Nacemento:
Morte:
Militar, 49 anos. Casou en 1922 con Consuelo Bascón; tiveron catro fillos. Veciños de Pamplona (Navarra). Regresou a España coa familia despois do desastre de 1898. En 1904 ingresou na Academia de Infantería de Toledo, onde se graduou como tenente en 1907. Veterano da Guerra de Marrocos, en 1912 ascendérono a capitán por méritos de guerra, comandante en 1915 e tenente coronel en 1921. En 1927 ascendeu a xeneral de brigada, xa na ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja. En África, tiña como xefe de Estado Maior, ao comandante Juan Barja de Quiroga. Director xeral de Seguridade desde o día 13/02/1930 na dictablanda de Dámaso Berenguer Fusté; subdividiu ás forzas de orde pública en dous corpos: o Corpo de Vixilancia e o Corpo de Seguridade e Asalto.
Estaba obsesionado cos masóns, detrás dos que entendía que estaban os xudeus.
O día 14/04/1931 proclámase a II República e o seu pasado fixo que o novo executivo o cesase inmediatamente no seu destino.
Despois do fracaso do golpe de Jose Sanjurjo Sacanell, a "Sanjurjada", aínda que aparentemente non tivera intervención, o Goberno de Manuel Azaña Díaz pasouno á segunda reserva. En maio de 1935 amnistiárono e reingresou como colaborador de Francisco Franco Bahamonde no Estado Maior Central do Exército. En agosto de 1935 nomeárono xeneral xefe das Forzas Militares en Marrocos, cando José-María Gil-Robles Quiñones era ministro de Guerra, nun Goberno radical-cedista que presidía Alejandro Lerroux García.
Coa chegada ao poder da Fronte Popular (FP) a varios militares cambiáronos de destino para evitar a conspiración militar. Mola rematou destinado como gobernador militar en Pamplona ao mando da 12ª Brigada de Infantería, un lugar afastado e onde estivera a marxe dos asuntos políticos.
Golpista.
Pronto se uniu ao grupo de militares que planeaban derribar a II República. Despois dun intento de sublevación en Madrid, a mediados de abril, dos xenerais Ángel Rodríguez del Barrio e José-Enrique Varela Iglesias. Mola asume ese mesmo mes a dirección dun movemento militar para derribar o Goberno da FP.
O día 08/03/1936 participa na reunión conspiradora da rúa Xeneral Arrando, 19, en Madrid, domicilio do deputado da CEDA, José Delgado Hernández de Tejada. Nesta reunión estaban: Francisco Franco Bahamonde, Luis Orgaz Yoldi, Emilio Mola Vidal, Rafael Villegas Montesinos, Joaquín Fanjul Goñi, Ángel Rodríguez del Barrio, Andrés Saliquet Zumeta, Miguel García de la Herrán Martínez, Manuel González Carrasco, Luis-Miguel Limia-Ponte Manso de Zúñiga, o coronel José-Enrique Varela Iglesias e o tenente coronel Valentín Galarza Morante, pola Unión Militar Española (UME). Falaron de que era imprescindible dar un golpe de Estado, que José Sanjurjo era o líder máis adecuado e o 20 de abril o día do pronunciamento. O día 20/04/1936 non houbo ningún movemento cuarteleiro. O executivo republicano decatouse do suficiente como para encarcerar a Varela Iglesias e confinar a Orgaz en Canarias. Franco non contrae compromisos firmes naquela reunión. Emilio Mola, encargado por Sanjurjo comeza a preparación nos dous meses anteriores ao alzamento; Franco segue reticente e a finais de maio segue nas mesmas. Mola, quen o considera imprescindible para o golpe polo seu prestixio, comeza a sentirse molesto con el.
Mantivo duras negociacións cos carlistas a nivel nacional. Mola defendía a bandeira tricolor republicana e os carlistas a bicolor monárquica; os carlistas non querían unha ditadura militar republicana e propugnaban un Goberno democrático sen partidos e con Sanjurjo (de orixe carlista e navarro) como líder. O día 9 de xullo houbo unha ruptura de negociacións e cancelouse o plan de sublevación previsto para o día 12 en Pamplona. Os requetés navarros apoiaron a Mola. Despois do asasinato de José Calvo Sotelo os carlistas deixaron as diferenzas para que no seu momento resolvera Sanjurjo e secundaron a rebelión.
Tamén mantivo contactos co falanxista Manuel Hedilla Larrey, entón xefe provisorio de Falanxe por mor do encarceramento de José-Antonio Primo de Ribera Sáenz de Heredia, que se sumou aos preparativos do golpe de Estado.
O día 16 entrevistouse no Monasterio de Irache, Ayegui (Navarra) co seu superior, o xeneral Domingo Batet Mestres, que lle preguntou se tiña algo que ver coa inminente sublevación. Mola contestou "Yo lo que aseguro es que no me lanzo a ninguna aventura". Batet saíu convencido da lealdade de Mola e así o fixo saber ao Goberno.
