← Volver atrás

González Martínez, Juan

Alcume: Perucho, Pinocho
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Encarcerado. Fuxido. Axustizado

Nacemento:

San Pedro de Grandal, Vilarmaior
(A Coruña)
- 01/01/1919 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Pazos, San Fiz de Monfero, Monfero
(A Coruña)
- 01/01/1949 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Tipógrafo e electricista nos estaleiros, 17 anos. Veciño de Pontedeume. Mariño da Armada, mariñeiro pola súa quinta, mariñeiro electricista na dotación do acoirazado Jaime I.

Militante do PCE.

Encarcerado. Fuxido. Axustizado.

Despois do golpe militar detivérono en Pontedeume (A Coruña), onde estaba de permiso.

Xulgado o día 01/10/1936 en Ferrol (A Coruña) en dúas causas: a primeira por desobediencia e insultos e co resultado de sentenza a seis anos de prisión (desobediencia) e dous anos (insultos); a segunda polo delito de rebelión militar e co resultado de sentenza a 12 anos de prisión.

Puxérono en liberdade condicional o 12/08/1941.

A dotación do Jaime I sofre as seguintes represalias dos franquistas:

Condenaron á pena de morte e executaron a: o cabo fogueiro Cipriano Espada Penedo, 36 anos, e os mariñeiros Antonio Arozamena Ruiz, 24 anos, e Feliciano Méndez López, 22 anos.

Sufriron condena a cadea perpetua: o cabo de artillería Pedro Aguado Sánchez, 29 anos, e os mariñeiros José Aulet Cestal, 24 anos; Francisco Moure Pereira, 23 anos, e Enrique Pousa Aldao, 23 anos.

Pena de 12 anos e un día: o maquinista Alfonso-J. Chao García, 27 anos, e o cabo de artillería Juan Míguez Rey, 26 anos.

Condenaron á pena de dez anos de cadea ao mariñeiro Edelmiro Casal García, 21 anos.

Penas de seis anos de cárcere: o enxeñeiro Juan Guerra Bermúdez, 28 anos; os cabos de mariñeiría Fernando Piñeiro Carballido, 24 anos, e Juan Serantes García, 29 anos; o fogueiro Ignacio Toimil Corral, 39 anos; o auxiliar de artillería José Rey Sequeiros, 30 anos, e o mariñeiro José Mosquera Durán, 28 anos.

Ao mariñeiro José López Vilela, 26 anos, castigárono a un ano.

Declararon fuxidos: os cabos Andrés Aneiros Sardiña, 25 anos, e Manuel Bastida Franco, 24 anos; os fogueiros Salustiano Davila Lampón, 21 anos, e Argemino Pillo Teijeiro, 29 anos; o artilleiro Daniel-Bernardino Pazó Vila, 23 anos, e os mariñeiros Benito Diz Rivas, 20 anos; Manuel Fernández Soto, 34 anos; Juan González Martínez, 19 anos; Evaristo Lareo Muíños, 22 anos; Joaquín Martínez Buceta, 20 anos; José Martínez Mariño, 21 anos; Ángel Mijón Durán, 24 anos; Elías-José Mouriño Penas, 24 anos; José Núñez Edreira, 20 anos; Sebastián Rea Montes, 21 anos; Carlos Romero Rebón, 25 anos, e José Sanisidro Rañó, 24 anos.

Deste acoirazado estiveron tamén na cadea: o buzo Juan Chao Pereira, 27 anos; o 3º maquinista José-María Díaz Santé, 33 anos, e o mariñeiro Manuel Freire Romalde, 22 anos.

Para máis de 50 tripulantes entre maquinistas, cabos, fogueiros, mecánicos e mariñeiros, ditouse auto de revogación do procesamento e puxéronos en liberdade.

Juan González Martínez, Perucho, constituíu en Ferrol o Comité Comarcal da Unión Nacional Española (UNE), que dirixiu co mallorquino Vicente Peña Terrassa, Pedro Borrás, ex-condestable da Armada; Horacio Pozo Lozano, de Ferrol, era secretario de organización; Gerardo López Chas, secretario de propaganda; Víctor Martínez, secretario sindical e Genaro Fernández, secretario de xuventude. O seu principal labor era o de axudar aos presos. Prendérono o 28/06/1944 e excarcerárono da Prisión Provincial da Coruña o día 14/07/1944; arrestárono outra vez ao día seguinte e saíu da cadea o 22/12/1944.

Foxe ao monte despois da redada contra os comunistas de febreiro de 1946 e para evitar unha nova detención.

Uniuse ao Destacamento Arturo Cortizas da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), que comandaba Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche.

Neste destacamento estiveron, entre outras persoas: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche; Rogelio Alonso Corral; Benigno Andrade García, Foucellas; José Chao Rouco, o Benita; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Gallego Abeledo, Juan dos Buzos, Comandante; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Manuel Gómez Varela, Fera Brava, Manolo do Penso; Juan González Martínez, Perucho, Pinocho; Antonio López Arias, Canín; Francisco Martínez Leira, Pancho; José Remuiñán Barreiro, Ricardito, Simeón; Rosendo Sar Lantes, Rosendo de Alvedro, e José Temblás Paz, Temblás.

Semella que foi quen asasinou, nun atraco en Santa María de Doroña, Vilarmaior (A Coruña), a Pedro Maceira Varela, contra do pensar de Riqueche.

A súa vida volveuse contraditoria desde entón.

González Vidal considera que o depuraron os seus propios compañeiros por traizón.

Bernardo Máiz di que unhas versións dano por morto nun enfrontamento coa Garda Civil e outras de que o depuraron no ano 1949.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.