← Volver atrás

Rivera Cociña, Plácido

Alcume: Plácido
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado

Nacemento:

Santa María de Galdo, Viveiro
(Lugo)
- 01/01/1910 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

lugar descoñecido

Biografía

Labrego, mineiro e político, 26 anos. Solteiro. Veciño de Galdo.

Militante da CNT. Alcalde pedáneo de Galdo.

Encarcerado.

Despois do golpe de Estado foi un dos organizadores, no local da CNT, da resistencia contra os rebeldes e responsable dunha columna de milicianos que partiron de Viveiro cara A Coruña.

Detido e ingresado no depósito de Viveiro o día 25/03/1940 e trasladado á Prisión Provincial de Lugo.

Xulgado en consello de guerra en Lugo no ano 1940 polo delito de auxilio á rebelión, na causa 353/37, co resultado de sentenza a 12 anos de prisión.

No xuízo acadáronse as seguintes sentenzas: 20 anos de prisión para Vicente Sierra Salgueiro; a 15 anos condenaron a Jesús Iglesias Vázquez; condenas de 12 anos para Luis Albo García, Mariano Pérez Prieto, Pedro Rego Rodríguez, Plácido Rivera Cociña e Daniel Rodríguez Rodríguez; sentenzas de absolución para Antonio Alfonso González e Francisco-Celestino Parapar Díaz; declararon fuxidos a Manuel Lamelas Fernández, Claudio Quelle Cociña e Manuel Rodríguez Lago.

Pena ordinaria conmutada pola comisión de exame de penas de Lugo.

Abríronlle un expediente por responsabilidades políticas no ano 1941.

Enviado ao cárcere de Sevilla o día 25/09/1941.

A principios dos anos corenta era membro do Grupo Neira, que dirixía José Neira Fernández, o Neira, grupo que se formou no verán de 1936 e no que se integraban varios republicanos que fuxiran ao monte para escapar da represión dos sublevados.

Na partida de José Neira estiveron: Juan Barcia Ferreiro, o Rato; Eugenio Bernal Pérez; Evaristo Candelas Pérez, o Evaristo, Ángel Franco; Amando Carro Pérez; Gregorio Dopico Fernández, Bolichero, Yoyo; Ceferino Fernández Formoso e o seu irmán José Fernández Formoso; José-Antonio Franco Basanta, o Caudillo, o Manchego; os irmáns Alberto Franco Lamela, Manuel Franco Lamela, Remigio Franco Lamela e Teodoro Franco Lamela; Francisco Gómez Núñez, Trotski, Penabad; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Eusebio González Pedreira, Juan, Juanito Amá; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, o Tizón, Caudillo; Jesús Iglesias Vázquez, o Muros, o Pichel; Vicente Lage Fernández, o Chicharro; Jesús Lavandeira Pérez, Ladrillo, Dapena; Antonio Molíns Valls, o Noi, o Catalán; Amandino Neira Fernández; José Neira Fernández, o Neira; Antonio Paleo Saavedra; Demófilo Pedreira Rumbo, Nene; Francisco Pintado Pérez; Plácido Rivera Cociña, Plácido; Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín, Asturiano, Chispas, e Modesto Vilar Insua, Modesto da Americana.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo polo delito de atraco a man armada, na causa 409/44, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 29/09/1944.

Tamén o procesaron en Lugo na causa 386/45 e na causa 402/45; nesta última condenárono a seis meses de arresto maior segundo resolución do día 07/11/1945.

Logo integrouse no grupo de Leonardo Gómez Pérez, Trancas, da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) na zona de Lugo.

Despois da morte de José Vázquez Gómez, Ubaldo, en novembro de 1947, no mes de decembro prodúcese unha reorganización en dous grupos guerrilleiros. Plácido pasa ao grupo que dirixe José Temblás Paz, Temblás, e no que figuran, entre outras persoas: Manuel Insua e Benedicto Escourido Cobo.

Procesado unha vez máis en Lugo por bandoleirismo na causa 616/48. Tamén o enxuizaron na causa 339/49.

Aínda que ao remate dos anos da guerrilla desertou para entregarse, era incapaz de abandonar un compañeiro nos momentos de perigo.

Xulgado no Tribunal Militar Territorial de Lugo na causa 64/50 por relación con bandoleiros.

Presentouse ás autoridades franquistas o día 04/11/1951, xulgárono e condenárono a cadea.

Preso na Colonia Penitenciaria de El Dueso, Santoña (Cantabria) e posto en liberdade provisoria en 1959.

Procesárono no Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas da Coruña e indultárono no ano 1961.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.