Nacemento:
Morte:
Viaxante de comercio, 37 anos. Veciño de Lérez. Irmán de Faustino Gama Casalderrey, paseado, e de Manuel Gama Casalderrey, encarcerado; á súa irmá Custodia Gama Casalderrey tamén a encarceraron.
Co seu irmán Faustino dirixiu a Federación Cultural Deportiva Obreira de España en Pontevedra, promovendo atletas para a Olimpíada Popular de Barcelona.
Membro do Socorro Rojo Internacional (SRI).
Participou como orador do PCE na campaña electoral de febreiro de 1936.
Encarcerado. Exiliado.
Nos días anteriores ao golpe dos militares rebeldes elixírono, co seu irmán Faustino, Alejandro Bóveda Iglesias e demais dirixentes republicanos como compoñente das milicias antifascistas, que estaban baixo as ordes do dentista Jacobo Zbarsky Kúper e co obxectivo de defender o Goberno Civil de Pontevedra dos ataques dos militares sublevados.
A Alejandro e a Faustino acusáronos de pertencer ás milicias e, despois do asasinato do seu irmán Faustino Gama Casalderrey, paseado o día 20/12/1936, Alejandro fuxiu o día 29, permanecendo agochado varios anos polos montes de Lérez e axudado polos veciños. Tamén pasou tempo oculto nas casas dos seus familiares.
Entregouse ás autoridades militares de Pontevedra.
Xulgárono e condenárono a 20 anos de cadea, conmutados por tres; en outubro de 1945 indultárono.
Permaneceu lonxe da política para recuperarse da tuberculose, que collera nos anos que se mantivo agochado. Diante da presión e a imposibilidade de refacer unha vida normal, cos represores molestándoo e preméndoo, en 1946 pasou a formar parte da organización clandestina do PCE e recomendáronlle desprazarse cara a Coruña.
Despois das detencións de María Pérez Mellid, dona de Foucellas, e da muller de Manuel Pena Camino na Coruña e de Carmen Balboa López en Santiago de Compostela en marzo de 1946, a organización do Llano na Coruña quedou desmantelada e coa detención de Manuel-Luis Bello Parga, Manolito Bello, aínda caerían nas mans da Policía Armada e da Garda Civil máis compoñentes da organización.
Trasladouse á Coruña, porque en Pontevedra era moi coñecido, con instrucións para reorganizar o PCE na cidade herculina, onde se camuflou como viaxante de calzado da zapatería Siboney. Contou coa axuda de Emilio Villar Villar, mecánico e socialista, e de Rogelio González Suárez, de Salcedo, e ao que coñecía de Pontevedra, do Sindicato de Carpinteiros. Mantivo contactos con novos enlaces e colaboradores para formar células na cidade e na Fábrica de Armas. Alejandro recibía, a través de Diego Romero Jiménez, Blanco, exemplares de Mundo Obrero, Galicia e El Guerrillero. Creou o Comité Provincial do partido e foi secretario de organización.
Despois da caída do aparato comunista na cidade coruñesa, Alejandro recibiu apoio e aloxamento por parte de Timoteo Blanco Abal.
Detido con outros 14 compañeiros en xaneiro de 1947, despois da anterior detención de Ángel-Julio Ojén Rodríguez e uns días antes dun partido internacional en Riazor entre o Real Club Deportivo e o San Lorenzo de Almagro do día 26/01/1947, onde pensaban lanzar panfletos contra o Réxime. Sucédese unha caída en cadea de militantes da organización, posiblemente polos datos que se veu na obriga de facilitar nas dolorosas torturas as que o someteron. Entre outras persoas, tivo que delatar aos seus compañeiros do PCE de Ferrol Benigno Fraga Pita e Carlos Allegue Caruncho que fuxiron ao monte. Tamén se anulou a célula da Fábrica de Armas da que era responsable José Otero González.
Cae ou tírase polas escaleiras desde o quinto piso da Comisaría da Policía Armada na madrugada do 24 de xaneiro. A versión oficial é a de intento de suicidio; outros afirman que o tiraron. Atendido de múltiples lesións na Casa de Socorro.
O día 01/02/1947 puxérono á disposición da Autoridade Militar.
Xulgado nun consello de guerra sumarísimo no salón de actos da Agrupación de Sanidade Militar da Coruña o día 30/07/1947, xunto con outras 55 persoas detidas entre finais de 1946 e primeiros de 1947, na causa 36/47, acusados de pertencer ao PCE, de relación coa guerrilla e de dirixir os actos deste brazo armado, de organización política ilegal e de reparto de propaganda subversiva.
No sinalado xuízo condenaron a cadea perpetua a: Alejandro Gama Casalderrey e Ramón Seoane Suárez; pena de 15 anos de cadea para José Pol Loriga; condenaron tamén a prisión dun ano a Timoteo Blanco Abal; castigaron á cadea a Rogelio González Suárez. Procesaron tamén, entre outras persoas, a: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Carlos Allegue Caruncho, Juan Añón Santos, Darío Caramés Bermúdez, Ángel Chamorro Castro, Benigno Fraga Pita, Agustín González Aneiros, David Lázaro Fernández, Ángel Leira Piñeiro, Juan López Iglesias, Manuel Martínez Martínez, José Méndez Méndez, Antonio Naya Regueira, José Otero González, Severino Pan Cupeiro, Francisco-Andrés Pol Loriga, Eduardo Rodríguez Paz, Antonio Vidal Vilas e Emilio Villar Villar.
Pasou máis de 13 anos na Prisión Central de Burgos. Coa liberdade marchou para o estranxeiro.
Unha vítima máis das decenas e decenas de homes e mulleres que sufriron as iras do seu tempo e dun sistema totalitario, que fixo de Galicia e de España un cárcere amurallado e un patíbulo permanente. Era o drama da derrota, da persecución e a represión franquista.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.