Nacemento:
Morte:
Casada co pedreiro, serrador e peón da construción Rafael Freire Lamas, quen casaba en segundas nupcias despois de quedar viúvo en 1915; tiveron sete fillos e unha filla: Arturo Freire Barcia, Evaristo, Balbina, Juan Freire Barcia, José Freire Barcia, Manuel, Antonio e Francisco Freire Barcia.
Pasaron a vivir na Cernada, Santa María do Deveso, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) no ano 1932, onde naceron Antonio e Francisco. Vivían na extrema humildade.
Diferenzas co cura fixeron que Rafael non bautizase aos seus últimos fillos; seguiu asistindo á misa, pero noutra parroquia. O seu home era amigo de Matías Usero Rey-Torrente, escritor republicano e masón, que se reuniu con Rafael en varias ocasión na casa da Cernada; a Matías paseárono. Rafael ingresou na Fraternidad Rosacruz, da que tiña moitos libros, cartas e leccións que logo, coa sublevación militar, tivo que queimar.
Vítima colateral.
Ao comezo da guerra civil os sublevados mobilizaron o seu fillo Arturo. Durante o conflito axudaron a moitos fuxidos, acubillándoos e alimentándoos a pesares da carencia de recursos. Construíron un caseto preto da casa para agochalos. A Garda Civil molestábaos continuamente porque Rafael era de ideas republicanas, aínda que nunca militara.
Despois da guerra civil seguiron a axudar aos escapados; subían ao monte a levarlles comida ou eles baixaban á súa casa, xa que o refuxio estaba preto do muíño.
Pola súa casa pasaron Amador Barcia Fernández, Xicos, e outros veciños de Amador; cando chegaban, ao pequeno Francisco mandábano para a cama. En 1945 chegaron á casa dous guerrilleiros cos que a familia non tiña relación Ramón Fraga Couceiro, Parará, e Manuel Rodríguez Suárez, o Asturiano, que andaban a buscar cartos para pagar un barco para fuxir.
Os guerrilleiros descansaban moitas noites na adega da casa e cando marchaban deixábanlles algúns cartos ao ver a miseria na que vivían; avisaban de que chegaban tirando unhas pedras á xanela de Evaristo. Así coñeceron a Francisco Rey Balbís, Moncho, que adoutrinou aos Freire Barcia; a Rafael non lle gustaba por arrogante e mala persoa. Tamén fixeron noites alí Francisco Martínez Leira, Pancho; Benigno Andrade García, Foucellas; María dos Remedios Gallego Abeledo, Marita, Lina dos Buzos; José-Antonio Castro López, Tucho (compañeiro de Josefa Gallego Abeledo, Fina dos Buzos). Arturo Freire Barcia non estaba moi de acordo con eles polas imposicións que facían sobre as familias para pedirlles axuda.
A finais de 1948 a guerrilla decidiu construír unha base preto da Cernada; alí pasaban moito tempo os que tiñan menos mobilidade como Marcos Paradela Barros, o Coxo de Paradela; Tucho (que padecía do corazón), Fina e Marita dos Buzos. A elección do lugar do refuxio correu a cargo de Juan Freire Barcia, Tucho, e Rosendo Sar Lantes, Rosendo de Alvedro; prepararon un espazo camuflado baixo un monte de toxos altos e preto do río. As obras correron a cargo Juan Freire, Tucho e Benigno Andrade García, Foucellas, que tiña boa man para estas cousas. Tamén pasou por alí Melchor Díaz, Pepito, Diego, que durmiu unha noite na casa. No refuxio, en algún momento chegou a haber 20 persoas e nel tiveron lugar reunións importantes. Juan e José frecuentaban o refuxio e intimaron cos guerrilleiros.
O tenente da Garda Civil das Pontes de García Rodríguez comezou a ameazalos e decidiron desmantelar o refuxio e a fuxida en breve tempo. Os sus fillos Juan Freire Barcia e José Freire Barcia, con Juan Gabeiras Barro e José Seijo marcharon con eles unha noite de maio de 1949. Rafael e Peregrina non volveron ver con vida estes dous fillos.
O día 31/10/1949 chamaron a Peregrina e a Rafael e ao seu fillo Arturo Freire Barcia para que acudiran a Pazos, San Fiz de Monfero, Monfero (A Coruña), onde se ía producir o enfrontamento de sete guerrilleiros, entre eles o seu fillo Juan, coa Garda Civil e no que morreron os sete fuxidos. Rafael, Peregrina e Arturo tiveron que identificar a Juan.
Naquela identificación tamén estaba Encarnación Gabeiras Barro, á que obrigaron a identificar a un dos corpos como o do seu fillo Juan Gabeiras Barro, aínda que os corpos aparecían desfigurados. Encarnación estaba no convencemento de que aquel non era o seu fillo Juan.
En 1957 a Rafael e a Peregrina desafiuzáronos da casa da Cernada e marcharon vivir a Filgueiras. En 1963 morreu Peregrina e en 1964 Rafael, na casa do su fillo Francisco, o máis novo.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.