Nacemento:
Morte:
Labrego, 24 anos. Veciño de Lago de Carucedo. Irmán de Julia Macías Fernández, encarcerada tres anos e denigrada polo feito de ser a súa irmá. Por veces traballaba nun caleiro da súa localidade.
Militante da CNT cando pasou ao monte.
Fuxido. Morte en enfrontamento.
Fuxido ao monte en 1936 para escapar da mobilización; fuxiran uns 40 mozos e o alcalde convenceunos para que se entregaran, Abelardo foi un deles. A súa irmá Julia díxolle que non se presentara pois ía ser mobilizado e Abelardo volveu ao monte. Os represores nunca llo perdoaron.
Adicouse a escarmentar confidentes e dereitistas.
Despois do golpe dos rebeldes organizou un grupo de resistentes do Bierzo na beira esquerda do río Sil, onde figuraban Enrique Oviedo Blanco, o Chapa; José-Miguel Blanco, Palitos; Manuel Álvarez Martínez, el Gaitero, e Gilberto Cuadrado Soto, Gipi, entre outras persoas.
Segundo a Garda Civil o día 17/03/1939 sería o responsable da execución de oito persoas en Lago de Carucedo. A verdade e que as mortes causaras Silvestre López Moral, quen estivera fuxido e na represalia polo asasinato do seu pai Ceferino López, asasinado uns días antes.
Un grupo notable na Serra do Eixo era o que dirixía Manuel Álvarez Arias, Bailarín, e os seus amigos Alfredo Yáñez Domínguez, o Aguirre; Domingo Rodríguez López, o Xirolo, Inca; José Vega Seoane, o Ánimas, e outros. Ao remate de 1937 uníronselles os que procedían do Principado de Asturias, como Manuel Girón Bazán, Girón; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Abelardo Macías Fernández, o Lebre; José Losada Yáñez (que morrería ese mesmo ano nun enfrontamento); Silverio Yebra Granja, o Atravesado; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; Abel Ares Pérez; Enrique Oviedo Blanco, Chapa, e varios máis.
Contrario a chegada dos asturianos e aos seus intentos de control das partidas, Manuel Álvarez Arias entregouse á Garda Civil e fusilárono por non informar sobre os seus camaradas.
O día 20/04/1940 dirixe un grupo que asalta varias tendas en Puebla de Sanabria (Zamora); no desenvolvemento dos feitos morren dous curas, varios cargos de Falanxe e unha veciña.
En xullo de 1940 formou parte do grupo, con Manuel Girón Bazán, Girón; Marcelino de la Parra Casas, Parra; José Vega Seoane, Ánimas; Enrique Oviedo Blanco, o Chapa, e Eduardo Pérez Vega, Tameirón, que tentaron pasar a Portugal; eran uns 30. Interceptados por axentes portugueses, tiveron que volver a España e continuar na loita armada.
Logo intégrase na organización de Marcelino Fernández Villanueva, Gafas, cubrindo como xefe da guerrilla a zona intermedia entre O Bierzo e Os Ancares leoneses e lugueses.
Participou no Congreso de Ferradillo, en Peña de Ferradillo, Priaranza del Bierzo, preto de Ponferrada, nos montes Aquilianos (León) do día 24/04/1942, no que se reuniron 24 guerrilleiros de todas as tendencias políticas, asturianos, leoneses e galegos, e que deu lugar á creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FG).
Elixiuse un Estado Maior dirixido por Marcelino Fernández Villanueva e no que tamén figuraban César Ríos Rodríguez, Mario Morán García, Abel Ares Pérez, Marcelino de la Parra Casas e Manuel Girón Bazán como lugartenentes. Había cinco socialistas, catro anarquistas da CNT, seis da UXT, catro comunistas e cinco sen adscrición política. A base de operacións era a Serra do Eixe, nos montes de Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras (Ourense).
