Nacemento:
Morte:
Mecánico, 21 anos. De familia de labregos. Compañeiro de 1947 ata a súa morte de Ramona Curto Candal, Mirelle. Eran seis irmáns: Manuel, Elías, Luis, Otilia, Carmen e José. Veciños de Boelle, a súa familia traballaba para os Tella.
Aos 16 anos, a primeiros de 1932, ingresou voluntario no Corpo de Aviación no aeródromo de Cuatro Vientos (Madrid) e acadou o grao de cabo no Exército Popular da República, de aí o seu alcume de o Piloto.
Militante do PCE.
Encarcerado. Morte en enfrontamento.
Durante a guerra civil loitou cos republicanos, acadando o grao de cabo da Aviación. Despois do golpe de estado do coronel Segismundo Casado López, como comunista, enfrontouse aos casadistas.
Capturárono os franquistas no ano 1939 en Madrid ao finalizar a contenda española.
Xulgado co resultado de sentenza a cadea perpetua pero indultárono cando levaba catro anos no cárcere de Carabanchel (Madrid), do que sae no ano 1943.
Foi o último guerrilleiro da loita antifranquista en Galicia.
Ao lograr a liberdade agochouse baixo a aparencia dun traballador nun hospital.
No ano 1945 regresou a Galicia, á súa aldea de Boelle. Na clandestinidade seguía coa súa actividade política como militante do PCE e da Unión Nacional Española (UNE); mantivo contactos con Julio Nieto López, Cheval, Nardo, que era secretario xeral do Comité Provincial do PCE de Lugo, con Enriqueta Otero Blanco, María dos Dores, mestra e tamén do PCE de Lugo, e con Emilio Golás Rodríguez, o Villa, do mesmo partido.
Á súa chegada a Galicia contactou cos guerrilleiros e bótase ao monte no verán de 1945 para non ir ao servizo militar e formou parte da Partida de Curuxás, que dirixía Ramón Rodríguez Varela, Curuxás. Mentres, as forzas represoras molestaban e mallaban nos seus pais.
Por este grupo pasaron: Hilario Arroyo Medina, Medina; José-Luis Castro Veiga, o Piloto; José Díaz; Manuel Fernández Valle, Portafondón; Benedicto Fuentes Díaz, Benedicto da Rula, Antón; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Celestino Horta Resúa; Jesús-María Iglesias Escourido, Franco, o Tizón, Caudillo; Avelino Méndez Suárez, Asturiano; Lisardo Núñez; Guillermo Paredes Viñas, Guillermo da Canteira; Ramón Rodríguez Varela, Curuxás; Abdón Telesforo Vázquez e José Vázquez Otero.
Deixou o grupo de Curuxás e formou un grupo con desertores do exército e da mariña franquistas xunto con José Arias Fernández, Cristo, Dapena, o seu lugartenente. Tamén foi lugartenente do seu grupo Elías López Armesto, o Paxariño. Dentro da III Agrupación, nomeárono xefe pola súa condición de comunista e pertenceu ao Estado Maior. Baixo a súa dirección estivo tamén nesta década dos corenta José Pardo Rodríguez, o Rego, veciño de Sarria (Lugo).
En 1946 baten unha zona moi ampla na liña Castroverde-O Corgo-Sobrado, que chega ata o Principado de Asturias e León, pola comarca dos Ancares (Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Vilar de Frades, Becerreá, Toldaos, As Nogais, San Román de Cervantes, Noceda e Navia de Suarna). Por esta zona colaboran coa partida de Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva.
Neste ano, despois da detención dun gran número de militantes lucenses da resistencia antifranquista o día 14/02/1946, trasladou a súa zona de acción ao sur da provincia, cara á zona de Monforte de Lemos-Quiroga-Río Sil, que atravesaban decote para atacar no norte da provincia de Ourense.
No ano 1947 contou coa axuda de José Losada Ferreiro para recrutar algúns mozos da zona para que se integraran na súa partida. A José xulgárono por “auxilio a malhechores”.
Tamén se uniron ao seu grupo da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), no que era o xefe do Estado Maior, os enlaces queimados, Julio Fernández Rodríguez, Maximino Rodríguez Pérez e Julián Mateo Vázquez.
Na III Agrupación creou o Destacamento D, no que se integraron: Abelardo Gutiérrez Alba; Elías López Armesto, o Paxariño; José Arias Fernández, Cristo; Adolfo-Gregorio Cenitagoya González; José Pardo Rodríguez, o Rego, e Francisco López Quinte, Paco de Rigueiro.
A finais do ano 1947 o presidente estadounidense Harry S. Truman decide deixar a España nas mans de Francisco Franco Bahamonde; a guerrilla deixaba de ter sentido.
