Nacemento:
Morte:
Militar, 58 anos. Casou con Concepción Issac Herrero; tiveron sete fillos. Veciños de Madrid. Ingresou na Academia de Infantería de Toledo en 1896; tenente en 1900, capitán en 1907, comandante en 1910 por méritos de guerra, tenente coronel en 1918 e coronel en 1915. Veterano da Guerra de Marrocos, onde obtivo varios ascensos e dirixiu varias unidades.
En agosto de 1932, na II República, ascendeu a xeneral de brigada e encomendóuselle a 2ª Brigada de Infantería, en Badaxoz, que dependía da I División Orgánica con sede en Madrid. A finais de 1933 destinárono á 1ª Brigada de Infantería na capital de España.
Era un militar conservador e militou na dereitista Unión Militar Española (UME).
En 1935, cando era ministro de Guerra José-María Gil-Robles Quiñones, destituírono e castigárono cun destino en Lleida; acusárono da mala presentación en desfile das brigadas ao seu mando.
En febreiro de 1936 Manuel Azaña Díaz designouno ministro de Guerra, cando non puido contar con Carlos Masquelet Lacaci. Miaja desenvolveu pouco tempo este cargo. Volveu á 1ª Brigada de Infantería e, de xeito accidental, ocupou a xefatura da I División Orgánica en substitución de Virgilio Cabanellas Ferrer.
Membro dunha loxa masónica.
Sancionado. Exiliado.
Cando se produce o golpe dos rebeldes seguía á fronte da 1ª Brigada de Infantería e algúns dos seus subordinados aliñáronse cos sublevados. Miaja non adoptou unha posición clara pola indecisión dos sublevados en Madrid; ao final decidiu manterse leal á República. Nomeárono de novo ministro de Guerra no fugaz Goberno de Diego Martínez Barrio. Cando José Giral Pereira se fixo cargo do gabinete, Miaja presentou a dimisión.
O día 25/07/1936 designárono xefe de operacións do Sur, desenvolvendo un desastroso enfrontamento en Córdoba. Despois deste desastre, que xerou dúbidas pola súa actuación, trasladárono a Valencia como comandante temporal da III División Orgánica e o día 16/08/1936 substituía na cidade do Turia ao xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy.
A finais de outubro de 1936 volveu a Madrid como comandante da I División Orgánica, substituíndo a Sebastián Pozas Perea o día 23/10/1936. Cando en novembro o executivo abandonou a capital cara Valencia, Miaja queda como presidente da Xunta de Defensa de Madrid, na que contaba como comisario político con Francisco Antón Sanz. Moitos pensaban que non podería defender Madrid fronte a Lexión e os africanos, pero os militares e milicianos ao seu mando detiveron aos sublevados no Manzanares. Cando a situación era máis caótica poñíase á fronte das súas filas para arengar aos defensores e conseguiu reverter unha situación desesperada.
Finalmente Madrid logrou salvarse e Miaja recibiu moitos recoñecementos do pobo. Moitos autores recoñecen que a presencia de Miaja evitou a caída da capital; outros pensan que o mérito e do seu xefe de Estado Maior, o tenente coronel Vicente Rojo Lluch. Estas fazañas achegárono aos comunistas e algúns pensan que chegou a ser militante do PCE.
En febreiro de 1937 é comandante do Exército do Centro e convertese nun dos militares máis destacados dos republicanos, loitando no Jarama, Guadalaxara e Brunete. Certas indecisións na batalla de Brunete, pola súa lentitude na toma de certas decisións no momento de producirse o contraataque golpista, volverían a poñelo en dúbida. Tamén tivo problemas na fronte de Aragón, na primavera de 1938, cando rechazou que ás forzas ao seu mando as enviaran á fronte.
En abril de 1938 nomeárono comandante do recentemente creado Grupo de Exércitos da Rexión Central (GERC) pero conforme a situación republicana ía esmorecendo, Miaja tomou unha actitude cada vez máis obstrucionista e en decembro de 1938 opúxose ao "Plan P", unha ofensiva cara a fronteira portuguesa co obxectivo de dividir en dúas zonas aos rebeldes. Logo do fracaso da ofensiva de Valsequillo e a caída de Cataluña, ensombreceuse moito máis a situación militar republicana.
Con data do 16/02/1939 varios mandos militares, entre os que se atopaban os xenerais Miaja, Antonio Escobar Huerta, Manuel Matallana Gómez (xefe do Estado Maior de Miaja), Leopoldo Menéndez López, Domingo Moriones Larraga e o coronel Segismundo Casado López, reuníronse co presidente do Goberno Juan Negrín López no aeródromo de Los Llanos (Albacete). Moitos expuxeron a necesidade de poñer fin a guerra e Miaja, para sorpresa de todos, mantivo seguir resistindo a toda costa. Era coñecedor de varias conspiracións militares contra o executivo republicano, do que non informou. Con todo, ascendérono a tenente xeneral a finais de febreiro de 1939.
O día 05/03/1939, baixo o falso pretexto de que Negrín planeaba a toma do poder en unión do PCE e de que Francisco Franco Bahamonde non quería negociar pola presenza dos comunistas no Goberno, Segismundo Casado conduciu un golpe de Estado contra do Goberno republicano. Creou o Consello de Defensa Nacional (CDN), que presidiu José Miaja e do que tamén formaba parte o ex-presidente Julián Besteiro Fernández. O executivo de Negrín decidiu pasar de Valencia a Francia, diante do temor de ser capturados polos "casadistas". En Madrid mobilizáronse os comunistas, aos que derrotaron, e Casado tomou o control da capital. O CDN quixo negociar con Franco a capitulación, pero sen resultados; só se aceptaba a rendición incondicional e, a finais de marzo, os franquistas tomaron Madrid sen resistencia.
Miguel Primo de Rivera Sáenz de Heredia permanecía na prisión, incomunicado, ata que o día 09/03/1939, trocárono polo fillo do xeneral republicano José Miaja, o capitán Miaja, que se atopaba nun campo de concentración en poder dos sublevados desde comezos da contenda.
Diante do afundimento da República, o día 29/03/1939 pasou en avión de Rabasa (Alacante) a Orán (Alxeria), de alí a Francia e despois a México; acompañábano a muller, os seus fillos, dous militares axudantes de campo e o seu sobriño Fernando Rodríguez Miaja, que era o seu secretario.
O Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas confiscoulle as súas propiedades no Marrocos español e sancionaron cunha multa dun millón de pesetas á súa dona.
Segundo algunhas fontes as súas capacidades bélicas foron deostadas por moitos compañeiros de armas de un e outro bando; algunhas persoas considérano un traidor á República e os golpistas como un molesto rival. Outros sinalan que sin el nas liñas republicanas e na defensa de Madrid a guerra civil tería rematado no ano 1936.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.