← Volver atrás

Girón Bazán, Manuel

Alcume: Girón
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Executado

Nacemento:

Salas de los Barrios, Los Barrios de Salas
(León)
- 16/02/1910 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Puentes de Malpaso, Molinaseca
(León)
- 02/05/1951 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Xornaleiro, 26 anos. Era o segundo de nove irmáns, entre eles José Girón Bazán, o maior, exiliado, e Jesús Girón Bazán, o máis pequeno, morto nun enfrontamento coa Garda Civil. De familia humilde, adicouse desde a súa xuventude ás labores do campo. Era analfabeto e aprendeu a ler mentres estivo na guerrilla.

Militante da UXT.

Fuxido. Executado.

En xullo de 1936 diante da chegada dos falanxistas a Salas decide escapar ao monte e, co seu irmán José Girón Bazán, Benigno García González, o Vello, e outros, forman a “fronte dos Girones”, que actuaban no Bierzo e A Cabreira. Marchou ao monte despois de que os falanxistas asasinaran ao seu amigo Nemesio Fernández Pérez.

En novembro de 1936 decide unirse ao exército republicano no Principado de Asturias, co seu irmán José Girón Bazán; evadíronse do exército golpista. Encadráronos na División Recalde, facendo traballos de sabotaxe nas liñas de retagarda inimigas A José ferírono en setembro de 1937, evacuárono a Cataluña e, tempo andado, internárono nun campo de concentración nazi. A fronte cae 40 días máis tarde; alí non consegue acadar un dos barcos que sacaban aos milicianos cara Francia.

Con 26 anos volve da fronte asturiana e decide refuxiarse na comarca leonesa da Cabrera, en Corporales, co seu amigo Marcelino de la Parra Casas. Membro como era da UXT, de non fuxir acabaría tamén fusilado como remataran moitos dos seus compañeiros. Xa como xefe de partida, actuou na zona da fronteira entre Ourense e León, en concellos ourensáns, na comarca zamorana de Puebla de Sanabria e nas do Bierzo e A Cabrera, en León. Coñecía perfectamente a zona.

Un grupo notable na Serra do Eixo era o que dirixía Manuel Álvarez Arias, Bailarín, e os seus amigos Alfredo Yáñez Domínguez, o Aguirre; Domingo Rodríguez López, o Xirolo, Inca; José Vega Seoane, o Ánimas, e outros.

No ano 1937, por mor dunha delación, a Santiago Valle Cañal prendérono as forzas represoras, cun grupo de fuxidos asturianos, leváronos a Zamora, xulgáronos en consello de guerra e fusiláronos a todos, a Santiago e a outros dez.

Por mor destes asasinatos e dous anos despois, pola mediación de Domingo Valle Cañal, a partida de Manuel Girón Bazán, Girón, en represalia, provocou a acción de El Puente, Galende (Zamora), onde pasaron polas armas aos curas Raimundo Alonso Fernández e Tomás Rodríguez Chimeno, ao médico Heliodoro Iglesias, ao secretario do concello Gregorio Cobreros e á moza Josefa Prada Fernández, todos eles adictos ao novo réxime.

Ao remate de 1937 uníronselles os que procedían do Principado de Asturias, como Manuel Girón Bazán, Girón; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Abelardo Macías Fernández, o Lebre; José Losada Yáñez (que morrería ese mesmo ano nun enfrontamento); Silverio Yebra Granja, o Atravesado; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; Abel Ares Pérez; Enrique Oviedo Blanco, Chapa, e varios máis.

En xullo de 1940 formaban no grupo de Manuel Girón Bazán: Marcelino de la Parra Casas, Parra; José Vega Seoane, Ánimas; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Abelardo Macías Fernández, o Lebre, e Eduardo Pérez Vega, Tameirón. Tentaron pasar a Portugal; interceptados por axentes portugueses, tiveron que volver a España e continuar na loita armada.

Manuel Álvarez Arias, Bailarín e Alfredo Yáñez Domínguez, o Aguirre, puxeron en contacto ao grupo asturiano de Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, con Girón e Parra, xa que se coñecían da fronte asturiana.

Contrario a chegada dos asturianos e aos seus intentos de control das partidas, Álvarez Arias entregouse á Garda Civil e fusilárono por non dar información sobre os seus camaradas.

Participou no Congreso de Ferradillo, en Priaranza del Bierzo, preto de Ponferrada, nos Montes Aquilianos (León) do día 24/04/1942, no que se reuniron 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas, asturianos, leoneses e galegos, e que deu lugar á creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG).

Elixiuse un Estado Maior dirixido por Marcelino Fernández Villanueva e no que tamén figuraban César Ríos Rodríguez, Mario Morán García, Abel Ares Pérez, Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán como lugartenentes. Había cinco socialistas, catro anarquistas da CNT, seis da UXT, catro comunistas e cinco sen adscrición política. A base de operacións era a Serra do Eixe, nos montes de Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Os 24 asistentes a este congreso foron: Edelmiro Alonso García, Delmiro; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Abel Ares Pérez; Miguel Cuellas Gómez, Artillero; Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva; Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Manuel Girón Bazán, Girón; Manuel Gutiérrez Abella; Abelardo Gutiérrez Alba; Gerardo Lamas Cerezales; Pedro Lamas Cerezales, Pedrín; Abelardo Macías Fernández, o Lebre; Guillermo Morán García, Asturiano; Mario Morán García; Antolín Murias, Paciencia; Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Amador Pérez Poncelas; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; César Ríos Rodríguez; Arcadio Ríos Rodríguez; José Vega Seoane, Ánimas, e Pedro Voces Canóniga, Pitaciega.

