón López Casanova e María López Casanova; estes dous últimos, que eran irmáns, facían de enlaces e donos da casa; executáronos en represalia. Fermín Gutiérrez Lada, Segura, e Samuel Mayo Méndez foron quen de fuxir e, a María-Luisa López Centeno, compañeira de Rocesvinto, ferírona e prendérona.

A redada contou coa colaboración dun infiltrado da Garda Civil na guerrilla, Jesús Costoya López, Senén, que sería quen deu o aviso da presenza de fuxidos na zona de Chavaga.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.