En maio o director xeral de Seguridade, José Alonso Mallol, entregoulle a Santiago Casares Quiroga e a Manuel Azaña Díaz unha listaxe de 500 implicados na conspiración. O día 16/07/1936 varios membros da Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA), indicaron a inminencia da sublevación e solicitan a destitución dos xenerais Manuel Goded Llopis, Francisco Franco Bahamonde, Joaquín Fanjul Goñi, Emilio Mola Vidal ou José-Enrique Varela Iglesias, así como outros sospeitosos; incluso un grupo nacionalista marroquí o advertiu. Casares seguiu sen facer nada; nunha ocasión dixo do xeneral Emilio Mola (cerebro da sublevación) que era “un general leal a la República”.
En xullo de 1936, Juan García Gómez-Caminero era inspector xeneral do Exército e redactou un informe, antes de estoupar a rebelión, no que sinalaba que se debía relevar do mando ao xeneral Emilio Mola Vidal xa que “podía constituir un peligro”.
Despois de varios atrasos o director Mola enviou varias instrucións secretas ás unidades comprometidas co alzamento e comunicou que o día sinalado era o 18 de xullo. Logo do éxito no Protectorado de Marrocos e das Canarias, esperou ata o día 19 para levantarse en Navarra co decisivo apoio dos carlistas. "La acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible al enemigo, que es fuerte y bien organizado", "serán encarcelados todos los directivos de los partidos políticos, sociedades o sindicatos no afectos al movimiento, aplicándoles castigos ejemplares".
Na noite do 18 ao 19 de xullo o presidente do Goberno por unhas horas, Diego Martínez Barrio, en conversa telefónica incluso lle ofreceu o Ministerio da Guerra para evitar a contenda armada. Mola non accedeu dicindo que xa era demasiado tarde. "Tenemos que causar una gran impresión, todo aquel que sea abirta o secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado". “Tenemos que sembrar el terror. Yo veo a mi padre en el bando contrario y lo fusilo”.
Ao seu superior inmediato, o xeneral Domingo Batet, destituírono os rebeldes por non unirse ao golpe e a Mola designárono o seu substituto como xefe da VI División Orgánica (Santander, Burgos, Palencia, Logroño, Araba, Biscaia, Guipúscoa e Navarra). O golpe fracasou na procura do control da maior parte do país e a rebelión evolucionou cara unha guerra civil.
O executivo mandou a Miguel Núñez de Prado Susbielas a tentar convencer a Miguel Cabanellas Ferrer de que non se sumara á rebelión. Ao chegar a Zaragoza, a Núñez de Prado prendérono os militares sublevados e trasladárono a Pamplona a disposición de Emilio Mola; logo fusilárono.
Na cidade da Coruña convenceu ao tenente coronel Pablo Martín Alonso de sumarse ao golpe dos rebeldes, tendo como enlace entre ambos ao auditor Tomás Garicano Goñi.
Sanjurjo morre en accidente de avión en Estoril (Cascais, Portugal) o día 20. O golpe fracasa e quen tiña que coordinalo viña de desaparecer creando un importante oco de poder. Franco acadaba o mando do Exército de África; Mola quedaba ao mando do sublevado Exército do Norte e despois do fracaso da toma de Madrid en xullo e en outubro, empeñou a súa estratexia na conquista de Bilbao, que caería o 19/06/1937, pouco despois da súa morte. Os bombardeos da Lexión Cóndor alemá sobre tropas e civís foi determinante nesta conquista militar.
A Franco, cheo de popularidade e de éxitos militares, os seus compañeiros da Xunta de Defensa Nacional promovérono a xefe de Estado e titulárono "Xeneralísimo" de todos os exércitos o día 28/09/1936. En setembro Francisco Franco xa era o candidato mellor colocado para asumir o mando de todas as tropas. Emilio Mola rechazaba como herdeiro da coroa a Juan de Borbón, Franco aceptábao e isto entregoulle tamén o apoio dos monárquicos. Tamén contou Franco cos apoios dos xenerais Alfredo Kindelán Duany, Nicolás Franco Bahamonde, Luis Orgaz Yoldi, Juan Yagüe Blanco e José Millán-Astray Terreros. Incluso chegou a contar coa conformidade reservada de Mola. Só Miguel Cabanellas Ferrer, que o tivera baixo ás súas ordes en África, se opuxo, temendo que se convertera no ditador no que logo se converteu.
No desenvolvemento da guerra, o día 03/06/1937, Mola falece noutro accidente de aviación, nun choque contra un monte da avioneta Airspeed Envoy na que voaba, un día de temporal, en Alcocero, cando se dirixía á fronte de guerra por mor da ofensiva ofensiva republicana sobre Segovia, en La Granja.
Xurdiron rumores arredor da súa morte, pois esta favorecía a Franco; non existen probas de que houbese unha sabotaxe contra o Director. Mortos José Sanjurjo e Emilio Mola, Franco tiña vía libre. O xeneral Fidel Dávila Arrondo sucedía a Mola no mando do Exército do Norte e que sería quen de tomar Euskadi, Cantabria e o Principado de Asturias para os rebeldes.
Foi un dos 35 cargos franquistas imputados no ano 2008 na Audiencia Nacional, no sumario instruído polo xuíz Baltasar Garzón Real, polos presuntos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Para ofrecer as mellores experiencias, empregamos tecnoloxías como as cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento para o uso destas tecnoloxías permitirános procesar datos como o comportamento de navegación ou identificadores únicos neste sitio web. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas funcións e características.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.
Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.