← Volver atrás

Rodríguez Castelao, Alfonso-Daniel-Manuel

Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Depurado. Exiliado

Nacemento:

Rianxo
(A Coruña)
- 29/01/1886 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Bos Aires
(República Arxentina)
- 07/01/1950 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Escritor, debuxante e político. 50 anos. Casado, tiñan un fillo: Alfonso (+1928). De 1895 a 1900 residiu coa súa familia na República Arxentina. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC), licenciándose no ano 1908. Funcionario do Corpo de Estatística en Pontevedra e profesor auxiliar numerario de Debuxo no instituto desta cidade.

No ano 1916 foi un dos co-fundadores das Irmandades da Fala.

Director artístico da revista Nós de 1920 a 1936. En 1923 contactou con Alejandro Bóveda Iglesias, funcionario de Facenda destinado en Pontevedra.

Participou o día 25/09/1930 no Pacto de Barrantes, que tivo lugar neste pazo de Ribadumia (Pontevedra) entre varias figuras do galeguismo e que propiciara o centrista Manuel Portela Valladares para combater as posicións gañadas por Santiago Casares Quiroga no Pacto de Lestrobe dentro do republicanismo galego. Ambos pactos preludiaban o triunfo da República en Galicia. En Barrantes defendeuse a autonomía, o anticaciquismo, a cooficialidade do idioma e o poder gobernamental desenvolvido polo pobo.

Entre os asistentes e asinantes deste pacto estiveron o centrista Manuel Portela Valladares, os galeguistas: Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas Enríquez, Luis Peña Novo, Enrique Peinador Lines, Florentino López Alonso-Cuevillas e Álvaro-María de las Casas Blanco. Tamén estaban os lerrouxistas: Ramón Salgado Pérez, Raimundo Vidal Pazos e Victoriano García Martí. Os agraristas: Isidoro Millán Mariño e Basilio Álvarez Rodríguez. Os correspondentes de El Pueblo Gallego: Jesús Bal y Gay, Ramón Fernández Mato. Tamén acudiron: Laureano Gómez Paratcha, o liberal Armando Cotarelo Valledor, Valentín Paz Andrade, Elpidio Villaverde Rey, Avelino López Otero e José-María Díaz Díaz-Villamil.

En 1931 participa na creación do Partido Galeguista (PG) e obtivo acta de deputado nas Cortes Constituíntes de 1931.

Neste ano 1931, para concorrer as eleccións ás Cortes Constituíntes, Vicente Martínez-Risco Agüero fundou, con Ramón Otero Pedrayo, o Partido Nacionalista Republicano de Ourense (PNRO), que en decembro dese ano pasaría a ser integrado no Partido Galeguista (PG). Otero Pedrayo obtivo acta de deputado e Risco non, o que significou a súa caída dentro do galeguismo e a ascensión de Otero Pedrayo e Rodríguez Castelao.

En Madrid acudía aos faladoiros no Regina, onde eran habituais: Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Antonio Villar Ponte, Fermín-Luis Fernández Penzol-Labandeira e Juan-Antonio Suárez Picallo.

En 1933 era académico da Real Academia Galega (RAG).

En 1934 desterrárono a Badaxoz polo seu apoio á folga xeral revolucionaria de outubro e alí permanece ata setembro de 1935.

En 1936 elixírono deputado pola Fronte Popular (FP) e participa activamente na campaña pro Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG).

Participou no Mitin de Mera, en novembro de 1935, co que se iniciou a campaña electoral do Partido Galeguista (PG), con Juan-Antonio Suárez Picallo, Antonio Villar Ponte e Alfredo Rebollar Martínez.

Depurado. Exiliado.

Cando comezou a guerra civil achábase en Madrid, onde se trasladara para presentar o Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) e organizou, xunto co comunista Santiago Álvarez Gómez, as Milicias Populares Galegas, que participaron activamente na defensa de Madrid. Logo pasou a Valencia e a Barcelona.

Segundo as súas declaracións, Santiago Casares Quiroga opúxose á presentación do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) diante das Cortes, tanto na súa etapa como ministro de Gobernación como cando era presidente do Goberno.

Despois do golpe rebelde depurárono como profesor de instituto e como funcionario de Estatística por resolución do día 15/02/1937.

Aconsellou a José López Bouza, presidente de Esquerda Republicana (ER) en Ferrol (A Coruña), que fuxira cando se produce o golpe militar. López Bouza participou na defensa da cidade contra os sublevados e fusilárono os rebeldes o día 30/08/1936 no cemiterio de Canido.

No ano 1938, despois de pasar por Rusia, exiliouse en Nova York (Estados Unidos), Cuba, e no ano 1940 pasou a Bos Aires. Participou en Montevideo o día 15/11/1944 na constitución do Consello de Galicia con, entre outras persoas: Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Antonio-Hipólito Alonso Ríos.

Ministro sen carteira do executivo republicano no exilio, de marzo de 1946 a xaneiro de 1947.

Morreu en Bos Aires, no Sanatorio do Centro Galego, atendido nos últimos momentos polo médico de Padrón (A Coruña) e tamén exiliado Ramón Rey Baltar.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.