← Volver atrás

Temblás Paz, José

Alcume: Temblás
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Encarcerado. Morte en enfrontamento

Nacemento:

Santa Eulalia de Merille, Ourol
(Lugo)
- 01/01/1912 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Pazos, San Fiz de Monfero, Monfero
(A Coruña)
- 31/10/1949 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Carpinteiro, viaxante de camisería e político, 24 anos. Solteiro. Veciño de Merille. Irmán de Alejandro Temblás Paz, que morreu o día 20/04/1938, logo de resultar ferido cando fuxía dunha casa do Candedo, Santa María de Ourol, onde asasinaron ás tres Casabella Fernández.

Dirixente do PCE e vogal fundador da Sociedade Labrega Liga Agropecuaria de Agricultores.

Fuxido. Encarcerado. Morte en enfrontamento.

Despois do triunfo da sublevación militar agachouse nunha casa do barrio da Leborada, Merille, despois de que o declaran en rebeldía; máis tarde ocultouse no monte e ingresou unha partida de fuxidos.

Xulgado en consello de guerra en Lugo o día 16/01/1937 polo delito de rebelión militar, na causa 801/36, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía segundo resolución do día 21/01/1937. Neste proceso xulgaron a varios veciños de Láncara, Muras, Ourol e Viveiro, todos na provincia de Lugo.

A correspondente sentenza ditou pena de morte para: Jesús Bellas Cao (xulgado en varias causas), José Felpeto Gómez (conmutada pola de cadea perpetua) e Antonio Lafuente Jiménez. A cadea perpetua castigaron a: Antonio Baamonde Carreiras, Luis-Enrique Baamonde Peón, Antonio-María Carreiras Pita, Jesús Fernández Fernández, Jesús Guzmán Carreiras, José-María Pérez Rego, José Prado Palo e Francisco Vidal Baamonde. Cadea de 12 anos e un día para Francisco Cora García e Alejandro Temblás Paz. Tamén condenaron a prisión a Modesto Riguera Díaz. O auto declarou fuxido a José Temblás Paz.

Tamén o procesaron en Lugo na causa 906/36 e na causa 907/36 polos delitos de rebelión e auxilio á rebelión.

Xulgado en consello de guerra en Lugo polo delito de auxilio á rebelión militar (roubo de dinamita), na causa 354/37. Xuízo contra varios veciños de Ourol.

A sentenza deste xuízo condenou á pena de morte a José Fernández Fernández; 20 anos de prisión para Antonio-María Ocampo Rivera; a 12 anos castigaron a: José Ben Romero, Eugenio-Benigno Cal Aguirre e Antonio Vidal López; condenaron a prisión temporal a José Temblás Paz. O auto decretou a absolución para Luis Ocampo Piñeiro e Manuel Osorio.

Ingresado no depósito de Viveiro (Lugo) o día 19/03/1940 e trasladado á Prisión Provincial de Lugo.

Interno na Prisión Provincial de Lugo, publicaron a súa liberdade condicional provisoria no BOE nº 7 do día 07/01/1942.

Retomou a actividade guerrilleira e nomeárono secretario xeral do PCE en Lugo no ano 1944. Pasou tempadas agochado na zona de Ourol, onde coincidiu con Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, en 1944. Escapou da caída de febreiro de 1946 en Lugo.

Tomou parte na organización da evasión do Santa Teresa, pero finalmente non quixo escapar, ao igual que Leonardo Gómez Pérez, Trancas. No momento da evasión Eusebio González Pedreira, regaloulle o seu fusil.

Líder da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) ata 1947, actuando especialmente no norte de Lugo (Viveiro, Mondoñedo, Chantada, Ourol, Palas de Rei, Monterroso, Monforte e A Pobra do Brollón).

Coincidiu neste grupo con: Manuel Insua, Plácido Rivera Cociña e Benedicto Escourido Cobo; despois da reorganización que se produce en decembro de 1947, despois da morte de José Vázquez Gómez, Ubaldo, en novembro. O outro grupo dirixiuno Jesús-María Iglesias Escourido, o Tizón.

En 1947 integrouse na IV Agrupación do EGG, no Destacamento Arturo Cortizas, liderado por Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche.

Neste destacamento estiveron, entre outras persoas: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche; Rogelio Alonso Corral; Benigno Andrade García, Foucellas; José Chao Rouco, o Benita; Amador Rodríguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Gallego Abeledo, Juan dos Buzos, Comandante; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Manuel Gómez Varela, Fera Brava, Manolo do Penso; Juan González Martínez, Perucho, Pinocho; Antonio López Arias, Canín; Francisco Martínez Leira, Pancho; José Remuiñán Barreiro, Ricardito, Simeón; Rosendo Sar Lantes, Rosendo de Alvedro, e José Temblás Paz, Temblás.

Temblás acubillábase con outros /seis compañeiros en Pazos, na casa de Hermenegildo Sanjuan Varela, onde se achegaran para exixir 25.000 pesetas aos donos; como non os tiñan nese momento, quedaron de volver ao día seguinte, cando a casa xa a arrodeara a Garda Civil de Irixoa (A Coruña).

Morreu nun enfrontamento coa Garda Civil en Pazos o día 31/10/1949, suicidándose xunto cos compañeiros Juan Freire Barcia e Rogelio Alonso Corral. Aos outros catro membros xa os abatera a Garda Civil: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, o xefe da partida sería o primeiro en caer, Antonio López Arias, José Chao Rouco e José Remuiñán Barreiro. Antes de rematar a traxedia, deixaron saír da casa á familia que se atopaban na vivenda.

Soterráronos nunha fosa común no cemiterio do mosteiro de Santa María de Monfero.

Por mos destes pasamentos o Tribunal Militar Territorial de Lugo incoou a causa 382/49, que rematou con sentenza de sobresemento.

Parella de Celia González Pernas, Celia da Ferraría, que morrera embarazada de oito meses nun cerco da Garda Civil no Forcón, A Pena Grande, Santo Estevo de Silán, Muras (Lugo) o día 21/06/1949, tres meses antes, nunha cova onde se refuxiaba o grupo de Temblás que ese día non se atopaba na zona. A cova descubrira un delator; con Celia morreran outros guerrilleiros.

Procesárono en Lugo por responsabilidades políticas e indultárono no ano 1960.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.