Nacemento:
Morte:
Militar, 31 anos. Casado con Pilar Calvet Álvarez; tiveron seis fillos e unha filla: Miguel-José, Víctor, Ángel, Juan-Carlos, Francisco-Javier, María del Pilar e José-Ramón. Estudou na Academia de Infantería de Toledo da que saíu como alférez en 1926.
Represor.
Cando se produce o golpe de Estado era tenente da Garda Civil en Elizondo (Navarra). Súmase aos sublevados, cos que combate durante toda a guerra civil. Pasou polos requetés e foi xefe do Terzo de Requetés de San Fermín, que participou na conquista de Bilbao (Biscaia).
Ao remate da guerra volveu á Garda Civil co grao de capitán.
Xa como comandante da Garda Civil, con formación específica antiguerrilleira, enviárono a Ponferrada (León) a finais do ano 1948, como xefe da Comandancia do Sector Interprovincial de Ponferrada e co único obxectivo de acabar coa guerrilla antifranquista en León e provincias limítrofes.
Arricivita desatou unha brutal represión nun proceso de caza e captura, mediante a aproximación e a infiltración entre os enlaces da guerrilla do Bierzo, moitos deles xa esgotados. O seu principal obxectivo era acabar con Manuel Girón Bazán, Girón.
Polo día 24/02/1949 forman un grupo guerrilleiro Enrique Oviedo Blanco, Chapa; a compañeira de Enrique, Asunción Macías Fernández, a Pandereta; Silverio Yebra Granja, o Atravesado; Francisco Martínez López, Quico; Alfonso Rodríguez López, o Galego; Antonio López Núñez, Objetivo; Bernardo Álvarez Trabajo, o Paxariño, e Eduviges Orozco Palacín, Andaluz. Traizoados por un enlace de Berlanga del Bierzo (León), caeron nunha redada da Garda Civil, que mandaba o comandante Miguel Arricivita, nos montes de Ocero, Vega de Espinareda (León), na que mataron a Rodríguez López e a Eduviges Orozco. A Orozco identificárono as autoridades represoras como Manuel Girón Bazán, Girón. O resto da partida, algúns deles feridos, puideron escapar. Bernardo, ferido nunha perna, conseguiu fuxir aos montes de Remesar.
A falsa morte de Girón fixo que Arricivita resultase condecorado; o erro comunicoullo tempo despois, en confesión, Antonio López Núñez.
O día 17/03/1949 as forzas da Garda Civil, que mandaba Arricivita, sorprenderon un grupo en Villasinde, Vega de Valcarce (León) e no enfrontamento morreron os escapados Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Alpidia García Moral. Victorino Nieto Rodríguez e Oliveros Fernández Armada conseguiron fuxir.
Nun enfrontamento o día 20/04/1949 cun grupo de fuxidos en Repil e O Piricallo, en Chavaga, interviñeron 150 gardas civís de Ponferrada (León) e de Monforte de Lemos (Lugo). Guillermo Morán García, Asturiano; Julián Acebo Alberca, Guardiña; Gregorio Colmenero Fernández, o Porreto de Torbeo, morreron cando tentaban romper o cerco das forzas represivas. Tamén finou, probablemente por suicidio, Evaristo González Pérez, Rocesvinto. A Ramón López Casanova e a María López Casanova, que actuaban como enlaces e eran os donos da casa, executáronos en represalia. Fermín Gutiérrez Lada, Segura, ferido, foi quen de fuxir con Samuel Mayo Méndez. A María-Luisa López Centeno, compañeira de Rocesvinto, ferírona e prendérona. Esta acción, organizada por Arricivita, baseábase nas información do infiltrado Comandante Félix, Don Carlos, que semella que era Francisco Cano Román.
A redada contou a máis coa colaboración dun infiltrado da Garda Civil na guerrilla, Jesús Costoya López, Senén, que foi quen deu o aviso da presenza de fuxidos na zona de Chavaga.
A primeiros do 1950 Enrique Oviedo Blanco, Chapa, retirouse con Asunción Macías Fernández, a Pandereta, á vila natal desta en Paradela de Muces (O Bierzo) para preparar a saída de España, cando xa actuaba de xeito autónomo. Por mor dunha denuncia dun familiar da súa compañeira, o 27 de novembro dese ano 1950, o seu refuxio nunha corte de gando, en pleno campo, cercárono forzas de represión coas que mantivo un duro enfrontamento ata que esgotou a munición; eran tropas baixo as ordes de Arricivita. Estimando que a resistencia era inútil, matou a Asunción e logo Enrique suicidouse; cando todo rematou os gardas atoparon os dous cadáveres.
O axente infiltrado José Rodríguez Cañueto asasinou dúas persoas para gañarse a confianza da guerrilla e a do propio Manuel Girón. Cañueto era un axente infiltrado de Arricivita.
A primeiros de maio Girón decidiu dividir a partida, quedando el con Alida e Cañueto. O día 2 de maio Cañueto asasina a Girón en Puentes de Malpaso e prende a Alida. Logo a Garda Civil fixo declarar a Alida que os dous corpos que se atoparan en Malpaso eran os de Girón e o de Cañuelo; aínda que era mentira no que atinxe a Cañueto, Alida identificounos como certos para evitar males maiores. Na realidade o corpo que aparecía no expediente ao lado do de Girón Bazán non era o do asasino senón o de un mineiro, Elías Álvarez Carrera, enlace da guerrilla, ao que asasinaron e desfiguraron para que puidera pasar polo infiltrado.
Rematada a súa misión no Bierzo, abandonou Ponferrada a finais de 1952 e destinárono á Dirección Xeral da Garda Civil en Madrid.
Retirouse co grao de coronel no ano 1968 e estableceuse en Santa Cruz de Tenerife, onde morre.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.