← Volver atrás

Barcia Fernández, Amador

Alcume: Xicos
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Exiliado. Encarcerado

Nacemento:

Os Xicos, San Vicente de Regoela, Cabanas
(A Coruña)
- 12/04/1913 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 23/02/2007 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Tiña 23 anos. Casado con Maruja Vilar Pereira e cuñado de Alfonso Vilar Pereira e Higinio Vilar Pereira. Era irmán de Olimpia Barcia Fernández, que con outras mulleres da zona sufriu malleiras da Garda Civil para que delatasen o agocho dos fuxidos.

Amador, cos Zacotos, ía aos mitins da Fronte Popular (FP).

Fuxido. Exiliado. Encarcerado.

O día 18 de xullo foi un dos que se presentou no Concello de Cabanas e logo requisou armas, cos de Mugardos, no Pazo de Piñeiro. Tamén o acusaron de ser dos que cortaran árbores en San Mamede de Laraxe, Cabanas, para impedir o paso das tropas rebeldes cara Pontedeume (A Coruña); Amador non estivera implicado nestas sabotaxes.

Por mor destas acusacións, nos primeiros días do golpe dos rebeldes prendérono e foi quen de fuxir ao monte, o día 05/09/1936, con Evaristo Eive Vilar, concelleiro de Cabanas, co que logo fuxiría a Francia no Santa Teresa; a tres compañeiros que prenderan con eles asasináronos.

Formou parte do grupo de escapados de Soaserra, onde coincidiu co seu cuñado, Manuel Piñeiro Antón, Manolo do Menor, e co curmán deste, Álvaro Puentes Antón, o Coxo do Menor.

Denunciouno o veciño de Regoela, o falanxista Santiago García Rodeiro. Detido na noite do día 4 ao 5 de setembro de 1936, con varios compañeiros, cando se achegaran á casa da súa avoa, Francisca Pereira, nos Xicos. Alí congregáronse Amador Barcia Fernández, Xicos; Arturo Pereira López e Juan Pereira López, Jesús Bouza Pereira, Baltasar López Ardao, Baltasar de Zacotos, e Joaquín Torres Sas, o Soldado.

Os falanxistas tiñan rodeada a casa, agochados nun alpendre; ao descubrilos, Baltasar saíu correndo e matárono; ao resto prendéronos. Antes do amencer saíron cara Santiago de Sillobre, Fene (A Coruña). A altura de San Marcos, Amador sacou unha navalla que levaba no peto, liberouse das ataduras e conseguiu saltar do camión que os levaba ao cemiterio de Sillobre, onde ían ser fusilados. Conseguiu liberar a Torres e a Arturo Pereira; Arturo, ao ver que o seu irmán Juan seguía amarrado, dubidou e volveron prendelo. Amador e Torres fuxiron cada un polo seu lado; Joaquín Torres acadou o río Belelle e agochouse; Amador fuxiu da zona. A Jesús Bouza, Arturo Pereira e Juan Pereira executáronos no dito cemiterio.

Formou con veciños e familiares da súa parroquia un dos primeiros grupos de guerrilleiros, actuando na zona de Pontedeume (A Coruña) ata o ano 1946. Moitas veces escondeuse na Cernada, Santa María do Deveso, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), na casa de Rafael Freire Lamas, pai dos Freire Barcia.

En 1946 este grupo pasou a ser o Destacamento Eive-Carbón, do que Francisco Barcia Martínez foi xefe militar e Vicente Peña Terrassa o comisario político.

Por este destacamento pasaron:  Amador Barcia Fernández, Xicos; Francisco Barcia Martínez, Paco da Casanova; José-Antonio Castro López, Tucho; Perfecto Castro Martínez, Tereso; José Felpeto Gómez; José-Antonio López Jaspe, Antonio, Marinero, o Antoñito; Manuel Pena Camino, Flores, Dios; Vicente Peña Terrassa, Pedro Borrás; Segundo Vilaboy Martínez e José Vilariño Fernández, Arturo, Pepón, Pepiño.

Fuxido ás tres da mañá na evasión do Santa Teresa, na noite do 12 ao 13 de decembro de 1946, con fuxidos do norte de Lugo e da comarca do Eume. Eran persoas do PCE que fuxían ao ver que os aliados xa non ían atacar a Francisco Franco Bahamonde e escapaban sen a autorización da dirección da guerrilla. Despois de mercar o barco por 60.000 pesetas, embarcaron na praia de Abrela, Santa María de Suegos, O Vicedo (Lugo), chegando a Baiona (Nova Aquitania, Francia) o día 20/12/1946. Trasladáronos ao campo de concentración de Mérignac (Nova Aquitania, Francia).

Entre os fuxidos estaban: Amador Barcia Fernández, Evaristo Candelas Pérez, Ramón Chaves Albo, Evaristo Eive Vilar, José-Antonio Franco Basanta, Francisco Gómez Núñez, Eusebio González Pedreira, Vicente Lage Fernández, Antonio Molíns Valls, Victoriano Mosquera, Antonio Paleo Saavedra (organizador), Laureano Pérez Rubiños (dono do barco), Evangelina Pigueiras (parella de Molíns Valls), Manuel Piñeiro Antón, José Soto, Manuel Vilar Pazos, Antonio Vilar Pereira, Higinio Vilar Pereira, Domingo Villar Torres e Ramón Vizoso. Tamén ía Dolores Fernández, Lola, compañeira de Evaristo Candelas.

Amador non volveu a España ata despois da morte do ditador.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.