Cando se crea a I Agrupación da FG, forma parte seu mando con César Ríos Rodríguez e Abel Ares Pérez.

Dado varias veces por morto; nunha ocasión unha irmá identificouno como morto, cando sabía que non era el e para gañar tempo. Tamén conseguiu escapar de varias emboscadas o que fomentou a súa lenda e as forzas policiais abriron unha intensa campaña para rematalo.

Girón mantivo contactos e reunións en Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense), co grupo de Gervasio Cereijo Veiga, Mario Rodríguez Losada, o Langullo, o Pinche, e Jesús Quiroga Arias, Chucho.

En xullo de 1944 incorporouse á súa partida o andaluz Miguel Cardeñas Lozano, o Cardeña, gran tirador e bo compañeiro, que rematou por converterse na súa man dereita.

A súa partida reduciuse co paso dos anos. O seu irmán morre por mor dunha bala perdida en 1946. En 1947, xa na II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) conta, entre outras persoas, con Silverio Yebra Granja, o Atravesado.

No ano 1951 xa só o acompañaban uns poucos compañeiros e a súa compañeira Alida González Arias, a Penca.

Federalista histórico, despois de que en 1947 a FG case que desaparecera, incorporouse cos seus homes á II Agrupación do EGG, mantendo as súas bases na provincia de León, na comarca da Cabreira. Neste grupo estaban, entre outras persoas: Marcelino de la Parra Casas, Parra, e Florentino Pérez Rivas, o Andaluz. Tamén se lles uniu, no verán de 1947, o mozo Francisco Martínez López, Quico.

Unha emboscada en Villasinde e os sucesos da casa de San Xoán de Chavaga, Monforte de Lemos (Lugo), onde caeran Guillermo Morán García, Asturiano; Julián Acebo Alberca, Guardiña, e Gregorio Colmenero Fernández, o Porreto de Torbeo, cando tentaban rachar o cerco e tamén caeran, se cadra por suicidio, Evaristo González Pérez, Rocesvinto, Ramón López Casanova e María López Casanova; conseguiu fuxir Fermín Gutiérrez Lada, Segura, e prenderon a Luisa López Centeno, compañeira de Rocesvinto, case que remataban coa II Agrupación; máis aínda cando o día 28/04/1949, Benigno Fraga Pita, Alejandro, o seu comisario político, morre na Serra de San Mamede.

Na primavera de 1949, despois dos desastres guerrilleiros en Chavaga e Villasinde, Vega de Valcarce (León) regresaron á comarca do Bierzo (León) os membros da II Agrupación: Silverio Yebra Granja, o Atravesado; Pedro Juan Méndez, Jalisco; Augusto Diéguez Yáñez, Rubio; Silvestre García López, Chimenea; Roberto López Rodríguez, Virnes; Odilo Fernández Rodríguez, Blas, e Manuel Zapico Terente, Asturiano, Lito. Estes guerrilleiros antifranquistas uníronse á partida de Girón na Serra da Cabreira (León e Zamora).

Durante os anos 1949 e 1950 morreron en enfrontamentos coas forzas represivas moitos dos fuxidos. O último reduto de Girón foi a comarca da Cabrera, actuando de xeito autónomo. As forzas represivas obsesionáronse con el e chegaron a publicar en varias ocasións que o tiñan matado.

O axente infiltrado José Rodríguez Cañueto asasinou dúas persoas para gañarse a confianza da guerrilla e a do propio Manuel Girón.

A primeiros de maio Girón decidiu dividir a partida, quedando el con Alida e Cañueto. Na mañanciña do 2 de maio Canueto asasina polas costas a Girón en Puentes de Malpaso, mentres se aseaba e prende a Alida. Logo a Garda Civil fixo declarar a Alida que os dous corpos que se atoparan en Malpaso eran os de Girón e o de Cañueto; aínda que era mentira no que atinxe a este último, Alida identificounos como certos para evitar males maiores. Na realidade o corpo que aparecía no expediente ao lado do de Girón Bazán non era o de José Rodríguez senón o dun mineiro, Elías Álvarez Carrera, enlace leonés da guerrilla, ao que asasinaron e desfiguraron cunha bomba na boca para que puidera pasar polo infiltrado.

O dato que desmontou toda esta mentira sería o certificado de defunción de propio José Rodríguez Cañueto, quen morreu nun accidente de tráfico preto de Mérida no ano 1966. A trama, montada polo comandante da Garda Civil Miguel Arricivita Vidondo, sinalou a Alida durante moitos anos como a culpable da morte do fuxido, cando de certo todo era falso.

Nas rúas de Ponferrada, durante moitos anos, atopárense pintadas de "Girón vive".

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de León na causa 660/42, na causa 97/45, na causa 73/46, na causa 281/46, na causa 280/48, na causa 94/50, na causa 102/50, na causa 175/50, na causa 183/50, na causa 241/50 e na causa 21/51.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.