← Volver atrás

Neira Fernández, José

Alcume: o Neira
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Desaparecido

Nacemento:

Cuíña, Santa María de Mera de Arriba, Ortigueira
(A Coruña)
- 19/02/1909 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

lugar descoñecido
- 01/01/1944 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Ferreiro, 27 anos. Veciño do Igrexario, San Sebastián de Devesos, Ortigueira. Irmán de Amandino Neira Fernández, morto nun enfrontamento coa Garda Civil. Traballou de ferreiro en Cuíña. Aos seus pais e a dúas irmás deportáronos a Herrera de Pisuerga (Palencia).

Anarquista e militante da CNT. Membro do Sindicato Xeral de Proletarios de San Clodio.

Fuxido. Desaparecido.

Despois do triunfo da sublevación militar ocultouse no monte cando mobilizaron a súa quinta no ano 1936.

Integrouse nunha partida de fuxidos da zona de Cedeira, Ortigueira e Viveiro.

Conseguiu organizar aos fuxidos das comarcas de Viveiro e Ortegal, converteuse no líder do primeiro grupo estable de guerrilleiros, o Grupo Neira, maioritariamente anarquistas, que ocupaban de Cabanas a Ortegal e que suporía a base, no ano 1944, da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG).

Na partida de José Neira estiveron: Juan Barcia Ferreiro, o Rato; Eugenio Bernal Pérez; Evaristo Candelas Pérez, o Evaristo, Ángel Franco; Amando Carro Pérez; Gregorio Dopico Fernández, Bolichero, Yoyo; Ceferino Fernández Formoso e o seu irmán José Fernández Formoso; José-Antonio Franco Basanta, o Caudillo, o Manchego; os irmáns Alberto Franco Lamela, Manuel Franco Lamela, Remigio Franco Lamela e Teodoro Franco Lamela; Francisco Gómez Núñez, Trotski, Penabad; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Eusebio González Pedreira, Juan, Juanito Amá; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, o Tizón, Caudillo; Jesús Iglesias Vázquez, o Muros, o Pichel; Vicente Lage Fernández, o Chicharro; Jesús Lavandeira Pérez, Ladrillo, Dapena; Antonio Molíns Valls, o Noi, o Catalán; Amandino Neira Fernández; José Neira Fernández, o Neira; Antonio Paleo Saavedra; Demófilo Pedreira Rumbo, Nene; Francisco Pintado Pérez; Plácido Rivera Cociña, Plácido; Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín, Asturiano, Chispas, e Modesto Vilar Insua, Modesto da Americana.

O Grupo comeza a súa existencia no verán de 1936 en que se botan ao monte para fuxir da represión.

Xulgado en consello de guerra en Lugo polo delito de rebelión militar, na causa 659/39, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 15/09/1942.

Neste xuízo condenaron a prisión temporal a Demetrio Alonso González; declararon fuxidos a: Evaristo Candelas Pérez, José Castro Soto, Ramón Domínguez Gándara, José Fernández Formoso, Antonio Molins Valls, José Neira Fernández, Antonio Otero Rodríguez e Luis-María Trigo Chao. Tamén procesaron a: Ceferino Fernández Formoso, Enrique Fernández González, Amandino Neira Fernández e Leandro Sánchez Iglesias.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Ferrol (A Coruña) na causa 459/40 polo delito de atraco a man armada.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Ferrol polo delito de adhesión á rebelión, na causa 473/40, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía.

Xulgado en consello de guerra en Ferrol na causa 896/39 polo delito de rebelión militar.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de atraco e roubo, na causa 156/41, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 09/05/1941.

Xulgado en consello de guerra en Ferrol na causa 793/41 polo delito de atraco a man armada.

Xulgado en consello de guerra en Ferrol na causa 804/41 polo delito de auxilio á rebelión.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Ferrol na causa 429/42 polo delito de atraco a man armada.

En outubro de 1942 este grupo executa a José Fortúnez Beceiro e a José Mosquera Carro en Xuvia, Santa María de Neda, Neda (A Coruña).

Xulgado en consello de guerra en Lugo polos asasinatos de José Fortunez Beceiro e José Mosquera Carro, na causa 531/42.

Procesaron por estes axustizamentos, entre outras moitas persoas, a: Eugenio Bernal Pérez, Francisco Gómez Núñez, Jesús-María Iglesias Escourido, Josefa Iglesias Escourido, María Montouto Bastida, José Neira Fernández, Demófilo Pedreira Rumbo e Antonio Polo Iglesias.

Dominaron desde Ferrol ata Viveiro e chegaron a Cee, Vimianzo e O Pindo. Das tácticas defensivas, pasaron ao ataque. Destacan polas construcións de campamentos soterrados, tanto no campo, como anexos ás casas dos colaboradores. Infiltran xente na administración inimiga e entre outras forzas vivas reaccionarias. Pasan de ser unhas 15 persoas en 1940 a case que 50 en 1943.

A primeira baixa do grupo foi a de Amandino, o día 01/06/1939, por mor de disparos da Garda Civil. O grupo destaca pola execución de significados membros da Igrexa e da Falanxe. Asaltan bancos e negocios. Ceferino Fernández Formoso morre o día 29/12/1940 nun asalto a José Gómez Bello, que tamén morre.

O día 08/02/1943 morre nun enfrontamento José Fernández Formoso. Pouco despois prenden a Eugenio Bernal Pérez en Ferrol; Trancas e O Noi conseguen escapar desa trampa.

O día 10/01/1944 a Garda Civil executa a José-Antonio Caneiro, de 53 anos, por suposta colaboración co Grupo Neira.

Houbo momentos nos que decidiron escapar do país, e Neira e outro compañeiro viaxaron a Ferrol para conseguir cartos que financiaran a viaxe de fuxida; Neira non volveu. Dise que a José Neira asasinárono por orde dos stalinistas, que non querían anarquistas dirixindo as súas agrupacións.

Neira desaparece en 1944, sen saberse do seu paradoiro; semella que o executou outro compañeiro por orde de Marrofer. Substituíuno Marcelino Rodríguez Fernández e isto da paso ao control da guerrilla polo PCE. Eugenio González Pedreira lembra que Neira e José Castro desprazáranse a Ferrol na procura de cartos; alí separáronse e, logo, só volveu José Castro.

O día 11/05/1948, a Vicente Lamigueiro Luaces e a José Tojeiro González executounos a Garda Civil en Casares, Cerdido (A Coruña) por suposta colaboración co Grupo Neira.

Algunhas fontes sinalan que foi o propio Jose Castro o que o fixo desaparecer; Castro era militante do PCE cando este partido quixo controlar o movemento guerrilleiro. Á fin, o comunista Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, controlou a guerrilla.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.