Os 24 asistentes a este congreso foron: Edelmiro Alonso García, Delmiro; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Abel Ares Pérez; Miguel Cuellas Gómez, Artillero; Antonio Fernández Crespo, Fuenteoliva; Marcelino Fernández Villanueva, Gafas; Manuel Girón Bazán, Girón; Manuel Gutiérrez Abella; Abelardo Gutiérrez Alba; Gerardo Lamas Cerezales; Pedro Lamas Cerezales, Pedrín; Abelardo Macías Fernández, Lebre; Guillermo Morán García, Asturiano; Mario Morán García; Antolín Murias, Paciencia; Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira; Enrique Oviedo Blanco, Chapa; Marcelino de la Parra Casas, Parra; Amador Pérez Poncelas; Eduardo Pérez Vega, o Tameirón; César Ríos Rodríguez; Arcadio Ríos Rodríguez; José Vega Seoane, Ánimas, e Pedro Voces Canóniga, Pitaciega.
No ano 1942, con outros oito guerrilleiros, asalta un coche de liña na Bañeza (León), acción na que morren dous gardas civís e catro veciños da zona.
En 1943 condenárono por indisciplina a unha lixeira pena no Tribunal da Guerrilla.
Acubillábase na casa de Alpidia García Moral en Sobrado (León) con cinco compañeiros e, o día 29/10/1943, descubriunos a Garda Civil. Morreron dous gardas civís e unha veciña que tiñan retida os gardas. Os guerrilleiros conseguen fuxir todos.
No IV Congreso da FG, realizado entre o 10 e o 12 de outubro de 1944, nomeárono, con Victorino Nieto Rodríguez, Cuñeira, responsable dunha das catro guerrillas da I Agrupación. O seu grupo, de oito homes, actuou no triángulo Ponferrada-Lugo-Ourense.
O día 09/07/1945 participou nunha redada á Garda Civil, en Penas Brancas, A Edreira, na serra da Corbaceira, con Domingo Rodríguez López, Xirolo, Inca; José Vega Seoane, o Ánimas, e Miguel Cardeñas Lozano, o Cardeña, na que deron morte a catro números; tamén morreu o Ánimas ao estouparlle unha granada que ía lanzar sobre a patrulla da Benemérita. Abelardo Macías Fernández puido saír indemne desta acción.
O 21/10/1945 desprazouse a Dragonte, Corullón (León) con Silverio Yebra Granja, o Atravesado; Guillermo Morán García; Odilo Fernández Rodríguez, Blas, e Evaristo González Pérez, Rocesvinto. A causa era a vinganza contra os veciños que provocaran o ingreso na cadea de Rocesvinto; morreron catro veciños e o cura Recesvinto Ruiz Sánchez.
O día 25/07/1946 detiveron a súa compañeira, Carmen Jérez Rodríguez, na Fervenza, Santa María do Monte, O Barco de Valdeorras (Ourense), e o día 03/05/1947 apareceu morta en Montearenas, Ponferrada (León). Violada en moitas ocasións mentres a tiveron presa e, finalmente, asasinada; atopábase en estado por mor das moitas violacións que tivo que padecer.
En 1948 disólvese a FG e cando a maioría dos guerrilleiros sobreviventes decidiron pasar a Francia, el decidiu continuar a loita no Bierzo. Sempre refugou entrar no Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG), que controlaban os comunistas, e actuou de xeito autónomo.
A finais de 1948, Abelardo Macías Fernández; Hilario Álvarez Méndez, Bienvenido; Victorino Nieto Rodríguez; Oliveros Fernández Armada, Negrín, e Alpidia García Moral, chegaron á zona fronteiriza entre Lugo e León.
Por mor dunha delación a Abelardo Macías abatérono cando viaxaban cara Francia, o día 17 de marzo do ano seguinte, en Villasinde, xunto con Hilario; a Alpidia detivérona e fusilárona diante de varios veciños. Victorino Nieto Rodríguez e Oliveros Fernández Armada, Negrín, puideron fuxir.
Moitas das accións salvaxes que se lle atribúen deben ser entendidas no contexto de ser esa zona a do máis grande bestialismo na represión policial.
Xulgado no Tribunal Militar Territorial de León na causa 471/45, na causa 193/46, na causa 230/46, na causa 479/47, na causa 112/48, na causa 280/48, na causa 291/48 e na causa 58/49.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.