Cando un veciño delatou a Emilio Golás Rodríguez, que era o seu amigo e que morreu como consecuencia das feridas do enfrontamento coa Garda Civil, en vinganza, o Piloto queimou a casa do delator, un mutilado de guerra, con el e a súa muller dentro.
Despois da caída dos líderes do PCE en Galicia José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, participou en 1948 na reunión de San Xoán de Chavaga, Monforte de Lemos, na que se reuniron 63 combatentes, maioritariamente comunistas, pero tamén socialistas e cenetistas. Créase a II Agrupación do EGG, que cubriría as zonas do Bierzo, A Cabreira, Ourense e Lugo.
Mantivo enfrontamentos ideolóxicos por mor da uniformidade militar e os graos, entre outras, co novo xefe rexional das guerrillas Manuel Fernández Soto, pero acudía á reunión de Monfero (A Coruña) do ano 1948. Con Soto tamén estaba enfrontado Benigno Andrade García, Foucellas. Fernández Soto cesouno como comandante da III Agrupación por insubordinación; tamén cesou a Evaristo González Pérez, Rocesvinto, e a Guillermo Morán García, Asturiano.
O día 22/06/1949 en Pena de Remesar, Bóveda (Lugo), a Manuel Fernández Soto, Coronel Benito, Soutiño, a Bernardo Álvarez Trabajo, Gasta, e a Elías López Armesto, asasinounos o infiltrado da Garda Civil, Francisco Cano Román, quen entrara na guerrilla a través do enlace Senén Garrido. O Piloto, que puido fuxir, desvinculouse da organización e converteuse nunha especie de "topo"; tiña medo de que os comunistas o acusaran destas mortes e adicouse a actuar de xeito independente ata a súa morte 15 anos despois.
O día 27/05/1954, nun duro encontro, perdeu a meirande parte dos seus homes na zona de Paradela, Castro de Rei, ao norte de Monforte de Lemos, o que o obrigou a estar inactivo en 1955 e 1956. Logo segue inactivo e a espera, facendo de cando en vez algún golpe económico (atracos).
Reaparece na mesma zona en 1964 pero recoñeceuno un antigo compañeiro do servizo militar, do Saviñao, na feira de Chantada en marzo de 1965 e denunciouno.
O día 10/03/1965 seguírono despois desta denuncia e emboscárono preto do Club Náutico do encoro de Belesar, Chantada e abateuno a Garda Civil de Chantada. Levaba na loita 26 anos aínda que desde xuño de 1949 a súa existencia desenvolveuse como a de "topo". O operativo contra o Piloto iniciouno o brigada da Garda Civil na reserva, Ángel Fernández Blanco, Angelito, destinado ás instalacións de Fenosa con ese único obxectivo de cazalo, que foi quen o localizou e que xa desmantelara o grupo de Luis-María Trigo Chao, o Gardarríos, ao que rematara asasinando.
Para prendelo, unha vez que o descubriron, enviaron forzas da Garda Civil de Chantada, Escairón, Currelos, Taboada e Monforte de Lemos. Os primeiros en chegar ao encoro de Belesar foron o tenente Alejandro Díaz López, o sarxento Francisco Nodar e os gardas segundos: José Lage Meilán e Gerardo Vilas Sanjurjo; todo o operativo dirixíao o capitán da liña de Monforte de Lemos José López Vide.
Moi ao seu pesar, López Vide chegou ao remate do asasinato e tivo a "valentía" de arrearlle varias patadas no traseiro ao xa falecido Piloto.
A Castro Veiga asasinárono sobre as 11:30 h do 10 de marzo cando sentara para comer; segundo o informe policial “morreu nun enfrontamento, mentres disparaba para fuxir”. Segundo certas testemuñas non lle deron o alto, como se informa, disparárono e ferírono de catro balazos. Velárono no cuartel da Garda Civil en Chantada e soterrárono en San Fiz de Asma o día 12 seguinte.
A súa morte rexistrouse por mor dunha hemorraxia cerebral.
A prensa empregou os epítetos habituais de "forajido tristemente famoso, célebre asesino y reponsable de una partida de malhechores", cualificándoo ademais de "ladrón, atracador, asesino y violador". Ningunha referencia á súa condición de loitador comunista. Sería o último guerrilleiro español abatido de xeito violento polas forzas represoras.
Cando morreu realizábase a campaña “25 anos de paz”. A Castro Veiga dábanlle apoio 136 casas na zona de Chantada. Para os nenos era un heroe, antes que "El Capitán Trueno", "El Llanero Solitario" ou "Roy Rogers".
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.